Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

El Belén de Begonte es una farsa... (I)

jueves, 02 de enero de 2014
EL BELÉN DE BEGONTE ES UNA FARSA. FUERA DE ÉPOCA Y DE LUGAR
(I)

Se alguén picou e se puxo a ler incitado ou incitada polo titular, doume présa en aclarar que foi feito a propósito e con mala idea, pero movido polo que me dixeron que se dicía ós alumnos nas escolas de periodismo. A verdade é que non sei a ciencia certa se se dixo algunha vez nin se se segue dicindo, porque nunca pisei, nin de visita, unha escola de periodismo.
Escoitei que se ensinaba que o feito de que un can roia a unha persoa non é noticia. A noticia é que unha persoa roia a un can.

Por iso comecei dicindo o contrario do que penso e iso que non escribo ó ditado de ningunha empresa que me teña collido polo estómago ou que estea en perigo de iniciar outro ERE, que tampouco é noticia nos tempos que corren.

Por si mesmo o Nadal préstase para chamar a atención e servir de reclamo de lectores, de oíntes, de televidentes u ou de internautas.

Boa proba diso foron as trifulcas que se armaron o ano pasado nos máis variados medios sobre o libro de Benedicto XVI “La Infancia de Jesús”.

Case non falaban doutra cousa os tertulianos, especialmente os que non leran o libro. Non se armou pequena escandaleira botándolle a culpa ó Papa de espombar dos nacementos á mula e ó boi! Incluso os que levan anos tratando de suprimir dos beléns e da vida social ó Neno Xesús e ó resucitado Xesucristo, puxeron o berro no ceo e no inferno, porque un “ignorante” coma o gran teólogo Razsinger lles abrira a cancela para botalos fóra do portal, ou o que é peor, insinuara que nunca estiveran no pendello.

Miña maíña, como se puxeron os que no Nadal só celebran o Papá Noel, degradación do bispo do século IV San Nicolás Bari, reducíndoo a un simple home-anunciao de Coca Cola ou en saltasebes e escala paredes.

En vista de tanto barullo e tanto revoltixo, boteime á librería “La Voz de la Verdad” –non sei se estará permitido meter publicidade, pero agora xa vai- e merquei o libro de Razsinger a ver se era certo ou non que suprimira por decreto a estes dous animaliños. A miña sorpresa foi maiúscula cando me atopei con que o Papa dicía o mesmo que eu dixera había xa hai anos nas prédicas do Nadal, (será un copión calquera?). É dicir: que en dos dous evanxeos que din algo da infancia de Xesús, o de Mateu e o de Lucas, non se fala para nada da mula nin do boi.

Tamén di que foi o Pobriño de Asís, quen no primeiro belén vivente do que temos noticia, aló polo ano 1223 incorporou unha mula e un boi.
Que moveu a San Francisco de Asís a levar animais ó belén vivente? Pois, nin máis nin menos ca o seu amor á natureza e ós seres ¿irracionais? que nela viven ós que mesmo lles chamaba irmáns, coma por exemplo os de medio ambiente ó lobo.

Pregunteille a un psiquiatra amigo meu por que algúns dos que máis arremeten contra a fe en Xesucristo e veñen a dicir que os crentes somos uns intolerantes e ignorantes igual ca-, poñamos por caso, Wernher von Braun, se poñerían así por unha mula e un boi máis ou menos.
Respondeume o psiquiatra amigo meu con moita confianza: -É por un problema de identificación. Son cento cincuenta euros da consulta que chos cobra a secretaria.

Se acertamos a non ser amigos... Eu, pobre de min, só dixen: -Mande usted?

-Cento cincuenta -repetíu el e aclaroume sen cobrar nin un euro máis, que o problema é de confusión de identidade, porque non teñen ben definida a personalidade, e identifícanse máis axiña coa mula e o boi ca co Neno do presebe. -Ai, por iso! Mira ti! -dixen eu- Morrendo e aprendendo. Non somos nada.

A ver que sorpresa nos teñen preparada para o Nadal deste ano; porque, como di un cura da diocese de Mondoñedo-Ferrol á que eu tamén pertenzo, Francisco Xavier Martínez Prieto, especialista en moitas cousas, entre elas historia, cine e biblia, todos os anos algúns medios de comunicación saen con algunha xenialidade polo Nadal, coma, que os Reis non eran magos, ou que os magos non eran reis, que a ver quen lles deu permiso para marcharen dos seus reinos sen cadeas contra a neve nin os teléfonos móbiles ben cargados, etc.

Penso eu se falar de sensacionalismos referentes ó Nadal non será debido a que, como as cortes nacionais e autonómicas quedan sen gando por mor das vacacións, hai pouco de que falar nos xornais, radios e televisións neses días.

Este ano que vimos de rematar foi histórico na vila de Castro de Rei, porque por primeira vez tivemos un mago de cor negra sen necesidade de tisnalo, porque xa era desa cor de seu natural. O que resulta aínda máis curioso e que me aceptase a proposta de ir de rei nunha festa católica sendo el musulmán. En sinal de gratitude e da boa disposición deste municipio de Castro de Rei, que, por ser chairego, tén amplos horizontes, agasallouno o alcalde, Francisco Balado, con un Corán, dedicado e todo.

O Corán mercárao eu o mesmo día e na mesma librería que mercara o libro do Papa. A dependenta que me despachou díxome:

-Se los envuelvo en papel de regalo?
Eu respondinlle:
-Nin de regalo nin de estraza, e ponme os dous na mesma bolsa e de cara un para o outro, que quero facer un experimento.
-Y que exparimento, si no es mucha la pregunta?
-Pois, comprobar se se pelexan entre eles.
-Pues ya me contará.
-Xa, xa –dixen eu e funme despois de pagar co dez por cento de desconto por ser cura.

(continuará...)
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES