Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verbas a Miro Casabella

miércoles, 11 de diciembre de 2013
Meu querido Miro:

Hai anos que teño a honra de coñecerte e escoitarte cantar, de emocionarme cando “o meu país verde, neboento, saudoso e antergo” xurde da túa voz que arrepía de emoción o universo cultural que compartimos en irmandade.

Foi a primeira vez naquel 2005 de Lorenzo Varela en Monterroso, cando na túa voz rexurdía o laio por Manuel Ponte, para seguir con poemas de Manuel María que nos lembraban que “o idioma é a vida”. Os teus concertos tamén son a vida, a vida que agroma na fonte da poesía dende o medievo ata a actualidade, poesía con ritmos vivos que bates nas cordas da túa guitarra para non calar xamais. Así lembro a denuncia continua, a emoción que transmites ao cantar “María Soliña”, “Ti, Galiza” ou “O romance de Castrelo do Miño”. Que ben aprendiches a lira do teu avó!

Unha obra intensa dun home extenso e unha obra extensa dun home intenso que fai vibrar todo o que é noso, o mundo que sentimos e aloumiñamos en galego para dicir muiñeira, corredoira, aloumiño ou chorima. Pero, ademais, tamén fas vibrar a nosa realidade porque nunca calaches ante ela e sempre deches a cara aínda a risco de feros castigos. Homes coma ti fannos sentir orgullosos dun pasado que nos trouxo esta liberdade. Pero ti, ademais, trouxéchesnos fondas ensinanzas da cultura que amamos e que nos impulsan a amala aínda máis se cabe.

Teño agora na memoria a carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei, onde este ano cantaches “O caciquiño” do querido Abella e onde a túa voz aleda o 8 de setembro ao compás das “Tres Comadres”.

O outro día esta casa sacou unha editorial que levaba o teu nome, ti ben sabes polo que foi e quería dicirche que te tes que saber merecente de todo e de máis porque o teu aporte a este país constitúe unha pedra angular a nivel social e cultural, quen queira dar un paseo pola historia non o vai poder facer sen a banda sonora dos teus acordes, e logo poden dicir o que queiran pero ti es o galego que chegou a cantar en París.

Meu Miro, ti es a flor que no murcha na cultura galega, o acorde dos antergos, a verba do hoxe e o porvir do que beberán os devanceiros. Es todo e máis e cada vez que soa a túa voz espreguizámonos por un porvir cheo de cultura no que cada nota e cada verba túa fainos infindos e invencibles, lembrándonos que podemos ser minoritarios pero xamais consentiremos ser minorizados.

Recibe unha aperta dun amigo para quen o teu nome significa amor e valentía, palabra e lume, son e música e sempre, sempre, liberdade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania