Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En Camelle polas pedras de Man

miércoles, 27 de noviembre de 2013
Casualidades da vida ou non, fun pasar a Camariñas o fin de semana despois de que saíra a sentenza do Prestige. Foi inevitable que en min se acumularan as lembranzas dunha época que vivín na universidade entre asembleas e concentracións, unha vez máis cheguei á conclusión de que non só non me arrepinto de nada senón que me sinto orgulloso de ser parte daquela xeración que plantou cara a aquela negrura.

Estando en Camelle decateime de que aquilo máis alá do accidente foi un ataque á xente humilde que só quería vivir do que era seu. Xente de mar que ama o seu medio de vida aloumiñando a súa bravura. E xente, tamén, que chegou un día para ficar namorado dunha costa que leva a morte na escuma de cada onda.

Este é o caso de Man, o alemán de Camelle que construíu un legado para o que el consideraba o seu pobo. Foi unha construción consciente e altruísta que ademais, supuxo a doazón por parte do autor de 120000 euros ao Estado español para o seu mantemento. Lamentablemente, ninguén asume a derradeira vontade dun home sen máis interese que legar o que foi capaz de construír; xa Man deixou dito “yo poca voz en la Xunta. No más que la hormiga bajo la rueda.”

En todo caso, en Camelle séguese respirando a liberdade dun home que viviu o seu xeito desafiando estes tempos que nos enganaron a moitos con falsas promesas de igualdade e benestar. Man soubo ver que a liberdade está na natureza que nunca podemos dominar, por iso fuxiu das convencións para vivir lixeiro de equipaxe. Para min é un exemplo, un exemplo de como podemos aproveitar a vida na sinxeleza dos agasallos que nos ofrece, sen pensar nun futuro hipotético. Para Man, a vida era agora mesmo como para o mar cada onda é un instante. Temos que aprender a vivir cada instante como un agasallo. E pensar tamén, que cada instante aproveitado é un legado ao futuro.

Por iso temos a obriga de honrar e conservar o Museo de Camelle, porque é un exemplo da liberdade salvaxe dun home que soubo vivir.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania