Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Leiras Pulpeiro, crente?

miércoles, 11 de diciembre de 2013
Mondoñedo, un ano si e outro tamén, celebra a efeméride dun poeta, dun escritor, dun músico. Se neste últimos anos se lembrou a Aquilino Iglesia Alvariño, a Xosé Díaz Jácome ou a Alvaro Cunqueiro, este ano 2012 tócalle a quenda a Manuel Leiras Pulpeiro. O nove de novembro cúmprense os cen anos do seu pasamento.

Aínda que o adaxio latino di que “De internis nemo iudicat nisi Deus” (do interno ninguén xulga a non ser Deus), cómpre achegarse un chisquiño á figura de Manuel Leiras Pulpeiro desde o ámbito relixioso. Pero hai que facelo desde a súa traxectoria vital e desde a súa obra.

1. antecedentes

Como imos ver, varios foron os autores que se ocuparon deste tema ó longo destes anos. Así no xornal “Mondoñedo” (periódico bisemanal independiente), no número correspondente ó 12 de novembro de 1912, pódese ler o seguinte:

“De ideas político-religiosas particularisímas, no era un descreído, pues no es descreído quien como él tenía frecuentemente el nombre de Dios en los labios para mostrarle su gratitud por favores recibidos. No pretendamos osados, escudriñar los altos designios de la Providencia...”

¿Que entende o autor por “ideas político-relixiosas particularísimas”? Non o sabemos.

Pola súa parte, Lence-Santar escribe:

“En questións de relixión e política era non só un intransixente, senón un fanático de corpo enteiro. Non estaba conforme con ninguén senón coas súas propias opinións (...) Non era relixioso como xa dixemos, pero tiña en grande estima un bon crucifixo de madeira, de regular tamaño, que Fr. Mariano Díaz, monxe exclaustrado do conventos de Alcántara (en Mondoñedo) regalara ao pai de Leiras”.

Aquilino Iglesia Alvariño, no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, di o seguinte:

“Neste pórtigo de poetas piedosos, Leiras é o relaxado e xurafaz, o poeta maldito, bon materialista do seu tempo, de barbas brancas, corazón doído e amigo de facer ben”.

Xosé Luis Franco Grande publica en 1970 a obra Obra Completa de Leiras Pulpeiro cun estudo crítico, traballo co que gañara un premio nun certame convocado co gallo das Feiras e Festas de As San Lucas. Nel di:

“Outra custión que deu lugar a tortas interpretacións é a da súa suposta irrelixiosidade. Non temos por qué nos misturar nestas custións que, en todo caso non merecen máis que respeto. Pode que o feito de vivir e profesar nunha cidade levítica fora unha das causas que contribuíron a tecer un mito de raro feitío arredor da figura de Leiras. (...) Leiras foi, iso sí, anticlerical, mais non descreido. Nos seus poemas é doado atopar elementos e referencias que demostran que era crénte. E o mesmo ocurre co seu testamento ológrafo que destrúe certos xuicios sin fundamento sobre desta custión que, por ser tan persoal, non val apena furgar nela por demais”.

Xosé Trapero Pardo, alumno do Seminario Santa Catarina coma Leiras, escribe que:

“Na obra poética de Leiras Pulpeiro hai poemas e cantigas, nas que é ben doado descobrir un craro anticlericalismo. Basándose neste feito, non faltaron os que se atreveron a clasificalo como ateo ou, polo menos, como agnóstico. Mais a realidade foi outra.
O médico poeta sabia moi ben a situación de moitas familias pobres. Esto levouno a arremetar contra o Clero, precisamente por aquel seu desexo de defender aos humildes.
Esto non lle tolleu o sentirse profundamente crente. Cousa que é ben doado comprobar, cando se van lendo os seus traballos, nos que hai moitas probas e alusións ó sentimento relixioso do pobo.
Non faltará quen diga que todo somentes proba que Leiras empregaba nos seus traballos as frases que o pobo adoitaba empregar, pero que el non compartia. Mais habera que dicir que cando fixo o testamento, onde un quere deixar crara a súa vontade e os seus sentires, Leiras pediulle a Deus a axuda para a sua muller e os fillos.
Na verdade, pode decirse que Leiras Pulpeiro se confesaba nos derradeiros dias da sua vida crente, tal como fixera outro anticlerical, o poeta portugués Guerra Junqueiro”.


O profesor Xesús Alonso Montero publicou en 1983 un edición da Poesía Completa de Leiras cun Estudo previo. Neste estudo di que se debe abordar o tema da ideoloxía relixiosa de leiras, “se é que tiña algunha”. Segundo Alonso Montero

"Documentos fundamentais, sobre o tema do Clero, son, sen contar varios "cantares", oito poemas. Neles a postura do poeta, a actitude do home Leiras Pulpeiro, está ben clara: a Igrexa é perxudicial. Os curas son "corvos das ideas", ideas que "relaxan" á xente; o Clero ("a cregaxe", invención despectiva do noso poeta) reza, se hai diñeiro, sempre de boca para fora, e non considera inxusto cobrar impostos ("ofrendas") ós que descoñecen a fartura. Todo esto, aquí moi esquematizado, non proba necesariamente, que o autor dos ataques e das sátiras sexa anticristiano. Podería probar, igualmente, que, convencido o noso escritor da riqueza moral dos principios do Cristianismo, manifesta a súa adhesión moral a estes principios, censurando ou ridiculizando ós sacerdotes que profanan o templo sagrado destes principios. Aínda nesta lectura, trátase dunha adhesión ética ó pensamento cristiano, non, necesariamente, dunha declaración de principios relixiosos. (...) Un texto non poético, as páxinas do seu testamento, reclaman agora a nosa atención. (...) A presencia ligüística de «Dios» neste párrafo non é a rutinaria concesión a unha fórmula tradicional (...) Eu vexo aquí unha formulación idiomática, que puido evitarse, coa que Leiras Pulpeiro explicita a creencia nun Ser Supremo, teísmo (non menos, non sabemos se máis) que non o obriga, necesariamente, a ceremonias, ritos ou xestos».

Por último, Ramón Reimunde Noreña publica tamén en 1984 a Poesía Galega Completa de Leiras cun Estudo preliminar. Nel reafirma o anticlericalismo de Leiras e cuestiona a súa práctica relixiosa, pero non dubida que fose crente:

«No caso de que fose crente, ou polo menos educado dentro da moral católica e inmerso nunha civilización occidental cristiá, o que é indiscutivel é que non era practicante».

«A crítica anticlerical sistemática e insistente que lanza Leiras Pulpeiro, atacando sempre no mesmo ponto do materialismo interesado dos cregos, ten a intención de dinamitar os alicerces mesmos en que se asentaba o seu poder económico e favorecer o futuro triunfo das suas ideas republicanas e liberais. Mais en contraposición e loita con isto está a sua fe primitiva cristiá, as suas virtudes evanxélicas na práctica, a aceitación e respeito das crenzas seculares do seu povo, porque nunca ataca nen ridiculiza nengun aspecto ou dogma da doutrina de Cristo».


2. analise da súa obra poética

Antes de pasar á analise da obra poética de Manuel Leiras Pulpeiro, convén sinalar algúns aspectos do seu devir vital. Así, aínda que casou polo civil, bautizou a todos os seus fillos e, segundo me manifestou a súa filla Josefina, mesmo os obrigaba a ir á Misa e á catequese e acompañábaos ata a porta da igrexa.

Por outra banda, no seu testamento ológrafo, no que recolle as súas derradeiras vontades, di: «(...) a los pobres pedazos de mi alma, que por de pronto quedan bajo su amparo, y que yo bendigo pidiendo á Dios les ayude e ilumine para saber vivir con honor y amándose y protegiéndose mutuamente; sin llegar á conocer ninguna de las mil desventuras que ensombrecieron los días de mi vida (...)». Se encomenda os seus fillos a Deus quere dicir, sen dúbida, que admitía a existencia de Deus e que confiaba na súa Providencia. Do contrario, sería ridículo, inútil e absurdo pedir axuda a quen non existe.

Outro aspecto a ter en conta á hora de tratar o tema relixioso en Leiras é que, segundo nos dixo Remedios Cendán López, que coñoceu a Leiras e mesmo foi atendida por el, cando visitaba un enfermo e «vía que estaba moribundo mandaba que o ‘despachasen’, que avisaran ó cura si querían».

Na obra poética de Leiras Pulpeiro non aparece nada que signifique dúbida da fe nin discusión da doctrina relixiosa. Nunca ataca nin ridiculiza ningún aspecto da doctrina cristiá. Non ataca a Deus nin a Xesucristo nin á Virxe nin ós Santos nin a Dogma algún da Igrexa.

Nos Cantares aparece o nome de Deus (“Dios”, como di Leiras) citado vinte e dúas veces. No resto da súa poesía, vinte e sete veces. Xa sei que moitos dirán que son frases feitas collidas do seu contacto coa xente, co pobo humilde. É certo nalgúns casos: «Dios che pague a túa esmola»; «nin a ser como Dios manda»; «pro Dios che valla, por eso»; «Non vou, e ¡Dios mo perdone!»; «Dios te garde»; «¡a groria de Dios darnos»; «Gracias a Dios que chegaron / as festas»; «soilo ás veces atopa un Dio-lo ampare»; «si Dios quer»; «Dios te libre da praga»; «Gracias a Dios vai andando», e moitas outras. Pero hai outros casos en que non é así. Sirvan como mostra estes dous cantares que falan de Deus como creador e providente:

Traballar, algo traballo: / pro moito non che me apuro; / que pau que Dios non engorda / nunca sal de carabullo.
Desque que a peta lle botaron, / naide máis foi á Frouseira; / sóilo Dios puxo froliñas / por entremedias das penas.

Tamén aparecen na súa obra poética a Virxe María («que pola Virxe do Carmio»), san Antón («Meu San Antoño bendito...»), san Campio («con unha Misa ó San Campio», san Cosme («Hei de levar ó San Cosme», san Pedro («ou non me vale San Pedro!»).

Hai, ademais, varias referencias á alma («tiñas disposta a ialma»), ó ceo («¡Dios che perdoe; e que a entrambos / no ceio xuntos nos vexa»), ós anxos do ceo («e que os anxiños do ceo»), á intercesión dos santos («Hei de levar ó San Cosme, / como non se espoltre a égoa; / i heina levar cunha misa / e cunha vela de cera»), ó perdón dos pecados («como que a Dios conta todos / temos que dar dos pecados», «Para que, de Dios, de contado, / teñan perdón os que morreron», «cos seus rezos a Dios a encomendaban», «Dios mo perdoe», «para cando Dios os leve»).

Por outra banda, hai un breve poema no que fala de Cristo:

Entre os probes que xememos,
inda o Belemnita reina;
pro entre cregos?... ¡Entre cregos,
nin siquera!!!


O Belemnita é Xesucristo, nacido en Belén. Hai quen di que non se sabe se se trata de Cristo Deus ou de Cristo home. Coido que o poema non dá pé para facer esa distinción. Está claro que se refire a Xesús de Nazaret que durante a súa vida na terra mostrou a súa predilección e o seu agarimo polos máis pobres.

O seu anticlericalismo aparece só en oito poemas e algunha que outra alusión nos Cantares. Analizando a súa obra poética polo miúdo, creo que o seu anticlericalismo foi magnificado por algúns. Para entender o seu anticlericalismo temos que situarnos na época histórica na que viviu Leiras e ter en conta a ideoloxía republicana e liberal que profesaba, moi propia do século XIX. O seu anticlericalismo está moi na liña do anticlericalismo dos liberais do século XIX

3. conclusión

Coido que Manuel Leiras Pulpeiro era un home crente, pero, certamente, non practicante e anticlerical moi na liña dos republicanos liberais do século XIX. Era un home que rezaba («ie é que non hai oración como a que eu dixen / pra dar consolo enteiro ás nosas almas»); un home eminentemente caritativo e de virtudes evanxélicas; un home que, coma bo samaritano, socorría as necesidades dos demais; un home que fixo o ben ós seus semellantes; un home esencialmente bo, dunha gran humanidade. Por iso, coido acertado o que reza na súa campa: «Amou a verdade e practicou o ben».
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES