Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

2014, ano de Díaz Castro e de Guitiriz

viernes, 27 de diciembre de 2013
A elección do poeta Xosé Mª Díaz Castro como facho alumeador do día da letras galegas de 2014, é un orgullo para todos os guitiricenses e tamén unha responsabilidade para coidar e ampliar a boa imaxe de Guitiriz, tanto da vila capital como do termo municipal. Todos os estratos e grupos sociais deben remar na mesma dirección, afinando as súas iniciativas e colaboracións nun mesmo proxecto. Hoxe falaremos de Guitiriz, e en meses sucesivos do poeta guitiricense.

O devir histórico da boa imaxe de Guitiriz ten varios fitos de referencia: en 1901 a construción do gran Hotel-Balneario e o auxe das fontes de augas medicinais con afluencia masiva de augueiros; e na década dos anos 50 urbanizouse un segundo Balneario en Pardiñas a tres quilómetros do centro urbano da vila de Guitiriz. Ó longo do século XX melloraron as boas comunicacións por tren, pola estrada nacional VI e ultimamente pola autovía Madrid-A Coruña. A rede de tabernas, cafeterías, restaurantes e pubs tamén acadou unha modernización considerable. O festival folk de Pardiñas puxo no mapa de Galicia, de España e do mundo a Guitiriz; a festa do San Xoán e a festa do Ecce Homo, ademais doutras recen inventadas, sosteñen con entusiasmo a vida colectiva. E para levar un bo sabor de boca, está a torta de maínzo e outras moitas especialidades miúdas que fixeron e fan a vida agradable, movida e á vez tranquila, da capital do concello guitiricense.

Ademais das celebración colectiva das festas tradicionais e doutras recen aparecidas (como a xa consolidada Romaría da Chaira nos Vilares), a riqueza de paisaxes naturais e o patrimonio arqueolóxico e histórico-artístico das 18 parroquias municipais, aínda que menos coñecidas, tamén son elementos dignos de mención, de maior desenvolvemento, información e visita. Guitiriz, vila e territorio municipal, deben ser cada vez máis lugar de parada, fonda e estancia de descanso e achega cultural.

Queda, non obstante, moita tarefa por diante. O núcleo urbano da vila guitiricense construíuse historicamente ó longo de dúas paralelas que van de este a oeste, que son o ferrocarril e a estrada nacional VI Madrid-A Coruña, e nos últimos anos engadiuse unha terceira liña paralela que é a autovía do noroeste. Esta estrutura urbana excesivamente alongada careceu dun núcleo central suficiente que aglutinase os espazos e servizos urbanos, e pouco propicio para xerar múltiples relacións humanas nun espazo urbano. Certo que o antigo campo da feira converteuse dalgún xeito nesa praza maior da vila. Pero persisten outros retos: a difícil intercomunicación entre as tres paralelas sinaladas e as deficientes entradas e saídas do centro urbano debido a unha escasa e desaxeitada trama de rúas do núcleo urbanizado. O concello necesita así mesmo un salón de actos polivalente e con suficiente capacidade para promover e concentrar a vida cultural. Deixamos sen enumerar polo miúdo outros retos que sen dúbida os veciños de Guitiriz coñecen ben. Xa estamos a porta de 2014 e preséntase nunha boa ocasión para proxectar e realizar melloras a medida das posibilidades do momento, sen esquecer que querer é poder.

Xosé Mª Díaz Castro, aínda que viviu os seus derradeiros anos na vila de Guitiriz, naceu na aldea de O Vilariño de Os Vilares. Alí está a súa aldea e casa natal que necesita ser rehabilitada. Tamén agora é o momento de poñer en valor determinadas rutas, paisaxes e lugares que serviron de experiencia e referencia á inspiración poética do vate vilarego. O termo municipal de Guitiriz, ademais da importancia turística e cultural da vila-capital, ten na parte norte a posibilidade de organizar uns itinerarios a percorrer, onde o pequeno é belo e o conxunto convértese nunha experiencia agradable e culturalmente moi ilustrativa. A pena de Roldán, a aldea e casa natal do poeta, os numerosos muíños que ouvimos roular no pasado, o petroglifo das calzadas e os da pena bicuda, as pinturas da igrexa de Labrada e o castro das Penas son fitos de referencia; e con retorno pola igrexa e cemiterio do Buriz, polo castro do Forno, pola igrexa dos Vilares, polo Pantano de San Xoán e polo Pazo dos Camarasa xa preto de Guitiriz. Todas elas son experiencias inesquecibles. Ademais deses puntos esenciais de referencia existen outras posibilidades a explorar.

Pola parte sur do concello hai dous posibles itinerarios ligados ó camiño de Santiago: o primeiro, a ruta actual xa consolidada desde Baamonde ó Santuario de San Alberte e subindo por San Breixo cara a Miráz, no concello de Friol. E outra alternativa con moi altas probabilidades de ser un dos camiños históricos cara a Sobrado e Santiago (ben cartografado no século XIX), que arranca desde San Alberte rumbo oeste polos brazos e afluentes do río Parga, tendo como fitos de referencia as igrexas de Roca, Trasparga e Guitiriz; e virando cara ó sur, a Igrexa da Pobra de Parga, as igrexas de Becín, Maríz, O Vilar e as Negradas, e con dobre saída pola Cova da Serpe, un camiño de montaña cara a Miráz (Friol) e outro rumbo a Grixalba (As Cruces). E ambos camiños conflúen en Sobrado dos Monxes lugar de encontro de itinerarios e peregrinos xacobeos. Neste percorrido, ademais de belísimos recantos e paisaxes, hai numerosos restos arqueolóxicos e muíños dignos de lembranza e de suxerinte visita.

Delimitar, habilitar e sinalizar estas posibles rutas non supón un alto custo, senón que pide unha visión e un proxecto de conxunto, unha decidida vontade política do Concello e unha firme colaboración de todos os grupos políticos, económicos, deportivos, culturais e de restauración do termo municipal. Poñerse todos en marcha ba boa dirección será a mellor forma de abordar este fermoso reto de tarefas diversas.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES