Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Don Paco, un home bo e xeneroso

viernes, 22 de noviembre de 2013
Francisco Fernández del Riego –don Paco, como moitos lle chamabamos- foi un home “bo e xeneroso”. Si, coido que se lle poden aplicar, con toda propiedade, estas palabras dun verso de Pondal recollidas no noso himno.

O día vinte e seis de novembro cúmprense os tres anos do pasamento, na súa casa en Vigo, de Francisco Fernández del Riego. Don Paco foise en silencio, caladiño, sen facer ruído... coma non querendo molestar

Coñecín a don Paco fai moitos anos e, desde aquela, tiven boa relación con el. Ten colaborado en varios números da revista Amencer do Seminario Santa Catarina de Mondoñedo. A súa derradeira colaboración foi no número 205 (maio-xuño 2009) cun artigo sobre Aquilino Iglesia Alvariño, a quen se lle dedicou monograficamente ese número co gallo de cumprírense os cen anos do seu nacemento. Cando se lle pediu unha colaboración para Amencer, sempre a mandou á volta de correo. Era o primeiro en contestar ó requerimento mandando o seu traballo escrito na súa vella máquina. Foi un home ó que non lle importou escribir nunha sinxela e modesta revista escolar, algo que non fixeron –nin fan- outros escritores e escritoras do país que parece que teñen a menos colaborar nas revistas escolares. Don Paco, que tamén foi entrevistado para a sección “Hoxe falamos con...”, sempre nos deu azos para seguir adiante coa nosa publicación.

Don Paco era un home acolledor, un home respectuoso cos demais e coa súa maneira de pensar. El tiña as súas ideas, a súa maneira de pensar, o seu xeito de ver a realidade... –como temos todos-, pero nunca tratou de impoñerse ou de impoñer as súas ideas e asoballar ós demais. Podemos afirmar, sen dúbida e sen medo a esaxerar, que don Paco foi o «vir iustus» de quen nos fala a Sagrada Escritura, o «home xusto», no que a xustiza acada unha plasmación existencial que reborda o seu significado filosófico para abranguer tódalas virtudes teologais e cardinais. El foi home de fe profunda e ó mesmo tempo sinxela, ou se se prefire popular, á maneira das nosas xentes rurais coas que el estivo en contacto.

Don Paco foi un home bo e xeneroso. De don Paco cómpre salientar como queda dito- a súa disponibilidade para todo o que se lle pedía; a súa sinxeleza para abaixarse a quen queira que fose; o seu espírito observador; a súa actitude de servizo ós demais; a súa fidelidade á súa terra e ós seus homes; o seu talante de persoa tolerante, pero con firmeza de criterios; os seus amplos coñecementos e a súa curiosidade por saber máis; as súas profundas convicións relixiosas.

Penso que estes versos do poema titulado “O velliño das barbas brancas”, no que o poeta chairego Xosé Crecente Vega describe a un patrucio da Chaira, se lle poden aplicar moi ben a don Francisco:

dereito coma un xungo; rexo coma un caxigo;
maduro e seco e bon coma espiga de trigo.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES