Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Políticos: Non son todos... pero propician o xuízo

viernes, 03 de enero de 2014
NON SON TODOS...; PERO PROPICIAN O XUÍZO.

Non hai moitos días lin un interesante artigo que facía alusión a corrupción dos políticos. Razoaba, e con moito xuízo, que non TODOS os políticos eran corruptos. Isto non admite réplica. Pero sitúanse no contexto, sempre estendendo cortinas de fume, porque desexan ante todo salvar o seu grupo, con actitudes máis propias de INDIVIDUOS dunha grea, que de PERSOAS integrantes dunha agrupación de cidadáns. Créanme que é unha pena ver persoas moi valiosas en esas condicións!.

A verdade é que as redadas xudiciais de empresarios e políticos, como nodos importantes dunha arañeira económica e política, en incremento, produce unha verdadeira sensación de desalento, cando non unha arritmia, un atafego no necesario sosego dunha sociedade xa de por si abondo abaneada por la súa propia dinámica estrutural.

Permítanme acudir a unha explicación que me parece que tal vez poida axudarnos a comprender que unha importante porcentaxe de cidadáns VEXA aos políticos COMO corruptos. Na miña modestísima opinión, hai razóns epistemolóxicas e razóns de comportamento.

Acudo a un filósofo americano da filosofía da ciencia, a Norwood Russell Hanson (1.924 – 1.967), autor dunha obra moi coñecida neste campo, titulada “ Patterns of Discovery” ( Patrones de descubrimiento”, en español, Alianza Universidad, 1.977, Madrid). Nela mantén a teses de que VEMOS e PERCIBIMOS non exacta e estritamente o que poderíamos recibir polos sentidos, senón que chega a nosoutros filtrado a través de informacións sensoriais e experiencias anteriores contextualizadas, xerando as concepcións previas. Podería valer que sempre interpretamos as cousas e os eventos barutados pola rede dos prexuízos.

Tampouco é tan orixinal esta idea, se non fora que o filósofo aprovéitaa con extraordinaria minuciosidade, zarandeándoa no ámbito do coñecemento científico, que nada nos interesa a nosoutros aquí.

Digo isto porque xa sabíamos todos aquilo de que “nada é verdade nin mentira, senón que todo depende da cor do cristal con que se mira”. E por se non o lembro noutro lugar más indicado deste artigo, quixera que vostedes se fixaran en que a cor dos cristais a través dos que miran a corrupción, sendo membros das greas, non é a mesma que as das persoas desvinculadas, dende a palestra cidadán.

A este respecto, a profesora mexicana Maricruz Galván Salgado, nun estudo doutra índole, pero referíndose ao filósofo citado, escrebe:
“...dadas as mesmas informacións, é posible estruturar estas de modo distinto en función do coñecemento previo que se posúa, afirmando así a posibilidade de experiencias diferentes aínda que se teñan fronte de si os mesmos obxectos”.

E máis adiante matiza isto así:
“A experiencia encóntrase condicionada polo transmitido e ensinado, de modo que non é posible soster máis o postulado dunha base empírica neutral dende a que se pretenda encontrar unha relación biunívoca e necesaria entre o enunciado e o feito...”.

Por suposto, ninguén é capaz de compartir todas as observacións dos demais, pero si bastantes delas, que temos en común, e que nos permiten entendernos sen trampas e argucias. E incluso, se houbera vontade, poderíamos intercambiar os cristais para acadar máis obxectividade, uns e outros.

Pero vexamos agora COMO inflúe o comportamento nesta apreciación cidadán dunha corrupción xeneralizada nos políticos, e tamén en certos empresarios. E para que se comprenda aquela, paréceme que non sobra aquí a advertencia de que o pobo conta cun nivel de preparación suficiente para captar aas argucias dos políticos, e moitas veces xa as espera para colmo do ridículo e da incompetencia deles, e non en poucas ocasións sente o desdén silvestre dos que están en postos que os superan.

É vergoñoso e decepciona o feito de que, cando aparecen casos de corrupción de afiliados a un partido político, sempre se digan as mesmas cousas, xa esperadas por un pobo que, por suposto, non as cre.

Este comportamento gregario comporta unha irresponsabilidade moral e, en algúns casos, ata de voluntariedade delituosa, e causa a sensación dunha cobertura impropia de persoas carentes do necesario sentido de disposición para velar polos intereses da sociedade, á que pertencen, de maneira honesta.

A actitude que os partidos políticos teñen cando hipocritamente falan de acatar as resolucións xudiciais, son dunha puerilidade xurídica abraiante, porque o expresan en clave retadora para o mesmo pobo, como se esa actitude non fora obrigada nun estado de dereito, con independencia dos recursos que procedan, a igual que os restantes cidadáns, que non ignoran a vontade que teñen de eludila incluso con descarados indultos e amaños inconfesables.

Pero tampouco é menor a culpabilidade de permitir os fanfurriñeiros desacatos daquelas autoridades que teñen a obriga de actuar dentro do marco xurídico que os lexitima, e sobre todo ignorando o contaxioso destes comportamentos.

Sumemos, ademais, a isto que, en cambio, proxéctanse regulacións lexislativas inoportunas e innecesarias, provocando convulsións sociais; pero os políticos con responsabilidades de goberno confunden os seus criterios subxectivos de oportunidade cos obxectivos, e obstínanse en manter ao pobo en constante tensión.

Por outra parte, derivar decisións transcendentais, por preguiceira comodidade, cara a soberanía nacional do pobo, cando esta xa fixo uso da mesma, designando o executor con competencias que non asume, polo menos é o que se chama “desculpa de mal pagador”, se non é, lamentablemente, unha pallasada, porque o pobo sabe moi ben que en moitas cuestións importantes non se lle consulta, alegando un abraiante apoio popular previo.

Sospeitan moitos cidadáns que o da doutrina Parot tal vez foi unha boa ocasión aproveitada para ceder en posibles amaños cos terroristas, porque os gobernos, dun e doutro signo, todo o mundo sabe que puideron ter arranxado o problema previamente vía novas tipificacións delituosas, ou... que pinta esa profusión de asesores que posúen as institucións gobernamentais?.

Reitera a oposición a cualificación do ano 2.013, como o ano das tres Ces: Crise económica, Crise territorial e Crise das pensións. Pero o pobo lembra que a primeira foi ignorada, a segunda acentuada cunha claudicación estatutaria e a terceira cunha conxelación das pensións. Todo polo goberno socialista. Isto sabeo o pobo. Por qué non se empeza por aí a hora de falar destas crises e se dan explicacións?.

Por qué non se di que xa o Presidente Aznar, colaborando co neocapitalismo, axudou a incoar a económica?. E señores do goberno e da oposición, por que non falan da crise ética?. Acaso os afecta a vostedes?. E por que non falan dos cheiros gürtelianos, dos aires fétidos dos magnates cataláns, dos Eres andaluces, do Pokemon galego e de outros etcéteras, en vez de andar argallando nas nubradas das fumaredas para diluír as responsabilidades?.

Con todos os respectos, referirse ao Señor Presidente do goberno, pese a todo canto di (que non son nada máis que as repeticións no molde das mesmas fórmulas estereotipadas), equivale a insistir nos archicoñecidos principios de Lampedusa e de Tancredo: adoptar cambios accidentais, de verniz, e apoiarse, explícita ou implicitamente, nunha prudencia especialmente aplicada cunha actitude “tancredista”, como si na vida ordinaria non se aconsellara nas distintas dinámicas e cambios, como, por exemplo, nos consellos a un condutor nas estradas ou a un innovador.
A isto eu teimo chamarlle, modestamente, “prudencia imprudente”, que é o que aquel puxo de releve no último discurso deste ano. E entón sobraban os aspaventos prodigados na oposición, para despois reiterar algunhas prácticas acremente criticadas, e ata con evidente mala educación.

Que xuízo, pois, queren que nos formemos os cidadáns duns políticos que lexislan sobre materias que requiren sosego, estabilidade e cordura ética con unha provisionalidade incualificable, como o ensino, o aborto, as reformas laborais,etc.?. Si..., unha “provisionalidade” que non vai máis aló do tempo que tarde en subir ó poder a oposición. E volta a empezar. Acaso está o país para estes bambeos?.

E xa para terminar, convertan todo isto que, dunha maneira ou doutra, lle foi transmitido ao pobo, en filtros cognitivos, e deixen operar a epistemoloxía hansoniana, para que forme conceptos e xuízos dos seus políticos e algún empresario novo rico, e díganme se, AÍNDA QUE NON SEXAN TODOS..., acaso non PROPICIAN todos que os xulguen por igual?.

Porque...quen da cor ao cristal a través do que mira o pobo?. É que cando o nivel medio de comprensión dun pobo dos feitos e eventos que vive está por encima de quen o goberna ou aspira a facelo, a autoridade necesaria (no sentido de AUCTORITAS) debilítase ata o extremo de dar paso a autoridade imperativa (en sentido de IMPERIUM), como único recurso para manterse no poder. E o pobo, non o dubiden, intuíu.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES