Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O físico, o metafísico e a sociedade

sábado, 30 de noviembre de 2013
Tal vez sería conveniente introducir un espazo de reflexión acerca das posibles implicacións entre as incertezas do físico e material na actualidade e os desacougos metafísicos e sociais, sobre todo tendo moi en conta que a evolución da cultura moderna, a finais do século XX e primeira década do XXI, fai que alguhas certezas do pasado vaian desvanecéndose: Os dogmatismos en todas as áreas do crer, saber e actuar humano, as seguridades de antano, incluso no ámbito científico, quedan, cando menos, entre signos de interrogación. Non aceptalo equivale a curar as feridas sen sacarlles os apósitos para explorar o alcance das mesmas.

É sabido que estamos no que moitos estudosos chaman post-modernidade, unha denominación non aceptada por todos.

Certamente, estes nosos tempos caracterízanse pola crítica xeneralizada, por iso tamén se inclúen no que se chama “modernidade crítica”, que leva ao abandono do dogmatismo antigo, non só no campo socio-político, senón tamén no que respecta ao coñecemento da materia e do universo.

Os mesmos coñecementos físicos chegan a ser tan sutís ao pasar da coñecida como “física clásica ou newtoniana” á “cuántica” (na que se estudan microestruturas complexas con estrañas interaccións dinámicas), que esixen unha difícil e complicada formulación matemática, traducida a uns relatos teóricos que rozan o modo metafísico, filosófico. Si..., os físicos fan metafísica cando formulan certas teorías. (Quen llo dixera aos ministros de educación que reducen nas aulas a Filosofía á expresión mínima...!!!).

Que o universo se nos presente como unha estrutura dinámica quere dicir que ten un conxunto de elementos que están relacionados entre si, que forman un TODO que evoluciona no tempo. Estes elementos que o constitúen son moi diversos, e algúns descoñecidos. Na actualidade pode falarse de partículas, luz, átomos, moléculas, vibracións ondulatorias, materia, materia escura, estrelas, planetas, galaxias, etc.

A física clásica danos unha imaxe do universo e da materia que nosoutros podemos reducir a expresións matemáticas relativamente sinxelas; experimentar e observar as cousas que están nun espazo e nun tempo, como nuns continentes que nada teñen que ver cos seus contidos; entender a materia como integrada por corpúsculos, con movementos regulados por leis; todo explicable mediante a construción duns certos modelos, que facilitan a comprensión, etc. Así, percibimos un mundo harmónico, razoable, sistematizado de maneira que ofrece un certo acougo. É a Física do noso bacharelato.

Pero na física cuántica os físicos non poden ofrecernos aqueles modelos explicativos, a materia xa nós desconcerta na súa microestrutura coa oferta de corpúsculos como elementos constitutivos, a veces, e outras, cambiando os corpúsculos en ondas, e tampouco podemos saber ata onde a nosa observación altera o que estamos observando, é dicir, xa non podemos asegurar que o que vemos está onde o vemos ou é como se presenta a nosa vista.

Aquí o espazo e o tempo tampouco teñen a función de ser como recipientes da materia, senón que se consideran dimensións ou propiedades dela: as cousas non están no espazo nin no tempo, son espazosas e temporais (mellor, “tempóreas”), etc. En fin..., un galimatías que se estende ao universo.

O que podemos chamar MATERIA XERMINAL do universo ten unhas propiedades moi estrañas, que estudan, precisamente, esta física cuántica e a astrofísica, e que se describen no que se coñece como “mecánica cuántica”.

O sorprendente é que, cando se producen partículas dunha certa forma de vibración, causan a aparición do que percibimos polos nosos sentidos como obxectos estables, diferenciados, separados uns doutros no espazo e no tempo e teñen formas ben definidas.

Este, precisamente, é o mundo que describe a mecánica clásica de Newton, pero as interaccións entre os obxectos desta mecánica clásica nada teñen que ver coas propiedades da que chaman “materia xerminal cuántica”, que, sen embargo, constitúen a microestrutura do mundo tal e como o percibimos. É dicir, nesta mesma realidade física aniñan as propiedades de ambas físicas. Desconcertante, enigmática...!!!.

Pensen, entón, que o universo está constituído por materia que se presenta en forma clásica e cuántica, segundo así nolo di a ciencia; pero segue a incerteza a hora de determinar que había antes do que se considera como orixe de todo o proceso do universo, desa enorme explosión enerxética que se coñece como Big Bang, e tampouco hai acordo acerca de como termina este mesmo proceso evolutivo do universo ou, cunha concepción apropiada para poder dar razón dalgunhas propiedades, multiverso, conxunto de universos paralelos con diferentes propiedades. Xa dicía Einstein que o máis incomprensible do universo era que fose comprensible.

O que si sabemos, por experiencia directa, é que este universo consta dunha materia cuxas propiedades o levaron a que nel emerxera a vida e o home, dotado de intelixencia. E se foran outras as propiedades non se produciría isto, incluso con ínfimas variacións nelas.

Estamos, por tanto, en condicións de afirmar responsablemente que nin a ciencia nin a filosofía nos dan razón abonda de onde saca a materia a sensibilidade e o psiquismo, aínda que na materia cuántica parece estar a solución.

Ambos saberes lévannos a unha situación enigmática, na que contamos con prestixiosos intelectuais que nos falan dunha meta-realidade como un algo que está antes do Big Bang e que dotou á materia (á realidade) das necesarias propiedades que lle permitiron evolucionar ata aquí, con un sentido “antrópico”; pero tamén os hai que afirman a autosuficiencia do universo para evolucionar desta maneira: Os primeiros son os teístas, e os últimos, os ateístas, dúas posturas respectables, mentres sexan sinceras.

A causa da existencia dunha certa ambivalencia metafísica debida a situación enigmática á que nos leva a ciencia (aínda que a postura teísta é moito máis razoable, incluso racionalmente, e máis fácil de soster) xurde unha dúbida que sementa, como di un teólogo, “desconcerto, angustia, desconfianza, malestar profundo ante o “silencio-de-Deus”, (que) impulsan a esquecelo e centrar o interese da vida no puramente inmediato”.

Pero esta incerteza crea no home un desacougo, con serias repercusións na mesma sociedade, porque, queiramos recoñecelo ou non, somos indixentes dunha referencia fundamental e “fundamentante”, que buscamos, por diversas rutas, mediante a racionalidade científica e a “razoabilidade” filosófica e teolóxica.

Esta busca xérase no home porque, saibámolo ou non, vivimos NA realidade e DENDE a realidade, certamente, dun universo que acocha ese enigma, e no nos resistimos a non resolvelo en algo coñecido. Ademais, intuímos que o enigma fundamenta unha realidade que nos permite configurarnos como persoas, acudindo ás posibilidades que nela se nos ofrecen, e xustamente por iso, sentímonos impulsados a considerala como marco único e último das respostas posibles as preguntas polo sentido da nosa vida.

Porque negarnos a nosoutros a existencia dalgún sentido equivalería precisamente a caer no absurdo de que esteamos a todas as horas dándolle sentido, incluso cientificamente, a todo o que nos rodea, para acabar concluíndo que nosoutros carecemos del.

Por tanto, sen facer filosofía, constatamos a existencia dun certo poder enigmático na realidade, ó que nos sentimos vinculados, e calquera pode entender que non se trata dunha mera teoría, senón dun feito que non só nos acompaña nos quefaceres cotiáns, senón que tamén podemos descubrilo nunha sinxela lembranza dos eventos históricos.

Claro, este poder non se ve, pero temos abondo “noticia” del.

Tampouco se ve o emisor dalgúns sons, pero está aí con toda certeza. Nosoutros estamos acostumados a ver as cousas e a tocalas; pero na mecánica cuántica, os científicos, utilizan outros detectores e chegan a conclusións acerca de realidades, que non son visibles, pola noticia que delas dan as observacións indirectas, e consideran moi plausible a súa existencia.

Parece bastante probable que as xeneralizadas convulsións sociais, históricas e actuais, teñan, no fondo, moito que ver con esta procura de poñer nome ao enigma, entendido como o intento de “visión” dunha cousa, na mesma “relucencia” dela noutra directamente “vista”, que tal é o seu significado do termo grego AINIGMA, algo que non sabemos o que é, pero lévanos inexorablemente a esclarecelo.

E este esclarecemento referido ao enigma do universo ten diversas traducións históricas na sociedade, porque se fai por rutas que responden a esa diversidade: Todas eloxiables en canto esforzo sincero por acadalo, aínda que sempre deben ser xustificadas. Aquí teñen o seu orto as tensións entre sectores sociais, que, a veces, desembocan en verdadeiras querelas, incluso bélicas.

Por conseguinte, sería mester que o home / a muller adoptaran actitudes consecuentes coa ciencia, e cos outros saberes especulativos dos nosos tempos, que esixen un coidado respecto, e non se ve que esteamos moi dispostos a propicialo, coas distintas respostas, posto que as teses que uns e outros pretendemos facer valer, nos distintos ámbitos do saber, do comportarse, do crer, etc., manexámolas como “verdades absolutas” e convertémolas en liñas roxas que delimitan espazos vedados para o desexable grao de convivencia.

O século XXI debería presentarse como un período no que os esforzos da racionalidade científica, e a “razoabilidade” filosófica e teolóxica, estiveran centrados en acadar puntos de converxencia, para levar ás distintas dinámicas sociais un ámbito fundamentado que minimice as tensións, evitando que se desencadeen convulsións de toda índole que podan por en perigo a supervivencia da mesma Humanidade.

Que isto sexa un mero soño pesimista podería aceptarse, se non fora que quen abarrela ao soñador é a mesma racionalidade científica, e quen desespera razoablemente é a metafísica. E este é un soño de día, que segundo E. Allan Poe, os que soñan de día teñen conciencia de moitas cousas que se lles escapan ós que só soñan de noite, e aínda que prescindamos deles, os soños quedan aí.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES