22 N: 50 anos de JFK
Xiz, Xulio - viernes, 29 de noviembre de 2013
Poucos días máis simbólicos que o pasado día vintedous, no que se cumpríu medio século, cincuenta anos, do asesinato en Dallas do Presidente norteamericano, Jhon Fitgerald Kennedy.
Eu tiña dezaseis anos. Toda a miña vida recordarei o impacto que para os que eramos rapaces novos supuxo o asasinato de alguén que só coñeciamos de referencia, nun mundo pechado no que -ao noso nivel- os medios de comunicación eran prácticamente inexistentes.
Visto con ollos de hoxe entendemos que Kennedy era un mozo en relación cos gobernantes que o antecederon, que marcou un tempo novo, que gobernaba a democracia que estaba conquistando o mundo, especialmente o noso mundo. Viña de saír victorioso da crise dos misís soviéticos, e a pesar das diferencias entre un e outro país era todo un símbolo do occidente que progresaba cara a un mundo novo que prometía ser feliz.
Veñen de cumprirse cincuenta anos que á nosa mocidade lle mataron a primeira ilusión. Non é que hoxe pensemos que Kennedy, de seguir vivo, houbera sido mellor para este occidente ca os que o sucederon. Pero a súa morte veu dicirnos que o mundo, ademáis de imperfecto, era perigoso; podía ser mortal.
Aquel vintedous de novembro de 1963 foi para nós como o 11 de setembro de case catro décadas despois para todo o mundo occidental. Como unha badalada para as conciencias de todos os pobos da terra, facéndolles - facéndonos - saber que os mitos tamén poden morrer, e que a man de quen quere o mal pode ser máis certeira, poderosa, decisiva, que os millóns de mans que están dispostas a traballar pola paz e polo progreso.
Hai agora cincuenta anos, os mozos perdemos algo de ignorancia, moito de inocencia, e moito máis de tranquilidade. Aquel 22N, como un ritual traicioneiro dunha tribu perdida na selva da modernidade, fíxonos maiores de idade. E así seguimos, na incerteza, na impotencia, nun mundo de Damocles onde non se sabe onde está a espada nin quen pode empuñala para abatir as nosas ilusións.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora