Noticias

A Xunta lanzará un paquete de medidas dirixido á colaboración estratéxica e á transferencia de coñecemento para impulsar a I+D+i galega

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que o Executivo autonómico vai destinar 52 millóns de euros a un paquete de axudas para impulsar a colaboración público-privada, dinamizar a economía e promover que os resultados da I+D+i galega cheguen á sociedade. Unhas medidas que se enmarcan no obxectivo de seguir consolidando á nosa Comunidade como un referente no I+D+I, así como de xerar, reter e atraer talento que está traballando noutros territorios.

O Consello da Xunta analizou hoxe as próximas convocatorias de axudas dirixidas á transferencia de coñecemento e resultados de investigación, así como á colaboración estratéxica no ámbito da I+D+i, por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Ademais de debullar este mapa de liñas, na reunión semanal do Goberno autonómico deuse conta da primeira convocatoria que se publicará este mesmo mes: o programa Ignicia, cun investimento de 4 M€ para apoiar “entre 8 e 10 proxectos” de spin-offs e de tecnoloxía creada en Galicia.

Ao longo deste ano a Axencia Galega de Innovación contará cun “paquete de axudas” que suman un orzamento de 52 M€ e que están recollidas no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, “dotado de 1.310 millóns de euros”.

En concreto, a Consellería de Ciencia financiará a posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxía ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e nos cales a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento tecnolóxico. Farao co programa Recuperación excelencia NEOTEC, previsto para rescatar proxectos presentados á liña estatal do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) e que non acadaron financiamento por esa vía en 2023 e 2024.

Tamén se lanzará ao longo deste trimestre a nova convocatoria de Nexos, coa que, tal e como explicou o presidente, o Goberno galego “fomenta a colaboración entre empresas e centros de coñecemento”, xa sexan das universidades, centros tecnolóxicos ou outro tipo de entidade. A previsión é chegar a 200 beneficiarios, priorizando ámbitos temáticos que xeren solucións innovadoras tras o traballo en conxunto de diferentes entidades de investigación.

Entre outras medidas, tamén destaca a convocatoria das unidades mixtas de investigación, un instrumento para o desenvolvemento de proxectos público-privados a través de grupos mixtos de traballo entre organismos de investigación e o tecido empresarial. Estes grupos deben desenvolver proxectos de alto impacto para incentivar a transferencia de resultados das investigacións ao mercado e atraer empresas foráneas cara a Galicia que desenvolvan aquí a súa actividade.

A Xunta tamén impulsará Vinnovate, enmarcada na rede europea Vnaguard Initiative composta por 38 rexións, e que busca potenciar unha maior colaboración e presenza europea e internacional dos axentes da I+D+i galega mediante a realización de proxectos colaborativos interrexionais. No eido da internacionalización tamén está prevista unha liña para apoiar o fomento das sinerxías con fondos europeos dedicados á I+D+i.

No que atinxe aos centros tecnolóxicos, a programación inclúe axudas para fortalecer as súas capacidades con investimentos en infraestruturas e equipamento, así como outra liña para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas.

A primeira convocatoria en abril

A Axencia Galega de Innovación publicará ao longo deste mes de abril a primeira axuda deste paquete de 52 millóns de euros: o programa Ignicia. Esta medida, un dos principais instrumentos da Xunta de Galicia para facilitar a transferencia de coñecemento real das investigacións á sociedade, desenvólvese a través de dúas liñas de actuación complementarias: Ignicia Proba de Concepto, a que se lanzará neste mes, e Ignicia Transferencia, que desprega un conxunto de actuacións especializadas de apoio como programas de captación e transferencia e persoal investigador, seguimento de indicadores de transferencia ou o posicionamento do programa Ignicia nos eidos rexional, nacional e internacional.

Deste xeito, o Goberno galego convocará a quinta edición do programa Ignicia Proba de Concepto co obxectivo de potenciar a valorización do coñecemento dos centros de I+D+i galegos, impulsando a creación de novas spin-offs e acordos de licenzas de comercialización da tecnoloxía xerada en Galicia. A convocatoria irá destinada aos organismos de investigación galegos, desde as universidades públicas ata os centros tecnolóxicos, así como a centros do CSIC en Galicia ou fundacións sanitarias.

A través desta liña prevese a selección de entre oito e 10 proxectos -que se sumarán aos 32 xa apoiados en convocatorias previas- para comezar a executalos en xaneiro de 2026 durante un prazo estimado de dous anos. Ignicia, que serve como nexo entre a ciencia excelente e a contorna empresarial, pon o foco no proceso de selección e no seguimento próximo dos proxectos durante a súa execución, apoiando a ciencia excelente para facer rendible o investimento. Deste xeito, os proxectos deben contar con capacidade de xerar retornos económicos e ter como fin a comercialización dos resultados da investigación.

Con esta nova edición de Ignicia, a Xunta chegará a un investimento de 17M€ en proxectos de transferencia. Desde a primeira convocatoria, en 2016, apoiáronse 32 proxectos que xa deron lugar a 11 spin-offs e tres acordos coa industria, atopándose 15 proxectos en desenvolvemento comercial. En total, a través destes proxectos emprégase a máis de 150 profesionais de alta cualificación e lévanse captado máis de 27M€ de financiamento público e privado a nivel nacional e internacional.

Biotecnoloxía, intelixencia artificial e cuántica

A maiores, o Executivo galego está traballando en tres novas convocatorias de cara a 2026 como se anunciou no acto de presentación do Plan de investigación e innovación 2025-2027. Estas iniciativas, dotadas con máis de 10M€, reforzarán a competitividade dos sectores estratéxicos galegos a través do financiamento de proxectos de I+D+i.

Centraranse en tres ámbitos prioritarios para Galicia: proxectos colaborativos no sector da biotecnoloxía, para reforzar as capacidades do sector; proxectos colaborativos de tecnoloxías profundas, dirixidos ao fomento da intelixencia artificial e a cuántica, e apoio a proxectos de investigación e desenvolvemento empresarial, para xerar solucións tecnolóxicas de alto impacto e o fomento do emprego altamente cualificado.

R., 2025-04-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES