Cidade da Cultura
Editorial - martes, 11 de octubre de 2005
O que ía ser un monumento á Cultura galega está sendo un problema para os novos rectores da cultura de Galicia.
Todos sabemos sen entrar en detalles que en Santiago se está a construir unha obra xigantesca na que se centraría todo o que a historia nos proporcionou a xeito de herdanza de tódolos galegos.
Todos intuiamos que alí iría unha monumental biblioteca, a necesaria Hemeroteca de Galicia, un Arquivo Histórico do País, un arquivo gráfico con millóns de imaxes de Galicia, o Museo histórico-arqueolóxico definitivo deste Fisterra e, en fin, que Compostela tería un lugar onde peregrinar para tódolos que alí chegasen buscando por qués relativos ó pasado e ó presente de todo o noso.
A idea foi do goberno do Partido Popular, impulsada durante o mandato de Manuel Fraga, pero quedou inconclusa, polo que serán os novos rectores da Xunta de Galicia os que decidan sobre o seu futuro.
Que o custo da obra vai ser moito maior do presupostado inicialmente, é asumido por todos tendo en conta que eso ocorre na inmensa maioría das obras.
Pero o problema é que non se sabe que facer con el. Haberá que pensar que se pode facer, porque unha obra así non ten marcha atrás.
Se a nova administración da Xunta non sabe que facer coa cidade da Cultura de Galicia pode pedir axuda a outras autonomías para coñecer que fixeron en casos similares ou cando tentaron deixar pegadas para a historia.
Se non se sabe que facer coa cidade da cultura sempre se pode preguntar ás asociacións culturais, fundacións, xente da cultura, artistas e políticos para que dean ideas.
E, en fin, sempre queda o recurso de falar con Pérez Varela que seguro colaborará coa nova administración dando a información solicitada.
Todo, antes de confesar que non se sabe que facer. O que hai que facer, para ben ou para mal, é decidir. Non confesar ignorancia e indecisión.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora