O mudo do Asilo (I)
Fernández, Suso - viernes, 08 de noviembre de 2013
Dí Antón Niñe no libro O Asilo: a súa historia (1997) que dende a entrada en servizo do mesmo (1933) pasaran por él 751 residentes de ambos sexos; o 20% de Foz e os demais de concellos veciños, do resto de Galicia e doutras autonomías; xentes heteroxéneas que deron lugar á presenza de individuos singulares e mesmo pintorescos, exóticos, que nalgunha medida amenizaban a convivencia veciñal coa que sempre mantiveron cordiais relacións.
O mais popular deles, durante moitos anos, fora o mudo, así chamado pola condición de tal, e a singularidade da personalidade radicaba na incógnita que rodeaba a súa existencia, ata o punto que endexamais se coñeceo a orixe. O bó do home, de especto exótico, tez morena, corpulento, aparecera, sen ninguén saber cómo, solitario, deambulando pola vila de Meira, ao pouco de rematar a guerra civil. Polas explicacións que coas mans, e os trazos que debuxaba no ar facía, decíase que o forasteiro caera dun avión, extremo que nunca chegou a confirmarse; o protagonista, solitario , perdido e illado, foi recollido polas autoridades e enviado a un Centro de atención en Santiago e, sen tardar, remitido ó asilo de Foz onde permañeceo ata o pasamento a idade indeterminada pola carencia de datos biográficos que algunhas persoas aventuraban arredor dos 70 anos.
Era sorprendente a soltura e o estilo do home manexando o bolígrafo co que, sobre o papel, deixaba uns trazos firmes e rápidos que facían pensar nalgunha forma de escritura que nunca chegou a descifrarse.Un domingo de maio do 52, tivo lugar un brillante acontecemento no Asilo, ao que asistiu moita xente, como era habitual nas celebracións daquela Casa: o bautizo do Mudo, Festa rachada!.
Sor Paz puxo a punto o coro e na cociña elaboraron as deliciosas confituras coas que se agasallaba aos asistentes en ocasións semellantes. O neófito fora apadriñado por Sor Dolores, a Superiora, e José María Fernández Rancaño, secretario do Goberno Civil de Lugo, e foronlle impostos os nomes de Santiago Meira Foz... (seguirá),
-Suso Fernández é o cronista oficial da cidade de Foz-

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora