A cántaros
Editorial - viernes, 07 de octubre de 2005
Dúas cousas emprendeu con fruición o franquismo en Galicia con diferente resultado. Dunha parte, as plantacións indiscriminadas de pinos en montes comunais, que xeneraron desarraigo, incendios e escasa rendibilidade en amplas zonas montañosas. Doutra, os embalses para retención de auga e a súa utilización para a producción de enerxía eléctrica.
¡Queda inaugurado este pantano!, era a frase máis común, en broma, para referirse a calquera actividade pública, especialmente acto inaugural, durante varias décadas.
A estas alturas da vida e do milenio, non parece tan desmesurada aquela política de construcción de embalses en época na que a auga era un ben común e corrente. E hoxe, independentemente da idoneidade da súa situación ou prezo a pagar por eles, os embalses son un ben para a producción de enerxía, para o subministro de auga a poboacións ou para regar cultivos.
Hoxe non sería posible aquela construcción indiscriminada, e cada embalsamento que se pretende efectuar provoca regos de tinta por principio.
Claro que para que os embalses teñan auga, non só consiste en contela senón en que chova. E ten que chover a cántaros, como pedía a canción ("Tiene que llover a cántaros"), con xeito, de maneira que a terra a asimile e acabe aproveitada.
As administracións actuais teñen a súa propia política, e a Consellería do Medio Ambiente traballa en numerosas obras que aproveiten auga ou faciliten a súa contención e distribución para a utilización humana, aínda que con ben diferentes criterios.
O anterior Conselleiro licitou numerosas obras nos últimos tempos do seu cargo. O actual conselleiro ven de suspender 54 obras hidráulicas xa licitadas porque estima que non teñen a preferencia que se lles atribuíu, e outras teñen urxencia abonda como para adiantalas.
Pode ser, pero parece raro. Raro se un conselleiro licitou obras fóra do tempo. Raro que o seguinte conselleiro suspenda aquelas licitacións. Diante dos administrados, a cousa non queda ben.
E, en tanto, temos sede. Teñen sede Vigo, Baiona, e Meira, e Monterrei e Cualedro... Galicia, ten sede, cando ten sona de se-la comunidade máis verde de España e, loxicamente, a que dispón de máis auga.
Ten que chover a cántaros, para que non teñamos que carretar auga a cántaros desde a fonte que cadre máis perto, e que non teña secado.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora