Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Froilán

martes, 04 de octubre de 2005
Na Rúa Nova da capital lucense, xa así chamada na época gloriosa do románico, hai un bar de copas que leva o nome de "Froy Land", que se supón poderá traducirse por "A terra de Froy", xogo de palabras arredor do nome do santo patrón de León e Lugo.

Froilán, según a historia ou a lenda, naceu o ano 833 no chamado Regueiro dos Hortos, que parte do lugar por onde entrou namorado o trobador Fernando Esquío aló polo século XII, por onde se accedía á cidade vindo das terras do sur, e por onde mil anos antes pasaba a vía XIX do Itinerario do romano Antonino que desde Astúrica Augusta ía a Brácara Augusta pasando pola non menos augusta Lucus.

Froilán, despois dunha longa etapa de ascesis, estudio e piedade, chegou a evanxelizador e fundador de mosteiros nas terras gañadas ó infiel, e malia á súa oposición, a bispo de León. Desde hai nove séculos, os lucenses xúntanse na Catedral basílica lucense a facer festa na súa honra; e desde hai bastante menos pero varios séculos constatables, a facer feira e logo festa popular, chegando a facer desde os máis que milenarios muros da vella Lucus as festas máis importantes de Galicia nestes tempos de despois do verán, recoñecidas por Álvaro Cunqueiro -referíndose ó Domingo das Mozas- como "a festa máis fermosa do outono galego".

O comezo de outubre é festa en Lugo e en León, e en Barcelona onde os galegos transterrados seguen a ter morriña festeira e devocional.

Porque para os galegos de Lugo -Fole dicía que ser lucense era ser "Galego de Lugo"- Froilán é moito máis ca un santo. É alguén da casa, que ten imaxe na fachada principal da Catedral xunto á de Capitón, o primeiro bispo da Diócese, e ó lado do lobo domesticado -miragre de miragres- portador dos seus libros expiando a culpa de ter devorado o burro que servía ó santo de biblioteca ambulante.

Galicia ten en Lugo, cada Corpus, Ofrenda do Antigo Reino a Xesús Sacramentado e os alcaldes das sete cidades acoden render pleitesía, desde hai case catro séculos.

Pois a segunda ocasión do ano é o cinco de outubro, día do santo Froilán, que Lugo volve ser capital de Galicia: Capital festeira, popular, vigorosamente leda... Froilán é a garimosa disculpa, a venerable lembranza que chama desde as vellas murallas -urbi et orbe- a tódolos galegos que no mundo somos.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES