Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

101 obras mestras

lunes, 02 de diciembre de 2013
A partir de mañá mesmo, vostede e máis eu, benquerido lector, comezaremos a recibir co xornal un agasallo que se verá completado en 35 achegas e que nantronte foi presentado nun acto social que convocou a unha ampla representación da sociedade política e cultural ourensá.

'Auria, cen obras mestras da arte de Ourense', é o seu título e o feito de irmos poder recibila a grolos diarios -é dicir, en fascículos-, vainos permitir gozar das súas sensacións -incluso de descubrilas ou redescubrilas porque xa as tiñamos esquecidas- coma quen goza dun bo viño do Ribeiro entre conversa e conversa na taberna ou das lambetadas dun xelado nunha tranquila e calorosa tarde de terraza no espolón da capital ou da 'miña' Praza Maior celanovesa.

Cen obras mestras que proceden mesmo da prehistoria máis antiga para achegarse, gabachas, ata os nosos propios días e que son reflexo da creatividade artística dun Ourense que, como dixo Otero Pedrayo, 'sendo moi seu, sempre foi universal'.

Cen obras mestras, que ben poderían ser mil a nada que se lles fose a man -ou se lles dese por abrir a rede da peneira- ó ilustre elenco de expertos que foron encargados da súa selección e que para a miña regalía persoal (hai nada que lles dediquei dúas columnas sucesivas e nos últimos tempos téñolle dedicado algunha máis) acordaron inserir na súa portada, a xeito de exemplo universal e intemporal e xunto cunha obra contemporánea de Ignacio Basallo, as oito pezas de xadrez de cristal de rocha de estilo exipcio fatimí que a tradición popular e a intrahistoria monacal do cenobio celanovés ligou para a eternidade á figura de Rosendo Guterres, máis coñecido para o común por San Rosendo.

Cen obras mestras que non son máis cá punta do iceberg dun patrimonio artístico e monumental sen igual, e que -parafraseando ó presentador do acto, Francisco Pablos, que citou ó alaricano Marcial Suárez- nos permiten afirmar sen temor a equivocarnos, que dificilmente se pode atopar un lugar dentro e fóra de Galicia no que teña aflorado ó longo da historia e de xeito tan continuado 'tanta creatividade e tanta arte por católico cadrado'.

Cen obras mestras, en fin, que nun paradoxo non menos sen igual, pertencen a unha terra -velaí o mundo contradictorio no que nos movemos os ourensáns- que carece dun Museo provincial que nos permita amosar fachendosos toda esa creatividade telúrica que ó igual ca auga das Burgas chega ardente, enfría e se vai sen xerar nin sequera unha cadela de valor engadido a través diso que chaman turismo cultural.

Cen obras mestras, que ben poderían ser cento unha se algún día fosemos quen de valorizalas e sabermos comercializalas no sentido máis puro da palabra. Esa é, benquerido lector, a obra colectiva que nos queda por crear. E tamén a máis monumental.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES