Nelson Mandela
Santalla, Iago - miércoles, 18 de diciembre de 2013
A semana pasada perdemos a un deses líderes que tiña á humanidade como empresa: Nelson Mandela. Político, humanista, soñador africano que foi capaz de forxar na realidade o soño dunha Sudáfrica libre e igualitaria.
Foi un home que soubo ver que o camiño era a liberdade e que ser libre significa construír oportunidades para todos os seres humanos. Mandela é un deses xenios que saben facerse e refacerse para acadar un obxectivo maior que supera a súa propia vida. Os soños de Mandela van moito máis alá do século que practicamente transitou procurando o progreso colectivo do seu pobo.
Coido que estamos ante un home de propósito e misión tan claros como inspiradores que deixou explícitos en frases contundentes, nestas frases debúxase a forza dun líder de transcendencia única que vén a encher fondos baleiros espirituais no terreo do civismo.
Nelson Mandela é sinónimo de moitos valores, no seu nome agroma a paz, a tolerancia, a liberdade, a solidariedade, a perseveranza, a constancia, a loita e a coherencia vital máis alá dos momentos críticos nos que o puxo a vida. Madiba veu ao mundo para inventar un mundo mellor, un mundo de inclusión e diálogo no que todos teñan de teito a prosperidade.
Foise o home único, mais fica o seu exemplo e os seus soños e cabe preguntarse a que agardamos para construír un mundo en igualdade e prosperidade a medida dos soños de Madiba?

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora