Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Obituario: Pedro Castro Río (1944-2013)

martes, 24 de diciembre de 2013
Nado en Vilalba, Pedro Castro Río (1944-2013) residía na Coruña.

Quedaramos en manter contactos para ver de programar unha actuación da "Coral Polifónica Follas Novas" en Ferrol, prestixiosa colectividade coruñesa da que el era o presidente. Falámolo no último encontro de exseminaristas que celebramos anualmente, o segundo venres de agosto, en Mondoñedo. Desde entón houbo un cruzamento de correos por outras razóns e o tema de "Follas Novas" quedou sobre a mesa, pendente de concreción.

En Ferrol buscariamos a "percha" para encaixar a presenza da histórica agrupación. Dous días atrás chamáronme para dicirme que Pedro Castro Río falecera, de maneira súbita. O meu interlocutor, tamén antigo compañeiro no Seminario, dicíamo así "temos outra baixa", para darme a continuación a identidade. Xa non era a primeira vez que me chamaba para informarme do falecemento de veteranos condiscípulos. De aí o de "outra baixa". E xa van unhas cantas daquel curso que realizou o ingreso en Lourenzá no ano 1954.

Precisamente, na cita pasada comentabamos con relativa euforia que en agosto do 2014 deberiamos de celebrar o ¡sesenta! aniversario. Aínda que o abandono da carreira de cura dispersounos e cada cal buscou unha saída á súa vida laboral e profesional, estas reunións anuais, que se veñen celebrando desde fai un cuarto de século, permitíronnos rebobinar nas nosas vidas, volver a vista atrás e reconstruír fortes lazos de compañeirismo e amizade forxados na austeridade dun tempo e unhas circunstancias. Por iso sinto/sentimos a perda.

Observo que a necrolóxica de Pedro Castro Río antepón un definitorio: "bo e xeneroso". Era persoa de mirada plácida, de palabra tépeda, de xesto discreto. Era un home de compromiso coa cultura, indiscutible reflexo dese humanismo que mamamos en Mondoñedo á luz dos clásicos latinos, selo indisimulado de todos cantos pasamos polas aulas de Santa Catalina.

Eramos da "quinta" do 44, mesmo apareciamos xuntos nas listas de alumnos, que eu aínda conservo, xunto con algunhas fotografías, de sotana e bonete. Os recordos remítennos á brevidade do ciclo vital. "Tempus fugit". Pedro Castro Río, sempre na memoria, descansa xa en Candamil (Xermade).
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES