Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Once anos despois

viernes, 22 de noviembre de 2013
Once anos despois Aquel 13 de novembro de hai once anos atopábame a piques de comezar a miña garda sanitaria xunto aos meus compañeiros no PAC de Fene, cando as noticias anunciaban que un barco cunha importante avaría andaba ao garete fronte as costas de Galicia. As novas dicían que era un barco vello, que tiña unha importante brecha nun costado pola que perdía cru e que corría o risco de rachar por completo e ocasionar un desastre ecolóxico nunha costa xa de por si moi castigada por accidentes similares.

A noticia foi tomando corpo e desprazando a outras nos informativos. O entón delegado do goberno en Galicia Arsenio Fernández de Mesa apareceu nos medios intentando transmitir calma diante de algo que semellaba que xa se lles estaba a ir das mans. E entón proclamou aos catro ventos aquela frase que xa forma parte da historia dos despropósitos: “ Que lo alejen a 120 millas y despues no es problema nuestro” ( tiro o lixo na parcela do meu veciño e a min que me rexistren).

Hoxe, coma ben saben, Fernández de Mesa é Director Xeral da Garda Civil. Pronto foi substituído na función de tranquilizador polo vicepresidente do Goberno Mariano Rajoy cuxa intervención pública tampouco ten desperdicio: “No hay riesgo de marea negra. El barco está soltando unos hilillos como de plastilina que non van a ocasionar mayor problema”. Hoxe Mariano Rajoy é o presidente do Goberno. E logo viñeron máis como Francisco Álvarez Cascos a dicir: “ Que se lo lleven al quinto pino” o Arias Cañete, entón ministro de Pesca e Agricultura, manifestando: “ La rápida intervención de las autoridades ha evitado una marea negra”. Hoxe Arias Cañete ostenta a mesma carteira no actual goberno da nación.

Once anos despois semella que nada aconteceu. Logo de pasado tanto tempo e dun xuízo que máis pareceu de faltas que de outra cousa, non hai responsables. No banco non estaban todos os que tiñan que estar. Sentáronse so o capitán, o maquinista do barco e López Sor, entón director xeral da Mariña Mercante. Unha vez máis a cidadanía dubida de que a lei se aplique por igual para todos, pois cando se trata de xulgar a persoeiros que ostentan cargos relevantes, nin tan sequera os imputan. Algúns dirán que non é así, e o mesmo levan razón, pero non me negarán que é o que parece. A Lei malia ser xusta, teno que aparentar.

O “Prestige” tinxiu de loito a unha costa, a de Galicia, xa de por si moi castigada . Don Manuel Fraga, moi astuto el, axiña apresurouse a aparecer coa carteira e outorgar indemnizacións. Iso quizais foi a causa de que na zona cero, a máis castigada polo desastre, o PP gañara por maioría nas eleccións celebradas pouco despois do accidente. A Don Manuel poderíaselle tachar de calquera cousa menos de tolo.

Xa se fixeron por activa e por pasiva múltiples análises do que foi o maior desastre ecolóxico na historia de España e xa que logo nada se podería dicir que non soubéramos. Pasado o tempo, unha cousa quedou ben clara: que os crimes ecolóxicos saen moi baratos e que moita xente, chegado o momento, móvese polo interese. Sería bo reflexionar sobre a relación dalgúns veciños da zona cero cos voluntarios que deron un exemplo de solidariedade ao mundo. Alá algunhas conciencias, pero o “¡¡Nunca Máis!!” ten que ser unha realidade. Abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES