Agradecendo un recoñecemento público
Arias Vilas, Felipe - lunes, 16 de diciembre de 2013
Os Premios da Cultura Galega convócaos anualmente a Xunta de Galicia de xeito aberto á libre presentación libre de candidaturas e decídeos un xurado nomeado ao efecto. Neste ano 2013, o Museo do Castro de Viladonga recibiu o Premio no apartado de Patrimonio Cultural, que foi entregado ao seu director o pasado xoves 12 de decembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, que quixo expresar así o seu agradecemento, en nome propio e dos traballadores do dito Museo.
De entrada, temos que agradecer moi fondamente que se nos conceda este Premio de entre as, afortunadamente aínda, moitas entidades e persoas que traballan polo patrimonio cultural galego e merecen por igual este recoñecemento. Ademais, queremos render aquí homenaxe póstumo a Ramón Falcón Rodríguez e a Manuel Chamoso Lamas, que a comezos dos pasados anos 70 promoveron o inicio dos traballos en Viladonga.
O Museo do Castro de Viladonga naceu para complementar de xeito decisivo a función patrimonial, cultural, social e educativa deste sitio arqueolóxico, e trata de cumprir cabalmente os seus fins como tal museo, é dicir, conservador, científico e didáctico no máis amplo sentido. O máis de medio millón de visitantes recibidos no Castro nestes case 30 anos de vida activa do Museo permiten supoñer que se escolleu o camiño correcto e adecuado, coas limitacións xerais e particulares que poida haber e coas melloras que sempre se poderían acometer.
Conscientes de que se trata dun conxunto patrimonial arqueolóxico e, por tanto, especializado e específico, tentamos que Viladonga sexa, e non só en Galicia, un modelo axeitado de conservación e posta en valor dun ben cultural por medio da integración e conxugación dun xacemento, presentado como unha ruína patrimonial consolidada, cun museo de sitio propiamente dito, que cumpra plenamente aquelas funcións que ten encomendadas por lei, e que, por tanto, quere ofrecer un discurso rigoroso pero ó propio tempo cunha presentación amena e cunha clara orientación didáctica e comunicadora para toda a sociedade, galega e foránea.
Foi e é nun traballo feito ós poucos desde 1983, ano a ano, mes a mes e día a día, tratando de solucionar moitos problemas e atrancos e esquivando algunhas pedras no camiño, contando coa axuda de varias administracións e tamén co apoio da chamada sociedade civil a través da nosa Asociación de Amigos - creada en 1989 - e, por descontado, das moitas persoas que en Viladonga traballaron e traballan ó longo de tres décadas. Procuramos desenvolver así unha acción patrimonial e museal na que sempre se tivo en conta a súa situación nun medio natural e rural determinado, a certa distancia de entidades de poboación importantes pero ó tempo moi accesible desde estas, o que, por un lado, contribúe á súa singularización fronte a outras alternativas culturais do contorno e, por outro, facilita o acceso a todo tipo de público.
Cremos que este amplo abano de actuacións de conservación, investigación e difusión do coñecemento, coa utilización das novas tecnoloxías e das redes informáticas, facilita unha notable presenza do Museo no mundo da cultura e das comunicacións, co obxectivo de chegar a un público o máis numeroso e diversificado posible, xa que a súa vocación polo patrimonio cultural e a educación foi sempre irrenunciable e segue a selo mesmo nestes tempos tan críticos para estes aspectos fundamentais para a Humanidade e, por tanto, para este noso país.

Arias Vilas, Felipe