Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esixencias éticas: economía/ecoloxía

viernes, 20 de diciembre de 2013
Para a insensatez e para a irresponsabilidade, estas “esixencias” estou seguro que soan a unha homilía, e, sen dúbida, esta actitude dificulta as solucións a algúns dos máis graves problemas que azoutan a humanidade, especialmente nos eidos económico e ecolóxico.

Debería facerse todo o posible para que as xentes, os cidadáns, coidaran os seus comportamentos éticos, porque iso do “sálvese quen poida”, se non é hoxe será mañá, traerá consecuencias para todos.

Non hai rico que non poida empobrecer, nin hai pobre que non poida acadar á riqueza; non hai san que non enferme; non hai sabio que non erre, nin burro que non ornee ás doce; non hai altivo/a que non caia na ridiculez ou de narices por non vixiar por embaixo; non hai pouco, ben administrado, que non chegue, nin moito en mans pouco previsoras que non se acabe; etc,.
Estes son ditos dos nosos devanceiros, que van á misa, porque son froito dunha aprendizaxe que a amarga experiencia da vida, a través dos tempos, depositou nos seus maxíns e deixou pegadas nos seus sentimentos.

Isto dos comportamentos éticos é moi serio; pero se o referimos á economía e á ecoloxía a súa importancia adquire proporcións de extrema relevancia: Na economía, por exemplo, inda que superemos a crise por recuperación dos desaxustes económicos, se non corriximos as actitudes e vixiamos os comportamentos éticos, ao pouco tempo volveremos a caer no mesmo, porque a estupidez xerada polos egoísmos é moi fértil; e o ecolóxico necesita, ademais, dun fortalecemento solidario.

Hoxe quixera dedicar unhas liñas a ecoloxía – o económico xa está desbordado de tantos comentarios -, por unha experiencia persoal, que tiven na Universidade Complutense, en Madrid, fai tres anos no próximo marzo, con motivo dun relatorio na Facultade de Filosofía, para un público abondo heteroxéneo: Estudantes de Filosofía, Periodismo e Dereito. O título do relatorio foi o seguinte: LA SOLIDARIDAD RESPONSABLE EN LAS SINERGIAS ECOLÓGICAS; non hai moito publicado neste medio.

En dúas palabras, o obxectivo: Subliñar o importante papel da solidariedade na loita contra a deterioración ecolóxica. No coloquio saíron a palestra algunhas cuestións interesantes; pero foi no campus, xa despois da exposición e o coloquio, cando algúns dos asistentes, en conversa informal, manifestaron as súas dúbidas verbo do “quecemento global”.

Ofrecín as razóns que eu tiña ao meu alcance acerca disto en concreto, que non xurdiu no coloquio e, como ese escepticismo paréceme pernicioso no marco da loita contra os desaguisados ecolóxicos, quero facelos a vostedes partícipes das mesmas, na seguridade de que algúns tampouco cren nese cambio da temperatura na Terra.

Os estudosos disto afirman que, máis ou menos a mediados deste século, o impacto dunha economía baseada nos combustibles fósiles acadará as cotas máis altas no quentamento global. Son moitas, certamente, as testemuñas que permiten pensalo así.

A diminución dun 50% do xeo do Ártico, en 50 anos, é unha delas, e algúns especialistas pensan que podería desaparecer a finais deste século na súa totalidade. E a Antártida, no ano 2.000, desprendeu un cacho de xeo que contiña uns 11.000 quilómetros cadrados.

Ao final do século XVIII empezaron a ser controladas as temperaturas, evidenciando un non desprezable ascenso, en paralelo cos niveis de dióxido de carbono, que acadaron a cota más alta en 100.000 anos. E vostedes preguntarán como se puido medir iso.

Verán: Nos xeos do Ártico perforan os científicos, en profundidade, na procura de marcadores, que obteñen das burbullas que os cachos de xeo extraído teñen no seu interior, e mediante análises químicos do aire nelas encerrado poden calcular a temperatura e dióxido de carbono que había na atmosfera, incluso, ata fai uns 600.000 anos atrás.

A temperatura no aire, cando no pasado de hai moitos miles de anos nevou, non é fácil de calcular, pero eles analizan a auga que hai nas burbullas, porque as moléculas das pingas conteñen varios isótopos (elementos que teñen o mesmo número atómico, pero diferente masa), e con eles poden facer os cálculos, xa que, se a temperatura baixa, os isótopos pesados condénsanse moito antes das moléculas da auga corrente, e desta maneira, medindo a cantidade dos isótopos máis pesados, poden calcular a temperatura á que se condensou a molécula da auga.

Polo tanto, non lles é difícil ós expertos chegar á conclusión de que a temperatura e os niveis de dióxido de carbono oscilan en paralelo e proporcionalmente.

Pero hai algo moito máis importante, pois, como afirma o físico teórico estadounidense, Michio Kaku, autor da obra “La Física del Futuro”, Ed. Random House Mondadori, S.A, Barcelona, 2.011, os científicos “descubriron un máximo repentino na temperatura e contido do dióxido de carbono que se produciu precisamente durante o século pasado”, e eles interpretan que “este máximo tan pouco habitual non forma parte dun proceso natural de quecemento, senón que é un indicador directo da actividade humana”, páx. 318, o.c.

Así, pois, a única solución verdadeiramente eficaz non pode estar noutro sitio que non sexa no comportamento do home con responsabilidade ética e entrega solidaria, xa que nun ambiente insensible as deterioracións ecolóxicas e que xere actitudes insolidarias na loita contra elas, estamos abocados a catástrofes sucesivas, e senón pensemos nas inundacións de Bangladesh e o delta do Mekong en Vietnam, e outras máis recentes que todos lembramos.

E mentres haxa insensatos/as que depositen o lixo en calquera sitio e penduren os televisores das árbores, coma eu mesmo puiden ver (e por aí non aparecen os de medio ambiente...!), poucas esperanzas se pode ter de que os cidadáns nos esteamos concienciando destes problemas.

Moito cariño para os nosos descendentes, eso si, mal entendido...!; pero non parece que nos preocupe demasiado o que lles vamos deixar en herdanza.

Non esquezamos que controlar os gases de efectos invernadoiro require comportamentos económicos, políticos e ÉTICOS, porque está vinculado ás ansias da xeración de riqueza. Velaquí por que é tan difícil poñer ós países de acordo no control dos mesmos: Afecta a súa prosperidade económica.

Anque se está intentando buscar solucións (como a contaminación da atmosfera nas zonas altas, para atenuar a incidencia dos raios solares; a captación do carbono do dióxido, aplicando a enxeñaría xenética, para crear vexetais e animais capaces de facerse cargo del; etc.), todas elas son moi caras, sen descartar as dúbidas dos posibles efectos colaterais.

Fálase tamén da enerxía de FUSIÓN, por oposición a da escisión do átomo de uranio (enerxía de FISIÓN), porque esta última xera moitos residuos radioactivos, con efectos prolongados miles de anos. A de Fusión obtense na UNIÓN de átomos de hidróxeno para formar helio, e que produce poucos residuos. Así nace a tecnoloxía do hidróxeno, e o mercado conseguinte.
Pero tamén aquí está o diaño polo medio, porque, como di o físico mencionado, “é moi difícil quentar o gas hidróxeno a unha temperatura de millares de grados, á que os protóns se fusionan, para formar o gas helio e liberar grandes cantidades de enerxía”, páx. 327, o.c. En realidade houbo moitas trolas arredor da fusión fría, pero todo quedou en auga de borraxe.

En fin: A mellor solución, por agora, está en non crear a necesidade de apremar o recurso a estas técnicas, algo que só se consegue cun comportamento ético pertinente.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES