Noticias

Galicia baixa dos 2.500 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.481, deles 565 son da área da Coruña, 301 da de Lugo, 381 da de Ourense, 274 da de Pontevedra, 332 da área de Vigo, 378 da de Santiago e 242 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 13 están en UCI, 253 en unidades de hospitalización e 2.215 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 665.387 persoas curadas, rexistrándose 3.845 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.963.874. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.715.588.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 naqueles casos que presenten síntomas leves de coronavirus, ou ben para resolver dúbidas relativas a covid-19. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Declaración responsable de autotest positivo e uso das máscaras

As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest poderán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, terán a súa disposición dúas modalidades para poder facelo dun xeito sinxelo. En primeiro lugar, a través da aplicación SergasMóbil, tal e como se explica no seguinte vídeo, ou ben, chamando ao número de teléfono 881 540 045.

Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; os centros sociosanitarios e o transporte público e de viaxeiros.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

R., 2022-08-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaje.jpg) O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
Foto de la tercera plana (20261006-xunta.jpg) O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares. Neste senso, o responsable autonómico de Lingua agradeceu a colaboración e implicación de todos os profesionais que participaron, baixo a coordinación do académico Manuel González, na elaboración deste documento.

Notas

O físico Francis Halzen (Tienen–Bélxica, 1944) galardoado este martes co premio Nobel de Física 2026 mantén dende hai case 40 anos unha estreita colaboración co persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, e cuxo comité asesor actualmente preside. Halzen conseguiu o galardón polas contribucións decisivas ao observatorio de neutrinos IceCube e polo descubrimento de neutrinos de alta enerxía de orixe astrofísica
A pesca artesanal galega está a responder de forma máis activa aos impactos do cambio climático, mentres o marisqueo a pé presenta unha situación especialmente vulnerable e unha menor capacidade de resposta. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Atac, Adaptación e Transformación da Pesca Artesanal ao Cambio Climático, liderado polo grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES