De Vigo a Pontevedra
Editorial - viernes, 21 de octubre de 2005
De Vigo a Pontevedra, en tempos, había longa distancia marcada pola orografía e hidrografía, que se reducíu de forma radical cando se construíu a Ponte de Rande e a autoestrada que a orixinou.
Desde entón, a capital da provincia e a primeira cidade da mesma circunscrición quedaron vencelladas de tal xeito que, polo tempo necesario para a viaxe, están moi perto xeograficamente pero moi lonxe en realidades.
A cercanía de Vigo e a súa importancia comercial e social escureceu a Pontevedra, minorouna, e absorbeu boa parte do que a capital tería se a distancia fose tres veces maior.
O tema é lóxico que preocupe ós rectores da provincia e das dúas cidades, e esta preocupación vense de pór de manifesto no novo Plan Estratéxico 2010 que vai manexar a Deputación Provincial pontevedresa para tentar achega-las dúas cidades potenciando as posibilidades de cada unha, para lograr un "maior equilibrio social e territorial".
A solución, que aparentemente podería pasar polo alonxamento das dúas cidades para reforzar o papel de cada unha, plantéxase -como é lóxico- no achegamento, na maior interrelación, para a evolución harmónica e o desenvolvemento coordinado, mesmo fomentando a relación co cercano norte portugués, eliminando barreiras xeográficas (que non hai), lingüísticas (que tampouco) e sociopolíticas (que nunca debeu haber).
A solución para Galicia é o equilibrio entre zonas e cidades. Do mesmo xeito que Vigo e Pontevedra tentan romper barreiras por medio dun maior achegamento e crecemento en común, teñen que desaparecer as barreiras entre a Galicia do mar e da montaña, entre a Galicia das cidades e a do rural, entre a Galicia oficial e a Galicia real.
Os camiños a recorrer -como entre Vigo e Pontevedra- son curtos aínda que non doados. Fai falla moita vontade política para recorrelos. Pero é imprescindible.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora