
Esta actividade contou coa participación, entre outras autoridades, da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, e a delegada do reitor para temas de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Pérez.
Nesta edición presentáronse 32 traballos de Fin de Grao e 11 de Fin de Master e o xurado dictaminou outorgar o premio ao mellor Traballo Fin de Máster ao titulado Conquistando o baleiro: as voces de profesoras e alumnas en ciclos formativos masculinizados, de Ana Souto Mínguez, da Universidade da Coruña. No caso dos Traballo Fin de Grao, ex aequo, os premios foron para Carmen Castrillo Sotelo, da Universidade de Santiago de Compostela por A xestación por substitución no Dereito Civil español: a aceptación tácita dos efectos dun contrato nulo, e para Cinthia Piñeiro Acevedo, tamén da USC, por Quen son elas? O deporte dende a perspectiva de xénero.
Sorpréndenos a participación, a visión e a magnitude dos enfoques"
Con esta van xa tres edicións dos premios e, tal e como recalcou durante o acto a valedora, Dolores Fernández, a experiencia está a ser magnífica. Cada ano sorpréndenos a participación, a visión e a magnitude dos enfoques cos que chegan os novos traballos, subliñou a valedora, ao tempo que fixo fincapé en que todos os anos os traballos premiados anticipan debates sociais que no momento da concesión do premio non estaban aínda sobre a mesa. Tamén constatamos a motivación que lles supuxo ás autoras, sempre mulleres, orientar as súas investigacións cara a posición das mulleres na nosa sociedade, tal e como pretendemos na convocatoria destes premios, recalcou Fernández Galiño. Durante o acto de entrega a valedora destacou tamén a importancia de que o coñecemento que se atesoura nas universidades se transmita ás novas xeracións e, neste senso, lembrou que a convocatoria destes premios busca fomentar o estudo e a investigación, para abrir novos espazos ao coñecemento humano cos que identificar e nomear as discriminacións e as desigualdades e investigar medidas para erradicalas e seguir a avanzar na loita pola igualdade. Con vosos traballos estades a contribuír á creación dun corpo de doutrina nesta materia, feito desde a nosa contorna, as nosas universidades, subliñoulles ás tres alumnas premiadas.
Pola súa banda a conselleira de Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, aproveitou a súa presenza nesta acto para reivindicar que a nova lei galega de igualdade situará a Galicia á vangarda da loita contra calquera discriminación contra a muller, nomeadamente no eido laboral, ao regular o concepto de sustentabilidade social empresarial que contribuirá a crear unha verdadeira cultura empresarial para atraer e reter talento e crear equipos diversos. A maiores, lembrou tamén a importancia de ir creando conciencia para, pouco a pouco, ir combatendo as desigualdades que aínda persisten entre os homes e as mulleres. A discriminación por razón de xénero é a discriminación máis estendida en todo o mundo e en todas as épocas da historia, unha discriminación que adopta formas do máis diversas, desde as máis evidentes como a violencia física, ata outras máis difíciles de recoñecer, como as inxustizas, a falta de oportunidades e a precariedade que a veces se xera polo mero feito de ser muller, subliñou a conselleira, que tamén resaltou a importancia de ir derruíndo os roles de xénero. Desigualdades segue a haber e, polo tanto, temos que identificar as causas e, a partir de aí pór as medidas correctoras para, de forma conxunta toda a sociedade, seguir avanzando. Todos somos axentes claves nos cambios e nos avances que se teñen que dar, engadiu a conselleira.
Desde as universidades galegas tanto Julio Abalde como Mónica Valderrama fixeron fincapé no papel que están a levar a cabo as tres universidades galegas en todo o que ten que ver na loita pola igualdade, desde as medidas máis simbólicas, como o renomeamento dos edificios con nomes de mulleres que a historia se encargou de invisibilizar, ata outras de máis calado en favor da promoción das mulleres. As universidades galegas somos un exemplo conxunto do traballo a favor da igualdade, salientou Abalde.
Xunto a todas elas e eles o acto contou tamén coa participación de José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo de Galicia; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández; a secrataria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a presidenta da Comisión de Igualdade do Parlamento de Galicia, Marisol Díaz, así como numerosos integrantes da comunidade universitaria das tres universidades galegas.
Pioneiras e afoutas, mulleres bravas, invisibilizadas...
O xurado dos premios, que na súa meirande parte asistiu tamén ao acto, estivo constituído pola valedora do pobo e a súa adxunta, Mª Xosé Porteiro; María Castro, técnica de igualdade da Valedora do Pobo; Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; Marta Pérez Pereiro, representante da USC e Ana María Neira Pena, representante da UDC. Fernando de Andrés Alonso, secretario xeral da Valedora do Pobo, actuou como secretario do xurado e, no acto de hoxe foi o encargado de ir nomeando ás gañadoras para recoller os seus diplomas.
Nas súas intervencións cada unha expuxo os motivos que as levaron a investigar sobre estas temáticas. Arroupadas polas súas familias, explicaron con emoción, a importancia de pór en valor as historias de mulleres pioneiras e afoutas, mulleres bravas, mulleres invisibilizadas.
Cunha dotación económica de 1000 euros, as tres investigacións, tal e como se anunciou no acto, foron xa publicadas na web da Valedora do Pobo, no espazo Falamos de Feminismo.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.