Noticias

A Xunta salienta o incremento sostido de profesionais de atención primaria rexistrado en Galicia desde 2014

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, remarcou hoxe no Parlamento de Galicia o incremento sostido de profesionais que rexistra a atención primaria na sanidade pública galega desde o ano 2014. Ademais, destacou que o acordo de desconvocatoria de folga acadado con catro forzas sindicais permitirá garantir a asistencia sanitaria de forma compatible con melloras laborais para os profesionais. No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, López Linares puxo en valor a planificación que realiza a Xunta de Galicia das prazas que son necesarias para a formación de médicos de acordo coas baixas que se prevén cada ano no sistema.

Así, trasladou as principais conclusións do informe Valoración das necesidades de médicos/as para o sistema sanitario de Galicia. Análise de baixas esperadas e facultativos especialistas que finalizan a súa formación no Servizo Galego de Saúde durante o período 2025–2037”, elaborado pola Consellería de Sanidade en colaboración co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, dependente da Universidade de Santiago de Compostela.

Segundo apuntou, a Consellería de Sanidade mellora a planificación de recursos humanos, xa que achega de forma innovadora unha metodoloxía estatística formal e con proxección probabilística a futuro, incluíndo probabilidades anuais de xubilación tendo en conta o máximo de prolongación vixente ata os 70 anos e tamén outras causas de baixa, como invalidez, falecementos ou excedencias.

Este estudo sinala que a partir de 2028 hai unha tendencia descendente en canto ás baixas anuais de médicos, por debaixo das 300, a medida que a pirámide de idade do persoal se vai rexuvenecendo. En paralelo, as altas de novos médicos formados en Galicia e que se incorporarán ao sistema crece progresivamente ata situarse na contorna das 500 altas anuais de cara a 2029.

Xunto con isto, a directora remarcou como os datos mostran que Galicia incrementou o persoal de atención primaria de forma sostida desde 2014.

Neste sentido fixo referencia a varias liñas da estratexia da Consellería de Sanidade para ofrecer estabilidade laboral. De forma pioneira, lévanse convocadas por concurso de méritos, sen exame, 178 prazas de médicos de familia e 60 de pediatras de atención primaria.

Paralelamente, estase a resolver a última oferta de emprego público de estabilización de medicina de familia e pediatría de primaria e, para conciliar a mobilidade voluntaria dos profesionais, tamén o concurso de traslados que no Servizo Galego de Saúde é aberto e permanente.

Outra medida de fidelización clave é a oferta de contratos de tres anos aos MIR que finalizan a súa residencia en Galicia, o que evita o cambio a outras comunidades e permite que o profesional planifique o seu proxecto vital no Servizo Galego de Saúde.

Sofía López Linares destacou a mensaxe para calquera novo médico de familia: “se elixes Galicia, terás un horizonte estable, opcións reais de praza fixa e un itinerario previsible desde o final da residencia.”

Nas prazas de difícil cobertura, incrementáronse as retribucións, chegando a duplicarse nestas zonas para recoñecer o esforzo de traballar en áreas rurais ou afastadas.

O Servizo Galego de Saúde tamén deseña programas extraordinarios para reforzar a intersubstitución e a cobertura de ausencias en centros rurais e puntos de atención continuada, combinando ampliacións de xornada incentivadas e participación voluntaria doutros dispositivos.

R., 2025-11-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES