Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un novo celanovés

lunes, 23 de diciembre de 2013
Dende hai bastante tempo cultivo a manía de arquivar, primeiro de forma desordenada e agora nunha bandexa que teño pousada nunha esquina do meu escritorio, tódalas referencias que van caendo na miña man sobre celanoveses (e cando digo celanoveses non me refiro só ós nacidos ou veciños da vila de Celanova, senón ós de toda a zona de influencia historiográfica do mosteiro noutrora fundado por Rosendo Guterres) de aquí e de acolá, de nantronte, de onte, de hoxe e de mañá que por algunha razón destacaron, destacan ou teñen visos de destacar nos seus campos profesionais.

Como pode comprender, benquerido lector, a estas alturas de miña vida teño conseguido un arquivo certamente abondoso que algún día debería publicar, non tanto para procurar unha satisfacción persoal logo de tan longo traballo de esculca -que tamén-, canto para que lograr que todos acaben formando parte dun escaparate común que estou seguro de que aínda lle ha dar meirande dimensión histórica a estas veigas arraianas.

Podería empezar a citar agora a algúns e máis alá dos sobradamente coñecidos, falaría de médicos e xuristas, de barítonos e actrices de telenovela, de políticos e xornalistas, de militares e deportistas, de empresarios e cineastas que teñen deixado a súa pegada polos catro puntos da rosa dos ventos. Mesmo hai uns días escribín dun, Antonio de Villarroel, que este ano será nomeado en multitude de ocasións en Cataluña por ter sido un dos defensores da cidade de Barcelona, e hai pouco máis de dúas semanas intercambiei pareceres con Xosé Neira Vilas sobre o tenor Gervasio Vázquez, co que o 'pai' de Balbino mantivo contacto persoal e epistolar na súa etapa arxentina e que no ano 1948 se deu a coñecer en Montevideo para logo ofrecérselle ó escritor de Gres para cantar unha ducia de composicións poéticas súas.

En fin, que son moitos e con traxectorias sumamente atractivas como para sacalos dunha vez do silencio no que foron caendo co tempo.

Pero con ser moitos, aínda non estaban todos e esta mesma semana, da man do director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro, tivemos a oportunidade de coñecer a un novo e curioso celanovés que este si que estaba escondido entre as follas dun protocolo notarial de 1774.

'O Capitán Gardador', a dicir do escribano que o debuxou e que a partir de agora será o gran difusor da inmensa riqueza histórica que alberga o vello edificio da rúa Hernán Cortés capitalina.

Noraboa, benquerido Pablo, pola imaxinativa iniciativa que foi quen de encher o salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel e que nos vai axudar a enriquecer unha nómina de ilustres da que certamente deberiámonos sentir os celanoveses bastante máis orgullosos.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES