Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Paraísos Cercanos

lunes, 30 de diciembre de 2013
Creo que é -ou, polo menos, foi- un programa de televisión da canle 'Viajar', no que a cercanía era un termo relativo, xa que logo, os lugares amosados non eran susceptibles de seren visitados nin nunha xornada nin en dúas, aínda que é certo que non tocaban os alonxados horizontes do Índico, poñamos por caso.

En todo caso lembrei este titular no transcurso dunha viaxe realizada estes días de lecer natalino a un dos meirandes paraísos que eu coñezo e que sen ningún tipo de chauvinismo ou provincianismo papaleixón lle recomendo, benquerido lector, se por un casual se atopa unha mañá con gañas de saír da casa e non lle aparece ningunha referencia no mapa que esixa máis importante atención.

Explícollo de contado. Hai unhas semanas escribín en dúas ocasións sobre as virtudes turísticas do Parque Nacional 'Peneda-Gerês', sobre o alto grao de potencial de visitantes que albergaba ó longo do ano, así como do pouco tino que en Ourense estabamos tendo para tratar de captar un fluxo estes turistas para que aproveitaran para coñeceren, cando menos, a zona suroccidental da provincia de Ourense.

Pois ben, despois de ter falado sobre iso, o meu amigo Luís González Tosar recriminoume cariñosamente que con tantas veces que tiña estado en Celanova, nunca fora quén de levalo por esas estradas secundarias que se perden polos penedíos da serra do Pisco, da Peneda ou do Xurés e que cando viran cara o sur se transforman en lugares máxicos, propios do mito dos gnomos, con camiños e vereas que provocan camiñar por máis que teñan pendentes prohibitivas para un día de temporal.

Loxicamente, nestes días de solsticio invernal a luz solar hai que consumila con frugacidade, mesmo como fan eses seres praieiros nos comezos do verán que incluso colocan trebellos refractantes ó seu redor co fin de non perder unha raiola só de ondas ultravioletas, e, polo tanto, para empezar a iniciarse no coñecemento deste mundo arraiano, trazamos un itinerario que comezou polas terras altas da Cela (Lobios), onde o San Rosendo que hai xa 37 anos Xosé Cid fixo agromar dun dos infinitos 'bolos' graníticos que se reparten pola montaña, hoxe xa mora mimetizado co ambiente.

Logo tomamos a estrada de Riocaldo para encontrarnos coa 'Vía Nova', que unhas millas máis arriba se transforma en 'Geira', e de contado cruzar a Mata da Albergaría para gozar do privilexio de ver saltar fervenzas por entre os carballos e as sobreiras coma se fosen corzos que aparecen e se van sen despedirse sequera e finalmente chegar a Caldas do Gerês, onde o solpor nos dixo que xa estaba ben, que como dose diaria abondaba se non queriamos saír de alí co síndrome de Stendhal que disque contaxia a un cando non é quen inxerir o patrimonio monumental de Florencia.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES