Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Artechá

martes, 07 de enero de 2014
O comezo do ano abre un ronsel de obxectivos, novos propósitos e iniciativas, emporiso imos encetalo co enxeño das e dos artesáns, porque elas e eles poñen toda a súa tenrura e creatividade no material que teñen entre mans: barro, pedra, madeira, ferro, etc., e imos facelo co ritmo que nos marca a artista Pilar López Cupeiro, de Vilapene de Cospeito. Asemade este novo ano vai deitarnos estes e máis elementos para que cadaquén siga construíndo un 2014 máis proveitoso e máis fermoso. Nun período no que imos celebrar ó poeta Díaz Castro que nos deixou coma coroa da súa traxectoria: “a beleza feriume para sempre”. Este escritor valorou coa súa ollada de creador a achega dos canteiros e carpinteiros da súa familia, gustaba de visitar o obradoiro do seu padriño Eustaquio.

A artista de Cospeito prométenos neste ano abrir a tenda dixital para visualizar e adquirir co comercio electrónico obxetos artísticos que transmiten a luz, a mesma teima do poeta de Guitiriz: rodear de luz as cousas máis sinxelas, as que conviven con nós, arrincar a chispa que garda cada criatura... Ambolosdous escolleron o mesmo leito: promocionar a nosa contorna máis doméstica dunha cualidade estética que faga máis alumeadora a nosa vida cotiá.

A arte é unha espiral que non fai máis ca medrar, así un mural de cerámica de Pilar é un dos fondos da Casa das Palabras, onde Xermolos conserva a obra de Díaz Castro, a palabra escrita, e no que tamén integrou a cultura oral: as lendas..., a través de murais que recreou Pilar: os relatos da “Cova da Serpe” e “Na cidade asolagada” do Boedo, sen dúbida inspirada na de Cospeito. Este mural foi confeccionado a dúo con outro creador Xavier Quijada, Presidente de Artechá, o colectivo de artesáns da Chaira, e partícipe activo de dúas esculturas dedicadas a Díaz Castro, autor da que loce na avenida que leva o seu nome, na entrada de Guitiriz dende Os Vilares, o seu berce, e coma mestre na Escola de Canteiría de Xermolos, a do seu discípulo Secundino Miragaya que deixou a súa pegada no Campo de Bascuas, un santuario ó que peregrinaba o poeta.

Nesta liña de dignificar e embelecer o mobiliario urbán foi Pilar a que deseñou e creou as pingas de auga que identifican os nomes das rúas e prazas de Guitiriz e Parga.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES