Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coidar a Rede Natura 2000

viernes, 22 de noviembre de 2013
Compás social

Son defensor da Ecoloxía, especialmente da Ecoloxía Humana que trata de harmonizar a acción humana coa natureza, mais neste intre estou atrapado nun paradoxo case insoluble. Por un lado, admiro moitas das ideas e actuacións da ecoloxía actual; e por outro, se ollamos algunhas situacións da Galicia rural, xorde a perplexidade. Algunhas experiencias xa veñen de anos atrás, mais os incendios son cada vez máis grandes e algunhas obervacións directas sobre o terreo lévannos a un estado de alarma. O percorrido estival dunha parte do LIC (Lugar de Interese Comunitario) das concas fluviais dos ríos Parga, Ladra e Támoga que pertencen á Rede Natura 2000, cada ano depáranme algunha sorpresa.

En Internet, en Wikipedia, podemos ler este parágrafo que recolle a quintaesencia do que é a REDE NATURA 2000: ... “Natura 2000 é unha rede ecolóxica de áreas de conservación da biodiversidade na Unión Europea. Consta de Zonas Especiais de Conservación (ZEC), designadas de acordo coa Directiva Hábitat, así como de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) establecidas conforme a Directiva de Aves. A súa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os hábitats máis ameazados de Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto adverso das actividades humanas. É o principal instrumento para a conservación da natureza da Unión Europea segundo a súa Directiva de Hábitats, que complementa a Directiva de Aves de 1979”.

Así mesmo encontramos a delimitación do LIC Parga-Ladra-Támoga que pertence á Rede Natura 2000. En Internet podemos ler este texto: ... “Este espazo natural, que abarca unha superficie de máis de 5.000 hectáreas, localízase na conca alta do río Miño, entre as localidades de Xustás e Lugo. Declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC) pola Xunta de Galicia en 2004, este espazo protexido comprende as concas dalgúns dos principais afluentes do rio Miño pola marxe dereita, como o Ladra, o Parga, o Labrada, o Trimaz e o Madalena, así como o Támoga, o Narla e outros pequenos afluentes”.

As fermosas fotografías que acompañan ó texto poden levarnos a engano. Non todo é como aparece na Lagoa de Cospeito, na Lagoa de Riocaldo (Begonte) ou na Lagoa do Caque (Castro de Rei), senón que ademais hai outras grandes extensións de “veigas” pantanosas que no seu día foron fermosos humedais con exuberante variedade de fauna e flora e hoxe son matogueiras e salgueirais pechados.

Cada percorrido, unha sorpresa. En anos anteriores xa albiscara o posible desaguisado que se aveciñaba. Desde a Charca do Alligal en Codesido ata as “veigas” do entorno do río Parga, en varios anos puiden constatar que a inmensa maioría dos humedais ían cubríndose de xuncais, de matogueiras, de salgueiros e outros arbustos de ribeira que invadiron practicamente todo o espazo dispoñible dos humedais e contornos. As fontes e os regatos desapareceron, a flora miúda tradicional desapareceu, a rica e variada fauna doutros tempos desapareceu. A natureza silvestre expandíuse impoñendo a súa lei e a natureza humanizada polo home retrocede pouco a pouco. Nos ríos máis caudalosos quedan tramos con vida acuática, mais moitos outros treitos e afluentes están cubertos de árbores, de arbustos e malezas que dan sombra total, e os peces e outros anfibios desapareceron. Sentín un desacougo vital ó ver desaparecida parte da miña nenez, da miña adolescencia e xuventude. Se esta visión se confirma a gran escala, estamos ante unha gran perda ecolóxica para Galicia. Sería coma unha triste ironía do destino.


Os posibles responsables, ó parecer, somos todos e ninguén; non obstante a “vox Pópuli” dos campesiños apunta en varias direcións. Mais agora non é o momento de lamentacións, senón de aclaracións: despois do “baleirado demográfico” de persoas e gandos que supuxo a emigración masiva, os sistema ecolóxico desequilibrouse quedando os humedais, onde antes pastaban numerosos animais que controlaban e abonaban os terreos húmidos, á deriva das súas forzas silvestres. E a política e lexislación medioambiental de Galicia, ó parecer, non acadou alternativas axeitadas para conservar eses humedais e as beiras dos ríos. Así mesmo os discursos e asesoramentos de moitos supostos expertos contribuíron a levarnos a unha situación sen saída, na que preservar a natureza, moitas veces en contra da tradicional sabedoría dos labregos, significaba deixala as súas forzas para que, nun clima tan chuvioso, creza descontrolada a maleza que logo será causa e pasto dos lumes.

Total, un desatino, pois as previsións para conservar a biodiversidade nalgúns casos acabaron con ela. Pretendíase “deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto adverso das actividades humanas”, mais ocorreu que a paralización total da actividade humana levou a un resultado aínda peor. Alguén poderá decirnos que está nacendo un novo ecosistema diferente. Pode ser certo, pero ese novo ecosistema será máis pobre, máis uniforme, máis selvático, máis esteril. Esta contradición é facilmente constatable polo menos nunha ampla área do LIC Parga-Ladra-Támoga.

No balance final de cada verán Galicia contabiliza numerosos incendios de gran magnitude e de cuantiosos danos. A socidade galega, dirixentes e dirixidos, dunha vez por todas, ten que repensar e reorganizar medidas eficaces contra a maldición do lume devastador. Que facer coa exuberante biomasa dos montes, dos barbeitos baixos sen cultivar, dos humedais selváticos e das sombrías beiras dos ríos? Por que tantos incendiarios e incendios intencionados? As respostas e solucións requiren o reencontro de todos os grupos sociais, rurais e urbanos, remando na mesma direción. Declarar un Espazo Natural de Interese Público non é só expedir un solemne certificado, senón acompañalo de medidas protectoras. Impulsar a limpeza das fincas particulares non é primordialmente coaccionar e sancionar, senón ofertar servizos de desbroce a residentes e absentistas, organizar a gran escala o aproveitamento de residuos de biomasa e corrixir as deficiencias estruturais do minifundio. Non basta cun simple liberalismo de incentivos, de subvencións e de actuacións ocasionais, senón que se precisa que as administracións públicas actuen de forma masiva, permanente e coordinada coas iniciativas privadas.

É urxente saír do simple abandono dos humedais e de acabar co panorama dantesco dos lumes de cada verán. A vista das experiencias, cómpre repensar a lexislación medioambiental de Galicia buscando a cooperación positiva de todos os grupos sociais, rurais e urbanos, de todos os banzos das administracións públicas e iniciativas privadas. Necesítanse novas formas de actuacións ecolóxicas e productivas á vez, controlando a biomasa e creando máis mosaicos de cultivos diferentes que sirvan de cortalumes. E iso só se consiguirá contando coa opinión, coa colaboración e coa acción sostida das explotacións agrogandeiras. Afortunadamente, tamén hai que dicilo, as praderías e mainceiras están avanzando en forma de anacos cortalumes. Cómpre acumular máis experiencias e datos empíricos veraces do LIC Parga-Ladra-Támoga e doutras zonas da Galicia rural, especialmente da Rede Natura 2000. Non podemos resignarnos a ver como cada verán grandes zonas do territorio galego quedan espalladas de cinzas e morte.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES