Un monte é un monte
Piñeiro, Antonio - lunes, 25 de noviembre de 2013
Hai unha semanas dixen que algún día escribiría sobre os campos de fútbol de herba artificial, eses que dende hai algúns anos se teñen vido espallando ó longo e largo desta provincia, a non menos de 'medio millón de euros a peza', segundo teño entendido.
Pois ben, chegado o día, voulle facer unha confidencia -benquerido lector- que sei que non é politicamente correcta pero que, en todo caso, é a miña persoal e intransferible opinión.
Cada vez que paso a carón dun deles, podo asegurarllo, non son quen de reprimirme e sinto unha especie de contida indignación ó comprobar cómo no país da herba (no país dun millón de vacas, que diría Manolo Rivas) se teñen tirado tantos cartos plantando alfombras sintéticas de media hectárea só para que uns cantos afeccionados de cuarta ou quinta división (algúns creo que ata cobran por facelo) non tropecen nun terrón e perdan de meter un gol no campionato de empresas ou no encontro de máxima tensión entre os veciños dos Quintairos de Riba e dos Quintairos de Baixo pola festa do patrón.
Co fácil que é deixar unha leira a ermo e que no cruce dunha estación se poña virada ó verde -é certo que con máis ou menos saínchos segundo o coidado que se teña no proceso de igualación- a verdade é que cada vez que leo algunha información na que se reclama ou xa se está levando a cabo a súa construcción penso en que os que o propoñen deberían coller un avión ós fiordos noruegos e chantar alí unha fábrica de trebellos de aire acondicionado ou, en contraposición, voar a calquera illa do Caribe e instalar nela unha factoría de aparellos de calefacción.
Viría a ser o mesmo ca tirar, de medio millón en medio millón (velaí, José Paz, outra reportaxe), unha millonada de euros, simplemente para que as 'Nike Mercurial Vapor' de Cristiano Ronaldo, que lle custaron un 'ovo' ó anónimo xogador, non se lixen ó pisar unha poza 'creada', por arte de birle birloque, no disparo anterior.
E dirá vostede, benquerido lector, por qué esa 'inquina' miña contra os campos de fútbol de herba artificial e por qué lle dedico unha columna coa cantidade de asuntos sobre os que podería facer calquera outra reflexión?
Pois, precisamente pola semellanza que os campos de herba artificial teñen coa reportaxe que José Paz publicou onte sobre o 'Montealegre', que xa o seu propio nome o indica: ¡É-un-monte! E seguirá sendo un monte por máis que lle chamen 'pepe', 'jacinto' ou 'televisión'. E, sobre todo, por máis que teñan queimado nel case 4 millóns. O cal, nos tempos que corren tamén ten nome e apelidos: É un pecado de 'lesa poboación'.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora