Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O home, radical soidade...?

jueves, 26 de diciembre de 2013
Non parece que haxa que definir ó home por unha radical soidade; sen embargo, prestixiosos pensadores, coma Ortega y Gasset, afirman que ten que vivir a súa propia vida – ninguén a vive por el – e por iso xurde nel un constante afán de compaña, de convivencia, por a mesma socialización, que delimitan e impoñen esixencias de sentido a unha vida que tende a crecer na ilusión dunha certa ilimitación.

Pero a vida non é algo utópico e ucrónico, senón que ten que vivirse dentro dun espazo e durante un tempo, que impón urxencias, pois, como di Ortega, “precisamente porque o tempo vital do home é limitado, precisamente porque é mortal, necesita trunfar da distancia e da tardanza”.

Por conseguinte, o home ten que contar sempre co horizonte da morte coma porvir, e como queira que “nada ten sentido para el senón en función do porvir, ha de considerar a morte como ingrediente da vida”. Pero é que, ademais, a fortiori, o fenómeno da morte vaise producindo dende a mesma concepción, e isto compromete sempre a vida do home, consciente ou inconscientemente, aínda que sexa co que Zubiri chama “actividade pasiva”, é dicir, en forma latente, mais con unha latencia eficazmente decisiva.

Pero, certamente, o home, aínda que non sexa radical soidade, é o único animal que vive nela, que sente a crise e que tamén é capaz de sufrir humillacións (di Rorty), algo que lle ocorre sempre que as súas conviccións son negativas e non posúe fortes certezas en nada importante.

É, xustamente, nestes períodos de crise cando, máis ou menos conscientemente, anhela unha vida nova, un cambio no seu proxecto vital; é, tamén, cando xorden os arrepentimentos e as reorientacións, que serven positivamente para incoar unha nova figura persoal: Velaquí o positivo das crises na mesma persoa humana.

Desta maneira a realidade persoal do home transcende da realidade ambiental e reinvéntase, nun permanente quefacerse, nun constante empeño en acadar niveis cada vez máis elevados de perfección, un pouco ao Teilhard de Chardin, un verdadeiro intento de buscar solución teórico-evolutiva á soidade do home/da muller. E para iso, é admirable que parta da realidade material.

Si; é admirable, porque a materia e a natureza material espertaron, a través da historia, actitudes ben opostas: Os platónicos e neoplatónicos sentiron desprezo pola materia, e igualmente o cristianismo medieval, aínda que hai que facer honrosas excepcións coma, por exemplo, San Francisco de Asís e San Juan de la Cruz, e tamén Nicolás de Cusa, que chegou a afirmar que toda a creación era “Deus explicatus”.

Sen embargo vai ser un xesuíta, Teilhard de Chardin, quen non regatee esforzo e enxeño en desvelar o bo e belo que Deus puxo na materia, pois, para el, a materia e o espírito non son cousas distintas, senón estados dunha mesma cousa (influenza budista?) .

Conta Carlos Valverde, nun traballo publicado na revista “Arbor”, titulado “Materia y espíritu según Teilhard de Chardin”, que este xesuíta, dende neno, rendeu culto á materia, á vida e á enerxía, e a través da súa vida a produción intelectual foi in crescendo, ata chegar a intuír un dinamismo, que vai dos estados máis inconscientes (“pre-vida”) ata os máis conscientes (a “noosfera”), nun proceso evolutivo de “hominización”.

Di, a este respecto, Ferrater Mora que o home “é coma unha frecha ascendente, pois co home aparece a nooxénese, á que se chega previas as fases de xeoxénese, bioxénese e antropoxénese, camiño do punto omega” (xeo=terra; bios=vida; anthropos=home; noos>nous=mente, razón, e xénese=nacemento, orixe).

É este un titánico esforzo da intuición, da imaxinación e do apaixonado amor a natureza, na procura dun sentido para o Cosmos e para o microcosmos (o home / a muller), para ese conxunto de fenómenos físico-químicos, biolóxicos e antropolóxicos, ordenados á perfección e á maior complexidade, nun permanente estado de dinamicidade.

Mais se agora nos retrotraemos ó home / á muller, tal vez poidamos adquirir un sentido para a súa vida e unha nova visión da súa soidade. Temos que partir da materia orixinaria (sen vida), na que T. de Chardin distingue dúas clases de enerxía: tanxencial e radial. A primeira remítese ás enerxías físico-químicas, mecánica, externa e suxeita á entropía, que quere dicir que tende a neutralizarse e o mundo a morrer. Pola contra, a segunda, a radial, é interna, crecente e irreversible: É a enerxía da creación de seres cada vez máis conscientes.

E neste proceso do máis simple ao máis complexo, da “pre-vida” á vida, e desta a vida humana, hai o que poderíamos chamar dous “puntos críticos”: Explicar como se produce o paso á vida, e como desta a vida humana, espiritual. Pensa T. de Chardin que o primeiro podería explicarse con base no feito de que esa enerxía radial é autocinética, isto é, capaz dunha maior complexidade e de “catalizar” a emerxencia de seres dotados de vida, vexetativa e animal. Hoxe parece confirmalo a física cuántica, a astroloxía e, principalmente, a bioquímica molecular.

O problema está na vida humana que, cualitativamente, é tan superior ás outras clases de vida que fai difícil a súa explicación por meros mecanismos da evolución. Aquí T. de Chardin déixanos colgados, pero libres, nas mans de científicos, filósofos e teólogos, aínda que, pola súa condición de relixioso, a solución pasa polas mans de Deus, con Cristo como Punto Omega.

Sen embargo, para el, vivir a vida con auténtico sentido é tanto coma coadxuvar á evolución ata acadar ese Punto Omega. Polo tanto, o home non é unha soidade radical, porque ten unha función “pontificante” entre a materia sen vida e a pura espiritualidade do Punto Omega: Hai, pois, un sentido e unha función (servir de ponte) mediadora e dinámica na que sempre tería que sentirse non en soidade, senón en inmersión enerxética.
Acudimos a Teilhard de Chardin porque, en palabras de A.J. Toynbee, non só era un científico, senón un poeta, un creador e un xigante da espiritualidade, non menos que da intelixencia. Por iso foi incomprendido e incluso amordazado, pois como científico poñía en tela de xuízo o dogmático, e como poeta e creador removía as bases academicamente aceptables como canónicas.

Pero o seu evolucionismo encádrase dentro dun movemento de crecente espiritualización de todo o real, que como totalidade vai cobrando un espectacular sentido ascendente, articulando ao home nun estado protagonista neste proceso evolutivo, xustamente por ser o máis necesitado, pero tamén con capacidade para levalo a cabo, a escala planetaria e universal.

Velaquí por que nesta dinámica ten tamén unha maior responsabilidade o home / a muller. Precisamente nunha colaboración neste medio, fai poucos días, falabamos das “esixencias éticas”, enfocadas ao ecolóxico, outra maneira máis de ver a Teilhard de Chardin, que, como moi ven nos di F. Riaza, non é difícil de entender se o noso “ego” ten disposición de facelo, e dío con estas axeitadas palabras:

En primeiro lugar, só poden ler comprensiblemente a Teilhard aqueles para os que a súa calidade de homes-sen-máis esperta un sentido profundo de comunidade coa humanidade. Os que se definen a si mesmos exclusivamente como obreiros, ou como españois, ou como católicos e vexan nestes nomes ante todo etiquetas de separación e de illamento fronte aos outros homes, os que se xulguen a si mesmos separados dos demais por muros infranqueables de privilexios ou por comportamentos estancos, estes non verán en Teilhard máis que un soñador iluso e falto de “realismo”, un “intelectual” que non experimentou como propia a dureza e maldade dos homes. Para poder escoitalo fai falta un mínimo de confianza, de simpatía ou de esperanza.

Si..., confianza, simpatía e esperanza, xustamente as que tamén fan falta para espantar a soidade. E xa termino, mais non sen apuntar antes que estas palabras de Riaza, na miña modesta opinión, teñen un bo caudal de ideas aproveitables, non só para estes nosos tempos, senón para estes días festivos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES