Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos... (Os tesouros dos castros)

jueves, 12 de diciembre de 2013
Dous vellos e unha soa soidade


EPÍLOGO II:
OS TESOUROS DOS CASTROS GALEGOS TAMÉN EMIGRAN

O que non sabían Toña nin Manuel para contarlles aos mozos que viñeran en busca do castro soñando con tesouros escondidos era que xa aló polo 1911 se atopara naquel Castro -o de Viladonga, que foi inspirador da peciña de teatro dos dous vellos- un torques de ouro que forma parte da colección dos herdeiros de D. Álvaro Gil, despois de que este lle mercase a sección de ourivería a D. Ricardo Blanco Cicerón, tratando de evitar que ese torques emigrase ao estranxeiro, porque o seu dono, D. Ricardo, pasaba daquela por apertos económicos. Os apertos económicos viñeron sendo e seguen a ser hoxe tamén a principal causa das migracións de persoas e obxectos de valor, por máis que algunhas familias que en tempos viviron de rendas, logo de aparentar, máis adiante de traballos de avoengo e hoxe de ser coma os mais, con traballo ou sen el.

Tampouco souberon informar Toña nin Manuel dos resultados das escavacións que se viñan levando a cabo xa dende o 1971 nin de que no 1975 comezara a construírse o edificio do museo monográfico do Castro de Viladonga. Acontece a miúdo que sabemos máis do que hai por lonxe ca do que temos preto da casa, pero no caso dos dous vellos sería desculpable este descoñecemento, porque había anos que os seus xeonllos non estaban para subir costas e quedaban poucos veciños que os puidesen informar.

Segundo datos históricos, quen descubriu aquel torques foi José Abelleira Palmeiro, veciño de Ansemar, de forma casual, arando unha leira na mesma croa do Castro que fora terra de labranza.

Segundo a lenda, descubriuno un boi que foscallaba para arrebolarse terra cos pés por riba do lombo e librarse así dos moscóns que o amolaban.

O que tampouco sei, e teño gana de sabelo, é canto lles pagarían polo torques ao labrego quen fose que o adquiriu, un xoieiro, un trapeiro, un coleccionista, un mecenas ou un aproveitado.

De certo, quen llo mercou a quen o atopase non foi D. Álvaro Gil, xa que, como queda dito, el adquiriuno como parte da colección de Blanco Cicerón. Probablemente o primeiro mercador pagase pola peza bastante menos do equivalente naqueles tempos aos 110.000 euros que agora percibirían por ela os herdeiros de D. Álvaro, conforme á taxación feita hai pouco tempo polo moi entendido nestas cuestións, Eduardo Ramil, arqueólogo de prestixio e eficaz director do Museo de Vilalba. Taxación á que se ativo o Deputado que negociou cos tetos do D. Álvaro.

Os fillos e demais familiares vivos do labrego non lembran que seu pai lles dixese nunca canto percibira polo torques nin teñen conciencia de que houbese ningún sinal externo de ningún enriquecemento súbito. A ver se por aí con quen trataron os que adquiriron aquela xoia, datada entre o século tres e o século un antes de Cristo, foi co boi, que, polo visto, por non estar enteiro dende que era becerro, no deixou descendencia recoñecida.

Cabe outra teoría curiosa, abofé, polas coincidencias. Un irmán de José Abelleira traballaba na deputación e puidera darse o caso de que fose el, (o experimentado) quen correu coas xestións pertinentes.

Ese torques dende hai uns corenta anos ata o 24 de outubro do 2013 expoñíase no Museo Provincial de Lugo, onde xunto con outras pezas da colección Álvaro Gil, estaba, segundo parecía, depositado e ben seguro e protexido, sen ter que pagar os herdeiros da colección cámaras acoirazadas. Agora, tamén parece ser que está, e non de balde, na cámara dun banco aló por Madrid a onde o levaron estes herdeiros, despois de que, por sentencia xudicial, fosen recoñecidos como seus lexítimos donos e retirasen do Museo.de Lugo as pezas que creron conveniente.

Non me toca a min coñecer no máis profundo nin xulgar as poderosas razóns polas que retiraron a colección estes herdeiros dun mecenas, que se di que tiña intención, (pero a soa intención só basta para pecar), de que permanecese en Lugo, pois, como tamén se di, estaba namorado desta cidade e era un amante afervoado da cultura e patrimonio galegos.

Descarto, dende logo, que fosen razóns de tipo pecuniario agravadas pola crise actual, xa que, polo que puiden ler, manifestaron que ese legado noutras circunstancias “podría haber quedado en Lugo sin tener que pagar un euro por el”. Que mágoa non andar a tempo entre o ano 2000 en que comezaron as liortas que enfrontaron a herdeiros e Deputación, e o 2013 en que se fixeron estas declaracións por parte dalgún neto do mecenas, se é que se fixeron, porque, ás veces, unha cousa é o que se di e outra o que din que se dixo.

A min mesmo pasoume que, lendo nun xornal a reseña dunha homilía que eu levaba escrita e a predicara polo papel, descubrín que do que dicía a reseña, entre comiñas e todo, eu non dixera nada, e do que eu dixera, non dicía nada a reseña.

Máis gorda aínda foi cando á volta dunha viaxe a Madrid, que eu fixera adrede para escapar, porque non me apetecía divertir a algún comensal, leo noutro ou no mesmo xornal: “Ayer, con la maestría de siempre, Xosé Manuel Carballo amenizó la cena de los Pepes de Lugo presidida por D. José Blanco”. Teño testemuñas de que esa noite eu durmín en Madrid e non son sonámbulo, deses que saen pola noite durmindo e logo non lembran nada do que pasou, tampouco teño o don da bilocación. A conclusión é que quen tal escribiu, debe ter o don da dislocación mental.

Tampouco me corresponde xulgar as longas xestións da Deputación de Lugo anteriores ao 2013. (Poñer como suxeito axente a Deputación é un eufemismo, porque ningún organismo deste tipo fai xestións en por si só. Faranas persoas dese organismo, non si?) Non coñezo tales xestións, pero sospeito que, por seren tan lentas, e comezaren cos cabreos con que comezaron, trocáronse en indixestións para parte da familia de D. Álvaro Gil, ou máis ben para ámbalas dúas partes: Presidente da Deputación e netos e neta de D. Álvaro.

Ao que si creo ter dereito é a dubidar das sentenzas xudiciais, porque xa teño dito noutras ocasións que creo na Xustiza como valor abstracto, pero non podo evitar os reparos en relación coa administración da xustiza nin coas diverxentes aplicacións das leis. Exemplo ben recente temos nos dictados de Estrasburgo con relación á doutrina (doutrina?) Parot. Ademais, como as leis humanas non son eternas e préstanse a interpretacións diversas, poden cometerse grandes inxustizas no nome da lei. Do contrario non habería lugar e sentenzas diametralmente opostas sobre un mesmo caso, nin á posibilidade de apelacións a un tribunal superior.

Boa proba de que as leis son mutables é que coa lexislación actual esas coleccións de Blanco Cicerón e Álvaro Gil non poderían ser de propiedade privada, senón estatal ou autonómica, de acordo co artigo 44 da Lei de Patrimonio Histórico Español de 16/1985 de 25 de xuño, pois, conforme a ese artigo, quen atopa un tesouro do tipo das pezas de ourivería desas coleccións en propiedade propia ten a obriga de comunicalo e entregalo á Administración competente, percibindo, en concepto de premio en metálico, a metade do valor que en taxación legal se lle atribúa. Se o descubrimento non fose en propiedade propia a retribución pode ser divisible ou non haber lugar a ela, pero sempre está a obriga da entrega. O mesmo veñen a dicir os artigos 59 e 60 da Lei 8/1995 de 30 de outubro de Patrimonio Cultural de Galicia.

Tamén creo ter dereito a manifestar a miña reprobación do trato calumnioso, noxentamente manipulado e agresivo que nalgún ou nalgúns xornais -neste caso non en El Progreso- se lle deu ao actual Deputado provincial que leva a área de Cultura, Mario Outeiro que foi quen tivo que cargar con xestións, negociacións e indixestións. Mario está casado coa miña sobriña e, polo tanto, é meu sobriño político. Non precisa que eu saia na súa defensa e foi el mesmo quen me freo a man á hora de escribir este paragrafo. Ante malévolas desautorizacións por razóns de parentela creo que podo dicir e digo que a afectividade non me turbaba a obxectividade.

Pero, grazas ao freo de Mario puiden poñer en práctica aquelo que no seminario de Mondoñedo nos aconsellara un profesor de literatura: “É moi aconsellable deixar repousar o que se escribe, polo menos durante oito días, e logo, repasalo antes de publicalo e, se é preciso, pulilo e retocalo”.

Comprendo que quen dá informacións diarias nun xornal non pode deixar repousar o escrito, porque se o fixese adiantaríanse outros a dar noticia e venderíase menos. Debe ser estresante ese traballo, pero paréceme que iso e a necesidade de competir nun mundo de competencia desleal entre os medios escritos, orais lelevisivos eu de internet non debería xustificar o morbo nin a difamación.

Non vin escrito en ningún lugar que Mario, como bo veciño, despediu con dor no corazón e bágoas nos ollos a un torques veciño que tivo que emigrar, despois de facer el o posible por retelo preto. As bágoas contidas aprécianse ben nalgunha foto publicada e imaxínome que mellor aínda nalgunha foto escamoteada por atusmóns que se impacientaban ás portas do Museo, non sexa que outros se lles adiantasen e non houbese morbo para todos.

Eu non son xornalista, teño escrito en xornais e aínda o fago de vez en cando, agora mesmo estouno facendo para nun medio moderno de comunicación, pero non son periodista titulado. Toco de oído e nunca toquei por partitura. Aínda así, observo que nos medios de comunicación hai seccións de información e seccións de opinión; pero cando se mesturan información, opinión e mala idea nunha mesma tortilla que se serve á présa medio crúa, o resultado vén sendo que non se informa da realidade, senón que se crea unha realidade deformada, unhas veces por ignorancia, outras por intereses económicos, outras polas présas e outras, mesmo, por ideoloxías políticas, etc. etc. etc

Teño tratado de imaxinar que dirían de Mario Outeiro eses mesmos xornais se ofrecese aos desinteresados herdeiros dun mecenas, (que na segunda metade da década dos noventa puideron gozar de algo máis ca información privilexiada no Museo de Lugo, como é vox pópuli ben fundada), moito máis do taxado por un experto, á conta de todos os contribuíntes e aínda por riba, deixase correndo a rego por tempo indefinido, a mangueira de futuras reclamacións por danos e prexuízos. O lóxico sería que se dixese, se esa fose a súa actitude, que lle metera unha facada á Deputación Provincial e a toda a provincia de Lugo pola que acabaría desangrándose.

Claro que tamén pensei que un deses xornais que aparentou ser o voceiro de algúns dos descendentes de D. Álvaro Gil e do seu prestixiado avogado o mesmo o daba por ben feito e aínda cheguei a cavilar que foi unha mágoa que, se ese xornal mantiña tan boa relación con esa familia como aparentaba e lle quixese a Lugo como pretendeu facer crer, non gastase en axudar a conservar no Museo esa riqueza a metade das enerxías que empregou en difamar a quen tivo que dar a cara por non dárena en trece anos outras autoridades de diversas cores políticas.

Resumindo: Entre outras pezas, moitas delas desenterradas en Galicia, un torques de Viladonga, descuberto por un labrego, ou por un boi, tamén emigrou o 24 de outubro do 2013, despois de que xa hai moitos anos se puidese evitar que fose exiliado ao estranxeiro. Menos mal que no Museo do Castro aínda queda outro torques e moitas xoias entre elas Felipe, o director, e todo o persoal que alí traballa.

Para unha fábrica de emigrantes, na que dente tempo inmemorial converteron a Galicia, non é novidade que un torques, o mesmo ca tantos outros tesouros histórico-culturais e humano-sentimentais se vise forzado a deixar esta terra, como tiveron e seguen tendo que deixala moitos fillos e fillas de moitos Manueles e de moitas Toñas de parroquias rurais e non tan rurais que se seguen desangrando a rego polas facadas da emigración forzada causantes da ata hoxe nunca cortada hemorraxia.

Nota: Un amigo moi cualificado en moitas cousas, pero tamén en atopar erros na escritura coma se tivese un punteiro láser nos ollos que o levase directamente a ver palabras improcedentes, fíxome caer na conta de que aló polo sexto parágrafo deste escrito eu dicía “tetos” onde debería dicir “netos”. Reviseino e efectivamente é así, pero non o corrixín porque non estou tan seguro de que sexa un erro. Mesmo puidera ser un acto fallido dos que fala Freud na súa “Psicopatoloxía da vida cotiᔠe por outra banda, sintoniza moi ben con aquelo do noso xenial Castelao: “A vaca galega tén o presebe aquí e os tetos en Madrid”. O que non sei é se a sacarán todos os días para muxila na Casa de Campo ou se a terán medio acubillada no soto dalgún banco a ver se nos imos esquecendo dela, como aínda non está declarada BIC. Se cadra sabeo un periodista que era amigo meu. Se non me torce a cara o mesmo lle pregunto a calquera hora que nos atopemos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES