Noticias

Corazón da Artesanía de Agolada ofrecerá oito cursos de formación especializada

Na edición deste ano destacan os cursos de formación en técnicas tradicionais a través de artesáns reputados e de longa traxectoria nos seus ámbitos. O artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Premio Nacional de Artesanía de 2023, impartirá un curso centrado na cestería en espiral empregada tradicionalmente para fabricar pezas para transportar dende alimentos ata auga. Leiro é un artesán que colabora habitualmente coa empresa Loewe e no 2023 foi recoñecido tamén co Premio Mestre Artesán Círculo Fortuny ao mellor artesán de vangarda. O curso está dirixido a profesionais ou interesados con coñecementos previos.

A Xunta abre hoxe o prazo de inscrición para os oito cursos de formación especializada que está previsto realizar no marco do Corazón da Artesanía. XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se vai celebrar os días 5, 6 e 7 de xullo nos Pendellos de Agolada (Pontevedra). A través da Fundación Artesanía de Galicia organízanse cursos centrados na cestería, no bordado, na olería tradicional de Buño, na tapicería, no debuxo e mais un obradoiro práctico sobre decoración de mesas. Para todos eles é precisa a inscrición previa e as solicitudes xa se poden realizar a través da páxina web da Fundación artesanía de Galicia.

Na edición deste ano destacan os cursos de formación en técnicas tradicionais a través de artesáns reputados e de longa traxectoria nos seus ámbitos. O artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Premio Nacional de Artesanía de 2023, impartirá un curso centrado na cestería en espiral empregada tradicionalmente para fabricar pezas para transportar dende alimentos ata auga. Leiro é un artesán que colabora habitualmente coa empresa Loewe e no 2023 foi recoñecido tamén co Premio Mestre Artesán Círculo Fortuny ao mellor artesán de vangarda. O curso está dirixido a profesionais ou interesados con coñecementos previos. O Corazón da Artesanía acollerá tamén un curso de Iniciación á espartería, impartido por Pedro A. Blanco, sexta xeración do obradoiro Ubedíes Artesanía (Úbeda, Jaén), finalista do Premio Nacional de Artesanía e pertencente ao Proxecto “Craft in Progress” Premio Nacional de Artesanía para Entidades Públicas 2019. Neste curso os asistentes traballarán con técnicas de trenzado e de cosido do esparto para elaborar unha alfombra e outras pezas con fibras como a pita ou o sisal. A actividade está dirixida a profesionais da artesanía, do deseño e persoas interesadas no oficio da cestería.

Tamén relacionado coa cestería está o obradoiro Banqueta encordada con fibras vexetais, a cargo de Belén Martínez, do obradoiro Casa Atlântica (Redondela), no que rescatará técnicas artesanais de cestería para encordar unha banqueta utilizando fibras vexetais recollidas na súa contorna e con tinguidos naturais. A actividade está dirixida a profesionais da artesanía, do deseño e persoas interesadas no oficio da cestería.

Aprender da tradición

Na programación de cursos especializados inclúense dúas actividades impartidas por dous dos docentes que formaron parte do programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas impulsado pola Xunta dende finais de 2023 para a renovación e a conservación de técnicas e de oficios tradicionais na artesanía galega. A tapiceira Estelle Bisson de Atelier Estelle B (A Coruña) impartirá un curso sobre Tapicería tradicional no que amosará dende a colocación das cinchas e resortes, gornecer a peza para lle dar forma ao asento e a colocación da tea e da pasamanería. Está dirixido a profesionais da artesanía, do deseño e persoas interesadas no oficio da restauración e do moble.

Pola súa banda, Antonio Pereira e Luz Díaz, do obradoiro Alfarería Rulo (Buño, Malpica de Bergantiños), impartirán o curso Técnicas tradicionais da olería de Buño. Levantado e decorado dunha peza. Os participantes empregarán un torno tradicional e coñecerán o método que os docentes empregan para pintar as súas pezas, especialmente os pratos tradicionais. Está dirixido a profesionais da artesanía, do deseño e persoas interesadas no oficio da olería e da cerámica e conformarase un grupo diferente para cada un dos días.

Concurso do diario gráfico

A artesá Minia Banet, do obradoiro Variopinto (Santiago de Compostela) dirixirá un curso de Bordado sobre Fotografía no que os asistentes empregarán diferentes puntos de bordado para engadirlle cor e textura a fotografías dos pendellos de Agolada. Para este curso non se precisan coñecementos previos en bordado e participará un grupo diferente para cada día.

Durante toda a fin de semana desenvolverase tamén o Diario gráfico Corazón da Artesanía: Urban sketching. As mans que traballan, un curso orientado a captar o ambiente do evento nos pendellos de Agolada e retratar o espazo, a contorna e as demostracións dos artesáns en directo a través do debuxo. O domingo pola mañá celebrarase un concurso entre os diarios elaborados e seleccionaranse dous gañadores. O primeiro premio estará dotado con 350€ e o segundo cun lote de produtos de Artesanía de Galicia. Esta actividade estará dirixida pola artista afincada en Barcelona Maru Godàs.

Ademais dos cursos de formación especializaciada, o venres 5 de xullo celebrarase no marco do Corazón da Artesanía un obradoiro de decoración de mesas chamado A mesa perfecta e impartido pola directora de arte Rosana A. Agrelo (Pontevedra). Neste obradoiro, vinculado ao proxecto Artesanía no Prato que xunta artesanía e gastronomía, os asistentes aprenderán a utilizar dunha maneira práctica e creativa difrentes elementos que lle dan á mesa unha personalidade propia.

Obradoiros abertos

O Corazón da Artesanía funciona tamén como un espazo de divulgación e de achegamento dos nosos oficios artesanais a todo tipo de públicos, polo que en cada edición deséñase unha programación de obradoiros abertos e gratuítos, que lle permiten aos asistentes iniciarse en diferentes técnicas e/ou oficios.

A cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022, dirixirá un obradoiro de Cestería colaborativa na que se creará unha estrutura a través do tecido intuitivo. O artesán Jorge Bellón (Santo André de Teixido, Cedeira) será o encargado de dar a coñecer a historia das tradicionais figuras elaboradas con miga de pan, os sanandresiños, e de guiar os participantes na elaboración destas pezas.

Sandra Betanzos, do taller Amorote Printing Workshop (Ames) encargarase da actividade Estampaxe colectiva e impartirá un obradoiro diferente cada día. O venres estamparanse cadernos con selos de Amorote, o sábado personalizaranse avionetas de goma eva e o domingo crearanse medusas con elementos variados con papel e téxtil estampado.

Os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), ofrecerán un obradoiro de tecido colectivo de tapices nun gran bastidor cúbico; mentres que a actividade de Iniciación ao torno cerámico correrá a cargo de varios ceramistas: Nerea Carpente, do taller Peixe Nero (Covelo), Carlos San Claudio (Vigo) e a Asociación Galega da Cerámica e outras artesanías A Escola (Gondomar).

O horario de todos estes obradoiros abertos será de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas e non requiren de inscrición previa.

R., 2024-06-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'. 'A arte é unha posibilidade de abrir mentes e iso é básico para o labor dunha universidade pública', dixo.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para a terceira edición das Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que este xoves se celebraron no campus de Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia de arredor de 90 profesionais e alumnado das tres universidades públicas galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias para debater e avanzar sobre o papel da educación nos procesos de reinserción.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES