Noticias

Festaclown leva a Vilagarcía de Arousa unha vintena de espectáculos

Festaclown regresa a Vilagarcía de Arousa do 17 ao 21 de agosto cunha vintena de actuacións de compañías e artistas de referencia no mundo do circo, tanto dentro como fóra de Galicia. Durante cinco días sucederanse en diferentes espazos da localidade espectáculos de acrobacias, música, narración e clown, que conforman no seu conxunto un amplo programa escénico. O espectáculo inaugural celebrarase o mércores 17 de agosto ás 11,00 h. na praza de Galicia, da man de Pallasos en Rebeldía, Desastronauts e Clámide coa colaboración especial do Centro de Atención Integral Princesa Leticia Amencer.

Festaclown regresa a Vilagarcía de Arousa do 17 ao 21 de agosto cunha vintena de actuacións de compañías e artistas de referencia no mundo do circo, tanto dentro como fóra de Galicia. Durante cinco días sucederanse en diferentes espazos da localidade espectáculos de acrobacias, música, narración e clown, que conforman no seu conxunto un amplo programa escénico para o que a organización conta un ano máis co apoio económico da Xunta.

A implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades materialízase a través da convocatoria anual de subvencións á organización de mostras de artes escénicas, que neste exercicio mobiliza 200.000 euros. Culturactiva, organizadora do Festaclown, é unha das 13 beneficiarias que se reparten neste 2022 os fondos destas axudas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova edición do festival xunto ao seu coordinador, Nacho Fungueiriño, e aos representantes municipais. O acto contou, así mesmo, coa actuación de Con Eles e Clámide.

Na súa intervención, Sutil felicitou a organización pola súa decidida aposta por procurar a implicación do público a través dunha carteleira ao servizo do humor, así como polo compromiso social que atravesa cada ano a súa programación e que neste 2022 porá o foco especialmente nas mensaxes contra a guerra.

Escaparate do circo galego

A estes dous trazos propios que definen a esencia do Festaclown, o representante da Xunta engadiulle o seu labor como “escaparate da nosa produción de circo”, xa que o seu cartel ofrece unha escolma representativa das formacións galegas especializadas nesta disciplina artística. Estes tres piares, nos que se sustenta a programación, fan do Festaclown un exemplo dos eventos aos que contribúe o Goberno galego dentro da súa liña de apoio a festivais escénicos de carácter profesional considerados estratéxicos, tanto na súa contorna coma no seu ámbito creativo.

Un ano máis, Festaclown converterá Vilagarcía de Arousa nunha gran carpa para recibir artistas e compañías galegas tan destacadas como Desastronauts, Fran Boza, Troula ou Dani García e grandes nomes a nivel nacional e internacional como Cía Vaya, Entre Nous, Rojo Telón, Trotamundos, Kanbahiota ou Javier Ariza.

O espectáculo inaugural celebrarase o mércores 17 de agosto ás 11,00 h. na praza de Galicia, da man de Pallasos en Rebeldía, Desastronauts e Clámide coa colaboración especial do Centro de Atención Integral Princesa Leticia Amencer. Ese será o inicio oficial dun festival que contará cunha actuación previa para quecer motores. Celebrarase o sábado 13 ás 21,00 h. na praza da II República e consistirá nun espectáculo conxunto organizado por Culturactiva xunto á Banda Municipal de Vilagarcía de Arousa baixo o título Desconcerto.

Gala solidaria

Un dos pratos fortes deste ano será a Gala Solidaria que correrá a cargo de Pallasos en Rebeldía e que se celebrará o domingo 21 como colofón da programación. Neste evento manifestarase o compromiso pacifista de Festaclown, que este ano inclúe diferentes espectáculos con mensaxes contra a guerra. É o caso de pezas como Sen Guerras, que a compañía Clámide ofrecerá xunto a Asociación Con Eles o venres 19; SMILE, espectáculo da formación asturiana De Carmela que se verá tamén o venres, ou Contos pola paz, actuación de Anxo Moure prevista para o sábado 20.

O festival desenvolverá, ademais, unha nova edición do Certame Festaclown, que converterá o público no xurado deste premio que recoñecerá o mellor espectáculo. O galardón concédese a través das votacións nas que poderán participar as persoas de todas as idades que asistan ás funcións.

R., 2022-08-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES