Noticias

O uso da intelixencia artificial nas empresas galegas de dez ou máis traballadores medra case un 57 % nun ano

O uso da intelixencia artificial creceu en Galicia en todos os segmentos empresariais no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis traballadores con sede e/ou actividade en Galicia o crecemento foi do 56,5 %, o que supón que o 20,5 % das pemes e grandes empresas da comunidade empregan a IA. O incremento nas microempresas foi do 84,9 %, o que implica que o 9,8 % delas utiliza a intelixencia artificial. Son datos recollidos no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas empresas de Galicia, edición 2025, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe constata tamén unha evolución positiva na contratación de servizos de Cloud Computing, que acada o 45,7 % nas empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia, fronte ao 36,1 % de 2024, e supera a media estatal, situada no 44,3 %. Nas microempresas medra un 62,2 % e chega ao 9,9 %.

Ademais, o 42,4 % das empresas de maior tamaño e actividade en Galicia realiza analítica de datos co seu propio persoal, cun incremento anual do 23,3 %. Os rexistros de transaccións e os datos sobre clientes son os máis analizados.

Comercio electrónico

O comercio electrónico consolídase como outra canle da actividade empresarial. O 27 % das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia vende por Internet, un 1,9 % máis que no ano anterior e lixeiramente por riba da media estatal, que se sitúa no 26,6 %.

As vendas a través de páxinas web ou aplicacións propias son a principal canle do comercio electrónico e concentran o 89,8 % das operacións en liña das empresas de maior tamaño que venden por Internet.

Talento dixital e teletraballo

Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia conta con especialistas TIC. Entre as que empregan estes perfís, o 52,5 % conta con mulleres especialistas TIC, unha proporción claramente superior á media estatal, do 38,7 %.

O teletraballo mantense implantado no 39,1 % destas empresas, por riba da media estatal, situada no 37,4 %. O 24,4 % do seu persoal teletraballa regularmente, fronte ao 20 % do conxunto de España.

TIC, sustentabilidade e investimento

O informe inclúe novos indicadores sobre o uso de solucións TIC para mellorar a sustentabilidade e medidas de reciclaxe. O 82 % das empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia recicla os equipamentos TIC en contedores específicos. Ademais, o 28,1 % emprega solucións TIC para reducir o consumo de enerxía e o 21,2 % para diminuír o uso de materiais ou fomentar materiais reciclados.

En canto ao investimento en tecnoloxía, a ciberseguridade concentra as maiores partidas orzamentarias. As empresas de 10 ou máis traballadores con sede e/ou actividade en Galicia destinaron máis de 669 millóns de euros á seguridade TIC e 70,6 millóns a sistemas de intelixencia artificial.

Nas microempresas, o gasto en seguridade TIC achegouse aos 47,4 millóns de euros e o investimento en sistemas de intelixencia artificial situouse en 2,3 millóns.

R., 2026-08-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES