
CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE SOCIOS DO MUSEO
Os socios e socias constitúen a base social do Museo do Pobo Galego sendo a canle de participación dos galegos no museo. Si coas súas cotas a contribución ao mantemento económico é importante non o é menos a súa función de inserir o museo na sociedade galega, dándolle a vez pluralidade, independencia e fortaleza coma institución.
Na actual situación de crise social e económica, onde as institucións culturais son vítimas dos recortes provocados por una visión da cultura como algo secundario, é preciso reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo.
Este reforzamento do Museo do Pobo Galego só pode vir dunha maior implicación na sociedade galega a través dos socios e socias, polo que canto maior sexa o seu número e a súa participación na vida do museo, máis se conseguirá un museo forte, independente e plural, un museo máis noso.
Para dar pasos neste obxectivo, os representantes de socios e socias co apoio da Xunta Rectora do Museo do Pobo Galego (MPG), consideramos necesario facer unha campaña de captación de novos socios e socias, nos que os que xa o son participen activamente.
É importante difundir esta campaña entre os vosos familiares, amigos e coñecidos para acadar o primeiro reto desta campaña: conseguir un mínimo de 100 socios/as novos/as ata final de ano coa finalidade de dar a coñecer o labor que se leva a cabo no museo, fomentar a participación nas actividades do museo e conseguir novos fondos que permitan manter a institución.
Na imaxe que se acompaña tes máis información sobre como facerse socio e cales son as cotas e modalidades de pago.
Representantes das socias e socios no Padroado do Museo do Pobo Galego.
