
A tecnoloxía da iniciativa galega será desenvolvida pola Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (FCITICG), da Universidade da Coruña, e no seu despregamento participarán a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A iniciativa tamén contará coa participación do Clúster TIC de Galicia, que xogará un papel esencial na difusión do coñecemento adquirido entre as empresas tecnolóxicas desta Comunidade
A relevancia deste proxecto radica na súa capacidade para mellorar os resultados da transcrición de audios de baixa calidade, así como a incorporación do inglés a un modelo que xa entende o galego e o castelán. Tamén incorpora un sistema de detección automática do idioma. Estes audios son usados para a verificación de datos nas emerxencias e, en ocasións, tamén con fins xudiciais.
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou a importancia deste proxecto para Galicia porque o coñecemento de como o Regulamento afectará ao desenvolvemento e posta en marcha de sistemas de IA é o principal valor da participación nesta contorna de probas. Segundo manifestou, este coñecemento tamén facilitará que a Xunta poida asegurar un despregamento seguro da IA e, coa implicación do Clúster TIC, reducir as incertezas da empresas.
Finalmente, Cerviño indicou que a participación nesta experiencia mantén á nosa Comunidade na vangarda do desenvolvemento, liderado por Europa, dunha intelixencia artificial ética e segura. Neste sentido, lembrou que Galicia é a primeira rexión europea en dispor dunha lei que garante e ofrece mecanismos para facer valer os dereitos das persoas ante o uso da IA por parte da Administración e tamén é o lugar que acolle a primeira axencia estatal de supervisión de intelixencia artificial que se creou no ámbito europeo.
O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, puxo de manifesto que se trata dun proxecto totalmente único e novo en España e de enorme interese para aumentar o nivel de eficacia no servizo que se dá no 112. Araújo considera que o uso da IA na transcrición de chamadas de voz xera unha eficiencia que se traslada a unha mellor atención, máis concentrada e cunha maior implicación dos operadores nos procedementos e avisos aos medios operativos, o que representa un beneficio para a Administración pública e para o servizo que se lle dá á cidadanía.
Pola súa banda, o director do CITIC da UDC, Manuel González Penedo, destacou que o noso proxecto sexa o único galego seleccionado entre as doce propostas a nivel nacional é un reflexo de que Galicia está á vangarda na implementación de solucións innovadoras baseadas en IA. Desde o CITIC levamos anos colaborando coas administracións públicas, e este traballo reforza o noso compromiso co desenvolvemento tecnolóxico aplicado á sociedade. Este proxecto, dirixido por Tiago Manuel Fernández Caramés e eu mesmo, permitirá seguir avanzando na integración da IA en servizos esenciais. Ademais, servirá como base para definir as boas prácticas e o marco normativo que garantirán o seu uso responsable e eficiente.
As contornas de probas, promovidas polo Regulamento europeo de IA, permitirán a elaboración das guías técnicas baseadas na experiencia para a aplicación desta lexislación de ámbito comunitario que representa un referente mundial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.