Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A legalidade percibida como inxusta

lunes, 16 de diciembre de 2013
Compás social

OS EFECTOS SOCIAIS DA LEGALIDADE PERCIBIDA COMO INXUSTA

O espectáculo acaecido en España desde a sentencia do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) está sendo realmente sorprendente e incomprensible: un constante goteo de grupos de violadores, asasinos e terroristas saíndo do cárcere, as vítimas de todos eles indignadas ata o paroxismo, os gobernantes e políticos proclamando que están coas vítimas mais sen apenas mover un dedo, os xuristas e tertulianos balanceándose entre o si e o non; e os xuíces, tamén compunxidos, prestáronse a ceibar, cunha celeridade inhabitual, presos con crimes ó por maior. Nin para prudencia valeu o argumento da “alarma social”. E unha gran maioría de cidadáns percibiu esa legalidade como inmensamente inxusta. Un 80 ou 86% de indignados? Iso din algunhas enquisas. Esta conmoción non quedará só como unha indignación resignada e pasaxeira, senón que está sedimentando na conciencia colectiva.

Pregúntase o cidadán medio: como é posible que suceda todo isto, agora precisamente? Ese cidadán medio está formado por unha ampla maioría de poboación española de todos os estratos sociais cunha cultura intuitiva, media ou alta, cun agudo sentido de xustiza, con fortes sentimentos de solidariedade, que votou sen fanatismos e confiou nos dirixentes políticos e nun sistema xudicial independente, san e xusto. Mais agora encóntrase con esta sorpresa maior, xunto cunha restra doutros acontecementos tamén lacerantes. Ese cidadán medio vai sacando algunhas conclusións deste enredo:

-Está claro que toda a trama legal está mal construída, por omisión ou por desviación, pois a consecuencia final que era administrar xustiza, chegou a un resultado totalmente absurdo que previsiblemente vai provocar outras inxustizas no futuro. Ese cidadán medio non busca vinganza nin é insensible ós dereitos dos presos, senón que intúe, razoa e percibe que os enredos lingüísticos e xurídicos, herdados do pasado ou recen construídos, degradaron a coherencia entre a legalidade e unha xustiza ecuánime que necesariamente esixe ideas e categorías rigorosas, sentencias proporcionadas e condicións penitenciarias coherentes. Non se comprende que as loables normas de redención de penas para unha reinserción social de determinados presos, se converta nun acto mecánico sen cumprir todas as condicións establecidas na normativa incluso vixente. Resulta incomprensible e inaceptable que os políticos e gobernantes da transición e posteriores, por desidia ou por comenencias de grupos políticos, non fixeran a tempo os cambios legais necesarios para pasar, a todos os efectos, dunha ditadura á democracia. Non se explica como o Tribunal Supremo avalado polo Constitucional, primeiro fundamentou e estableceu a doutrina “Parot” e agora anula as súas propias decisións, a présa a présa. Algo e alguén aquí fallou.

-A confusión producida pola sentencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos está sendo tremenda, e á larga pode ser letal para a “autóritas moral”, para o prestixio do mesmo Tribunal e a necesaria consolidación doutras institucións europeas. Moitos cidadáns ansiosos da verdade reflexionan sobre as declaracións do xuíz Borrego, que foi tamén membro dese Tribunal Europeo, afirmando que a sentencia que anula a doutrina “Parot” vai contra a prolongada xurisprudencia do mesmo Tribunal; ou a postura doutros destacados xuristas que sosteñen que o TEDH podía igualmente sentenciar en sentido diferente repartindo xustiza para todos, para vítimas e verdugos, non derivando cara un legalismo extremo. Summa lex, summa iniuria, (máxima lei, máxima inxuria), temos oído moitas veces.

-Mais a sorte está botada. E segundo o dito popular, o feito, peito. A sentencia hai que acatala, dinnos desde o triángulo decisorio (xuíces, gobernantes e acompañantes mediáticos), aínda que os danos sexan inmensos e arriscados. Ese proceso de execución da sentencia, pensa a maioría, debería facerse doutro xeito máis prudente. Unhas vítimas quedan co perigo dos violadores e asasinos, outras coa humillación e risco de convivir cos grandes terroristas oufanos da súa actual vitoria xudicial e conquistas políticas; mais a conciencia colectiva da maioría social queda ferida e incrédula ante o pesadelo dunha cadea precipitada de acontecementos inesperados. E o mesmo tempo os presos liberados están pasando sen distinción por un linchamento social que pode ter consecuencias espantosas, para eles e para toda a sociedade.

Lamentablemente non todo remata aquí, mesmo que busquemos un esquecemento e unha reconciliación necesaria. Todas as persoas e grupos sociais, aínda que procuran esquecer, teñen memoria e sentimentos cimentados nun sentido natural do que é xusto e inxusto. Nunha situación de crise, que acumula agravios persoais e colectivos de todo tipo, vai ser difícil superar ese sedimento de desconfianza e desilusión na maioría social e, por suposto, nas vítimas. Lamentablemente esa fenda pode durar máis do debido.

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos queda, cando menos, baixo sospeita e os dirixentes políticos e xudiciais de España descenden un banzo máis na subestimación colectiva. O cidadán medio queda inmerso no dilema de elixir entre a decepción paralizante ou persistir na busca dun raio de razón para participar na rexeneración política e social. Que pasará o día que xurda un conflito grave con algún violador, asasino ou terrorista ó por maior? As consecuencias sociais dunha legalidade mal construída volverán a agravarse para desgraza de todos nós. Traballemos para que non chegue ese día e para que academos axiña a necesaria concordia colectiva, feita de novas actitudes e dunha legalidade xusta para todos. Aquí ningunha das institucións e organizacións decisorias é inocente; agora falta saber se nesta hora é posible unha catarse e rexeneración dos actores actuais.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES