Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre Humanidades

miércoles, 20 de noviembre de 2013
Hai anos que sei que as miñas mellores experiencias como alumno transcorreron na Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago, no Campus de Lugo. Eramos como unha gran familia na que a aprendizaxe se transformaba e se transmitía entre profesorado e alumnado nunha verdadeira bidireccionalidade interdependente. Entón, empecei a ver ós meus profesores como persoas coas que falar e compartir coñecemento. Os docentes non eran só académicos, senón tamén persoas coas que aprender da vida. Neste sentido é moi habitual ir a unha titoría e atoparte con alguén que che pregunta como estás e sen querer empezas a falar de temas de actualidade, entón as fontes do coñecemento xúntanse para beber aprendizaxe mutuo.

Persoalmente, considero que lle debo á Facultade e a súa xente o mellor que teño e que fun quen de conseguir. Nunca contei, e cóntoo agora que o ilímite naceu e medrou nos despachos de Humanidades grazas ao aloumiño incansable de María Ángeles Fontela e Chus Nogueira, que lle fixo ademais as primeiras verbas para navegar. A partir de aí fun medrando intelectualmente sempre dende os alicerces que me legaron os meus profesores. O caso é que Humanidades é unha pequena casa onde o coñecemento se multiplica ata o infinito cun exquisito rigor científico.

Estou convencido de que o mundo sen Humanidades é un desastre que agardo non ter que vivir nunca, por iso, coido que temos que valorar o enorme potencial que teñen os investigadores nesta área, que queiran ou non é un complemento imprescindible para a ciencia que necesita unha escala de valores clara para desenvolver o seu cometido.

Vén isto a conto, porque o alumnado do Grado de Lengua Española e Grado en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural baixo a dirección e o guión de David Fernández Pérez , elaborou un vídeo de 4:13 minutos de duración onde nos anima a ser libre pensadores para construírnos de acordo cos nosos valores, ideas e proxectos vitais. Como se di no vídeo temos que sentirnos libres para ler, escribir, coñecer o mundo e a nos mesmos. Isto é o Humanismo, polo que se loita dende toda las áreas que se agrupan na Facultade onde aprendín a coñecer o mundo, ter unha visión do mesmo e compartila. Aquí foi onde a Facultade se converteu no paraíso da liberdade que ten que seguir sendo sempre para abrir as mentes a outros mundos posibles.

No vídeo afírmase “las cadenas de la esclavitud atan solamente las manos. Es la mente lo que hace al hombre libre”. Velaquí porque para algúns as Humanidades non son rendibles nin necesarias, porque unha persoa que pensa é unha persoa capaz de rebater o poder establecido. E velaquí, tamén, a razón pola que temos a obriga moral de resistir a tempestade, de nós depende que o pensamento libre e crítico siga en pé e siga sendo un exercicio diario ante a realidade. Esta é a misión das Humanidades: facer persoas capaces de pensar e xerar alternativas. Se cadra hai xente á que isto lle molesta, eles saberán porqué teiman para que os valores da liberdade deixen de ser transmitidos. Pola miña parte, reitero: non quero vivir xamais nunha sociedade sen Humanidades, é dicir, non quero vivir xamais nunha sociedade DEShumanizada.



http://youtu.be/xycTpEV-Uks
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES