Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bo Nadal para todas e todos os que o queiran

martes, 24 de diciembre de 2013
Coma quen non quere a cousa foise achegando paseniñamente o Nadal. Xa vén ou xa veu. Un ano máis despois de vinte séculos, pero sempre novo e renovador. Eu, que ando medio despistado, case nin me daba conta de que se aproximaba ata que me comezaron a chegar algunhas felicitacións ou que comecei a ver algún que outro papá Noel, migratorio nos últimos anos por estas datas dende países nórdicos. O papá ese parece que ben sendo unha degradación do bispo San Nicolás de Bari do século IV, promovida pola sociedade de consumo sempre disposta a explorar novos mercados e por intereses propagandísticos de Coca-Cola, esa especie de tres en uno que afrouxa en poucos segundos os ferros máis enferruxidos. ¡Que sorte saber que Deus ou a Natureza guiada polas leis que El lle deu nos dotaron dun estómago e unhas tripas a proba de ferruxes! Non sei que me dá ver ao bispo degradado engateñando coma un sapiño polas paredes arriba de algunhas casas.

As primeiras veces que o vin ata cheguei a pillarlle medo, pero logo souben que é inofensivo. Nin roe, nin rabuña nin mexa por un. Só pode ofender algunha carteira que outra. Pero diso tamén se poden acusar aos Reis que se deixaron envolver nesta sociedade competitiva que vive de aperentar que cada un é tanto ou máis ca o veciño e non teñen por que os seus fillos acomplexarse diante dos xoguetes dos outros aínda que se gaste en argalladas o que facía falta para pan e para compangar. É curioso observar a capacidade de rexenaración da natureza. A falla de sapos verdadeiros, que parecen ser especie en extinción por mor do veleno de sulfatos e fertilizantes, xurden estes sucedáneos nórdicos máis resistentes á xeada.

Sexa como sexa, xa estamos dispostos a celebrar o Nadal do 2013, os que respectamos as vellas tradicións, con algún diferente á cea, coma turrón, figos pasos, e viño da casa. Outros, máis innovadores e progresistas, celebrarán que algúns celebramos o Nadal, tamén con algún diferente coma, caviar, figos sen pasar e viños espumosos.

Un bo consello sería facer abasto neste 2013 de cava catalán, por se para o 2014 temos que importalo do estranxeiro e pagar aduanas en Lleida.

Os acontecementos importantes acostuman a ser pregoados de palabra ou por outros medios, por exemplo: as festas parroquiais pregóanse cos foguetes das vésperas, e quizais o mellor pregón do Nadal orixinario fose o dado polos anxos ós pastores. Aquel pregón non foi nada comercial, porque os pastores, máis ca mercar, só podían trocar, poñamos por caso: queixo ou la de ovellas por pan, ou tamén tenruras por friaxes. Aquel pregón transcríbenolo o evanxelista Lucas. Recordámolo nun momentiño? Parécevos? Pois, alá imo, logo.

“Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ó descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor. Eles levaron un gran susto. Pero o anxo díxolles:

-Non vos asustedes, que vos veño anunciar unha boa nova: vai haber unha gran alegría para todo o pobo. Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor. Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira, nunha corte.

E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo:

-Gloria a Deus no ceo e na terra paz ós homes que gozan do seu amor!”

Case todos os que mal aprenderon a versificar sen ser poetas, teñen a tentación de poñer a Biblia en verso. Como eu non quero ser menos ca os falsos poetas, aí van eses ripios, para quen non teña cousa mellor que facer ca lelos nestes días. Con eles van os pobres pero sinceros desexos de felicidade, para cantos queiran acollelos, deste biolín que, grazas a Deus, volve a tocar, anque desafinado, sen cordas na gorxa.

HISTORIA DE AMOR ETERNO

A promesa do Mesías,
polos profetas alentada,
mantivo espectante ó pobo
que agardaba a súa chegada.

O pequeno resto de Israel
mantívose fiel ó Señor,
confiando en que o Enviado
sería de Iahvé o Servidor.

Floreou o xermolo de Xesé
grazas á Inmaculada María,
a flor máis fragante e bela
que a humanidade daría.

Ela é escrava e Raína,
amada do noso Señor,
a que sempre dixo SI
libremente e por amor.

Sabía que o Deus dos pobres
é un Deus libertador
que enaltece ó asoballado
e derruba ó opresor.

Grazas a ela o Omnipotente
foi tenra febleza aterecida,
froito das limpas entrañas
da filla de Deus máis querida.

Derretérase a xeada,
retornara a primavera,
floreou na humanidade
canto o bo Deus soñara.

E cando a Luz se fixo Carne,
plantou o Verbo a súa tenda
na Vida feita Palabra
aquí mesmo á nosa beira.

Pecháronse portas á Luz.
Trocouse en tebras a pousada,
mais, iluminouse a humanidade
dende as pallas dunha cova.

E a Luz chamouse Enmanuel,
conforme ó oráculo de Isaías,
pois quixo vivir connosco
para sempre e tódolos días.

Xosé, o santo artesán,
o home máis xusto e bon,
adoptou de Deus o Fillo,
por ser todo el corazón.

Houbo gozo e paz na terra,
e nas alturas, alegría,
porque nunca xa máis o home
ás escuras andaría.

Foi festa de gran contento
en cabanas de temerosos.
Houbo temores infundados
en pazos de poderosos.

Chegaron de lonxe Magos
e de máis preto pastores
ofrendar ó Rei de reis
a pouquidade dos homes.

Deus, feito Neno, medrou,
con desconcerto de doutores,
por ser defensa dos orfos,
por ser riqueza dos pobres.

Precedeuno Xoán Bautista,
predicando no deserto:
-Achaiade os outeiros,
endereitade o que está torto.

Xoán non era o Unxido,
senón o seu precursor.
O que petaba ás portas
para acoller ó Salvador.

Recobraron cegos vista,
oíron ben moitos xordos,
rebrincaron eivados e coxos.
Foi Boa Nova para todos!.

Os humanos puidemos ver,
coa meirande admiración,
como vivir plenamente,
a nosa nobre condición.

Perdoáronse delictos,
decretouse amnistía,
compartiuse o mesmo Pan
na mesa da Eucaristía.

Mais... a morte matou á Vida,
pero non foi morrer baldío,
senón sementeira fecunda,
para renacer con novo brío.

Sacrificio de Año Inocente,
holocausto e doazón,
foi o prezo que se pagou
pola nosa salvación.

Ó Resucitado, loanza e honor,
pois subiu á eterna gloria,
mentres os anxos advertían
dos compromisos coa historia.

Por se todo fose pouco,
en prenda de amor eterno,
agasallounos co Espírito
que renova o mundo enteiro.

Só un Deus todo bondade
pode amosar tanto amor
para quedar sempre connosco
esquecendo o seu grandor.

Xa ninguén pode dicir:
- Eu non sei, ou eu non podo;
que o Espírito é nova forza,
perenne impulso para todo.

Este relato non é un mito
nin unha lenda de milenios.
É a historia sempre viva
do amor de Deus ós humanos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES