Noticias

Galicia recuperou os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución 'moi positiva' do emprego feminino

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) presentou os resultados do estudo 'A Economía Galega Informe 2022'. A análise conclúe que Galicia logrou recuperar os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución "moi positiva" do emprego feminino. Ademais, valora o "impacto positivo da reforma laboral" na redución da temporalidade e o aumento na contratación fixa-discontinua, malia non acadar unha mellora na contratación en prácticas e formación. O informe foi presentado nun acto presidido polo reitor da USC, Antonio López que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados (CEA).

Tamén participaron Dolores Riveiro García, directora do IDEGA; Roberto Bande Ramudo, decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC; Luis Miguel Varela Cabo, catedrático da USC e director técnico da Asociación Galega do Hidróxeno; a deputada provincial e presidenta da Comisión de Política Social, Educación e Mocidade, María Del Mar García Vidal; e José Manuel López Marcos, director comercial de Caixa Rural Galega. "Esta é unha análise rigorosa dos diferentes sectores que integran a economía galega, estratéxicos á hora de contribuír á toma de decisións", subliñou Antonio López ao poñer en valor o estudo do IDEGA.

A publicación, coordinada por Dolores Riveiro e Roberto Bande, analiza o mercado de traballo, o eido agrario, a pesca, a industria, a construción, os servizos e os sectores turístico, financeiro, público e exterior. Este novo documento engrosa a serie de informes que se editan con periodicidade anual dende 1986 e abre unha nova etapa coa colaboración da Deputación da Coruña e de Caixa Rural Galega. A edición 2022 do estudo pon o foco na "caída do emprego autónomo" e no incremento da ocupación nos servizos e reducións na industria e agricultura xunto cun "claro envellecemento da poboación ocupada". De feito, sublíñase "o relevo xeracional como reto a curto/medio prazo".

Sector agrario e pesca
O complexo agroalimentario ten un importante peso na economía galega: o 5,6% do valor engadido bruto (VEB) total e 6,3% do emprego total. Neste senso, o informe destaca que o complexo da madeira xera o 1,7% do VEB total e o 2,3% do emprego. O ano 2022 caracterizouse segundo o estudo “por un aumento da produción vexetal e un descenso na produción animal, incluída a produción de leite". Ademais tamén se pon o foco no "acusado aumento dos prezos percibidos polos agricultores, tanto en produción vexetal como animal". Doutra banda, o aumento da renda agraria por ocupado é dun 1,2%, moi lonxe da media europea (12,1%) "pero claramente mellor que no conxunto estatal" (-3,5%). "Os niveis da renda seguen afastados das medias española e europea" malia que as melloras na renda agraria compensan as caídas producidas en 2020 e 2021.

A pesca constitúe, pola súa parte, "o maior vector de especialización de Galicia". A Comunidade Autónoma conta coa "principal flota rexional da UE, pero moi envellecida". O informe tamén destaca que a produción de mexillón mantense estable, a diferenza do declive observado en Europa dende a década de 2000. O forte impacto do encarecemento dos inputs enerxéticos, xa que se produciu un efecto substitución por produtos máis baratos, é outra das cuestións que pon en valor o documento xunto coa "forte expansión da industria conserveira e procesados nos últimos anos".

Industria e sector exterior
No relativo á industria, o informe constata a caída do 2% no VEB industrial en 2022, fundamentalmente debida ao sector enerxético. A pesar da caída, o emprego aumentou en 1.400 traballadores. Nun contexto de dificultades na subministración de compoñentes, a facturación da produción de automóbiles aumentou en 350 millóns de euros. A metalurxia sofre, pola súa parte, un importante retroceso, debido á subida dos prezos da enerxía. O estudo tamén detecta un "forte aumento dos prezos dos produtos industriais do 13%, que non veñen explicados polo aumento dos custos salariais" xunto coa caída das exportación industriais. A especialización en fabricación de pezas de vestir, vehículos de motor e madeira é outra das cuestións abordadas no documento.

O récord en canto ao tamaño do comercio exterior en termos monetarios cun aumento interanual das exportacións do 23,4% e do 34,5% das importacións é outra das cuestións tratadas no informe. A UE é o principal cliente das exportacións galegas (64%) malia producirse un aumento no peso das importación procedentes de Asia e América.

Construción, servizos e turismo
Por primeira vez dende 2019 a produción do sector da construción medra, pero lonxe dos niveis previos á pandemia cun encarecemento dos materiais de construción nun 16,3%, sinala o informe. O escaso dinamismo da oferta de vivenda, mentres a demanda aumentou moderadamente ao longo de 2022, é outra das cuestións tratadas xunto ao feito de que a compravenda de vivenda se concentra en vivenda usada (93% do total). As vivendas máis baratas atópanse en Ferrol, e as máis caras en Vigo.

Pola súa parte, os servizos eríxense no principal sector detrás do crecemento do PIB galego en 2022 cun aumento da cifra de negocios en todas as ramas, especialmente na hostalería (44,5%) e cun incremento da ocupación do 2,8% (800.000 ocupados no sector). O documento tamén destaca a recuperación do transporte interior de mercancías, ou que o aeroporto de Santiago de Compostela acada un récord de pasaxeiros (3.236.619) mentres que os outros dous non superaron o millón. Nos portos increméntase o volume de toneladas transportadas nun 15,4%.

O turismo volve á normalidade despois da pandemia, con máis de 10 millóns de chegadas en 2022, sendo Terras de Santiago o principal xeodestino por pernoctas (86% son de fora de Galicia). O gasto total realizado polos turistas é de 3.800 millóns de euros mentres que o maior gasto diario realízano os estranxeiros (124,5 euros), seguidos dos turistas estatais (66 euros) e os galegos (44 euros). O estudo detecta unha "forte estacionalidade, en todos os tipos de aloxamento" con estadías medias dos estranxeiros de 9,5 noites. Os turistas estatais teñen estancias medias de 6,9 noites, e os galegos de 2,8. Existe tamén "un importante auxe das vivendas turísticas" o que fai necesaria a regulación do sector. A forte recuperación do número de peregrinos, sendo o Camiño Francés o máis importante, con fortes crecementos dos outros camiños, é outra das cuestións tratadas.

Sectores financeiro e público
O aumento nos tipos de xuro dos créditos, non así os dos depósitos, é un dos aspectos destacados no eido financeiro xunto coa desaceleración no crecemento no número de depósitos e de créditos e a redución do tamaño da rede comercial, tanto en oficinas como en empregados. Detéctase un aumento da concentración do sector e no número de concellos sen oficinas bancarias (54 en total). O informe subliña que máis de 67.000 galegos están en risco de exclusión financeira.

O endebedamento total de Galicia sitúase en 11.977 millóns de euros, o 17,2% do PIB, moi por debaixo da media das Comunidades Autónomas (23,9%). Ademais, recibíronse 441 millóns de euros do fondo REACT-UE e 1.129 millóns de euros do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O informe detecta unha "forte caída do investimento da Administración central en Galicia" e unha "certa recuperación do gasto sanitario, que caera con forza dende a crise de 2008". A pesar de representar unha porcentaxe moi relevante do total, non logra retornar aos niveis previos.

Equipo
O equipo da USC que integra o estudo compóñeno Juan J. Ares Fernández, Belén Fernández Castro, Manuel Fernández Grela, Diana Fernández Méndez, Melchor Fernández Fernández, Edelmiro López Iglesias, Miguel Pazos Otón, María José Piñeira Mantiñán, Gonzalo Rodríguez Rodríguez, Bernardo Valdés Paços, Miguel Anxo Vázquez Taín e Manuel Vilas Fernández, xunto con Ana Suárez Piñeiro que desenvolveu a corrección lingüística.

R., 2023-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-carretilla.jpg) Galicia pechou abril con 1.103.820 afiliacións á Seguridade Social, 16.386 cotizantes máis ca en abril do ano pasado, e con 112.293 persoas no paro, 3.252 menos que no mesmo mes de 2025. No caso das afiliacións, na comparativa anual aumentan nun +1,51 % e tamén medran na comparativa mensual (+7.944 afiliacións máis, +0,72 %). De feito, en termos intermensuais, trátase do segundo maior aumento, tanto en termos absolutos como relativos, dun mes de abril desde que hai rexistros, despois do acadado o ano pasado. En relación co desemprego, este cae tanto na comparativa anual, cun descenso do -2,81 % como na mensual, neste caso cun recorte do -2,07 %, o que implica 2.377 persoas desempregadas menos con respecto a marzo.
Foto de la tercera plana (20260505-xunta.JPG) O evento celebrarase o 8 de xuño e concentrará a máis de 30 chefs con Estrella Michelin, nunha cita que, como definiu o organizador, Rogelio Rial, 'non só pon en valor o talento culinario, senón tamén o noso territorio, o Camiño de Santiago e a capacidade dun lugar como Negreira para acoller un evento deste nivel'. Esta edición homenaxearase ao célebre cociñeiro Juan Mari Arzak e colaborarase coa asociación Art for Dent, reforzando o compromiso social da iniciativa.O director de Turismo de Galicia puxo en valor a conexión entre gastronomía e Camiño de Santiago que impulsa a iniciativa.

Notas

A UDC vén de obter máis dun millón de euros para reforzar a investigación en computación e comunicacións cuánticas no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Este financiamento, concedido no marco dunha convocatoria impulsada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación, permitirá dotar ao centro de novas capacidades científicas nun ámbito clave para o desenvolvemento tecnolóxico das próximas décadas.
A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, conta desde agora cun novo catálogo. Nel recóllense en imaxes e texto dez mostras, de arredor dunha vintena de artistas moi diversos, que foron expostas nos seus muros entre setembro de 2023 e xullo de 2025 no marco do ciclo expositivo Recipro-edadiC, dirixido polo artista en profesor xa xubilado da Universidade de Vigo Javier Blanco Sierra.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES