Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Co xenio destrozado

miércoles, 01 de enero de 2014
Estes días tiven a oportunidade de escoitar detidamente a nova proposta de Ses, “Co Xenio Destrozado”. Parece que a artista coruñesa recunca no credo que sabiamente transmite en cada concerto. Por unha parte, mestura con destreza o propio co tradicional, o resultado son letras comprometidas con sabor a terra e a semente de universalidade dende a lingua e a cultura nas que Ses aprendeu a tocar e a sentir o mundo. Por outro lado atopamos cancións propias que reflicten o seu compromiso cos problemas sociais que a rodean.

Empeza o disco convidándonos a fuxir das medias tintas, co tema que lle dá nome ao traballo; esta canción semella toda unha declaración de independencia creativa e tamén de conciencia que a leva a falar en cada concerto con total liberdade para que a xente poida escoitar o que poucas veces de di. O disco segue cunha “Milonga de aquí” na que de novo a cantautora se nos amosa tal e como é, tal e como pensa e tal e como quere construír unha realidade libertaria. No terceiro tema, ”Canto aquí, canto na Habana”, regresa á cultura tradicional para cantar unha serie de coplas que desprenden un sabor a interculturalidade no que adquiren pleno sentido todos os ritmos que se recollen no disco.

Entre as cancións de compromiso ben se poderían destacar dúas: “Boto en falta unha ilusión” e “Concordias de papel”, na súa dobre versión. Nestas cancións Ses rebélase contra a violencia de xénero e fai unha defensa de todo o que a muller representa para a sociedade galega, exemplificándoa na súa nai, a quen lle fai un fermoso “blues” .

En cada canción percíbese unha elaboración lenta e moi reflexionada que non deixa espazo ao azar. Estamos ante unha muller que coñece ben a música tradicional da súa terra porque leva moitos anos aloumiñándoa e aprendendo dela, por iso agora se sinte libre para facela parte do seu ser artístico e recreala xunto con letras que escachan silencios protocolarios para berrar realidades que podemos cambiar a forza de vontade.

Estamos a falar dunha artista integral que transforma en arte a denuncia que fai da realidade que vive e que se sinte libre para beber de todo, mudando en creacións propias as emocións provocadas por cada música ou letra tradicional. É por isto que cada concerto de Ses se converte nunha radiografía da liberdade en estado puro.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES