Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os coraSons casuais

miércoles, 25 de diciembre de 2013
Onte tiven a oportunidade de mercar o resultado dese proxecto espontáneo que foi e é “coraSons”. Sabemos que todo empezou con imaxes da vida cotiá que Isabel Leal empezou nunha páxina de Facebook; son imaxes fermosas e perennes que se perden nas rutinas que moitas veces non somos capaces de valorar; en cambio, cando vemos as fotos de Isabel, decatámonos da fermosura que nos rodea e que leva impreso nela o xenio creativo da humanidade.

Cando Isabel e Uxía se coñecen, xorde dunha muxica creativa todo un proxecto intercultural onde dúas linguas comezan a fluír nun océano creativo que fala no común idioma das emocións. CoraSons demostra que o diálogo fai ás culturas infinitas, nutríndoas de recreacións continuas e continuos proxectos que enriquecen tanto ás propias culturas como aos artistas que militan nelas.

Nos coraSons casuais, parecen coller todos os sentimentos e todas as emocións que se poidan verter en arte e compre dicir que non hai sentimento ou emoción que escape ao retrato da poesía, da música ou da imaxe.

Mais alá dos creadores, estamos ante un proxecto de raíz que non ten reparo en beber da cultura galego-portuguesa e recoller fermosas cantigas como “ A gotinha d’ água”. O popular compleméntase co propio e coraSons agrupa a artistas de estilos moi variados que latexan nun unísono poliédrico e nunha miscelánea que fai deste libro un auténtico universo inmaterial de sentimentos que pasan polo corpo para deixar o seu pouso de vida e sinxeleza. Vendo toda a documentación visual que ofrece o libro e mesmo internet, un dáse conta que a base de todo é a amizade, estamos ante xente que fai o que quere porque lle presta e ademais faino de maneira colectiva e sinérxica, sabendo que este implica sincronizar axendas e vidas; pero todo parece compensar cando no escenario empeza a xurdir a maxia que une música, poesía, fotografía e natureza.

Ter o libro de coraSons significa ter a man un auténtico tratado de sinxeleza e cotianeidade que nos convida a palpar coas mans todas as fermosuras coas que nos agasalla a vida, sentíndonos quen de adoralas e transformalas en verbas para que flúan polo mundo espalladas nas voces da música. É aquí onde cada cousa por Isabel retratada adquire mobilidade e vida propia ata chegar a protagonizar doces noites en teatros que se enchen de emocións.

Isabel empezou atopando “corações” casuais e acabou provocando todo un océano de sensacións que xa non collían no facebook. Había que facer algo máis e fixéronse galas de amizade que agora desembocan nun libro, un disco e un dvd que compre ter preto cando precisemos volver á vida e recoñecer que é o mellor que nos puido pasar. Este proxecto é liberdade, amor, humor, harmonía, subversión, sinxeleza, intimismo e vennos a lembrar que como dicía “O principiño” o esencial é invisible para os ollos. Pois para min, o esencial é sentir como os coraSons latexan xuntos na diferenza.


V.V.A.A. (2013): “coraSons”. Kalandraka, Pontevedra.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES