
O home que en vida se chamou Isaac Díaz Pardo, está xa rendendo contas diante de Deus e da Historia. Das contas diante de Deus ámbolos dous saberán, que é cousa das dúas partes, e non somos ninguén para opinar do tema. Pero si podemos e debemos opinar sobre as contas que Isaac ten rendido e seguirá rendendo diante da historia, e no Museo Provincial de Lugo está aberta unha mostra antolóxica da súa obra cerámica que é un fortísimo alegato no seu favor, se a Isaac lle fixeran falla alegatos para ser un dos Grandes deste país.
A Mostra que o Museo presenta é a primeira homenaxe postmorten a este gran galego que ía para arquitecto pero a terrible guerra civil tronzoulle o camiño. E xa que non puido ser arquitecto conformouse con ser un magnífico pintor, un xenial organizador, e o xigante promotor dunha arte en cerámica que veu a luz primeira na Arxentina para cristalizar en Sargadelos e O Castro para que Galicia puidese ter unha cerámica xenuinamente galega baseada nos nosos magníficos caolíns, que por paradoxo colonial ou simplemente comercial estaban en mans estranxeiras.
Sargadelos foi un imperio no que Isaac Díaz Pardo era o emperador porque del era o xenio creador, a enerxía impulsora, a perfecta realización... E cando a empresa floxeaba comentoume hai anos- vendía un dos seus cadros, e solucionaba os problemas puntuais que Sargadelos e O Castro pudieran sufrir.
E Sargadelos cubriu de arte Galicia, enchendo as mesas máis nobles, figurando nas bibliotecas ou nas salas de estar, sendo arte do país que representaba a Galicia en todo o mundo. E as xoias feitas en Sargadelos resaltaron fermosuras en mans e rostros femininos, o mesmo que a editorial O Castro rescataba para a cultura anacos fundamentais da historia deste país.
Problemas empresariais e desafectos personais quitaron Sargadelos das mans de Isaac, pero a historia que é xusta alomenos en casos coma este- acredita que Sargadelos nunca houbera sido posible se non fose por Isaac Díaz Pardo.
Os que o coñecemos ou os que o descoñecen, se queren saber como era de grande Díaz Pardo, poden achegarse ao Museo Provincial de Lugo, e perderse para atoparse- na magnífica exposición sobre a súa cerámica.