
Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 101 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 12 están en Galicia, unha máis que na pasada edición, xa que entra na listaxe o Liceo Marítimo de Bouzas (Vigo), un porto que, ademais, se estrea entre os galardoados.
De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza e de mar, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental en municipios relacionados co programa Bandeira Azul. Dos 92 centros azuis que haberá este ano en todo o país, 17 están en Galicia, que é a segunda comunidade con máis distincións neste eido, só por detrás de Valencia (con 23).
Neste apartado, destaca a incorporación do Museo-Centro de interpretación Mar do Sorrizo, en Arteixo, e do visor submarino Nautilus, localizado nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo, xa que se estrean en ambos casos como centros azuis.
Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas que ten que ser excelente; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.
Tras darse a coñecer hoxe a relación de praias, portos e centros galardoados, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou a boa posición que ocupa Galicia un ano máis, resultado da súa aposta polo coidado dos recursos naturais do litoral, que a converten nun lugar único para visitar.
Datos a nivel provincial
Por provincias, Pontevedra concentra un ano máis o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 53 que recaen noutras tantas praias e 7 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 39 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.
Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que en 2024. O concello pontevedrés recibe, ademais, 3 distincións para outros tantos portos e terá tamén 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, a cidade galega que recibe máis bandeiras para as súas praias (12) e o segundo municipio de España nesta clasificación, ademais de ter tamén 1 porto e 1 centro recoñecidos; e o de Baiona, con 6 praias, 1 área portuaria e 1 centro azul.
Así mesmo, na provincia da Coruña, Arteixo volve concentrar o maior número de bandeiras, con 6 praias e 1 centro azul; seguido da Coruña 5 areais e 1 porto, Oleiros 5 praias distinguidas ademais de 2 centros azuis e Ferrol con 5 bandeiras azuis. Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, 5 en total; seguido de Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira e o único porto distinguido nesta provincia; e Barreiros e O Vicedo, con 2 areais cada un.
Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que, por cuarto ano consecutivo, Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de Bandeira Azul co que se busca poñer en valor o papel das sendas como un recurso valioso para gozar da natureza e aprender a interpretar a contorna. Galicia concentra 54 dos 154 itinerarios galardoados este ano en todo o país cinco máis que os que tiña en 2024 e segue sendo a comunidade con máis sendeiros azuis.
En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos por Adeac, Galicia atesoura 191 galardóns, balance que a sitúa como a terceira comunidade que concentra máis recoñecementos, por detrás de Valencia (213) e Andalucía (196).
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.