
As axudas, que serán compatibles con outras subvencións que poidan solicitar os afectados, permitirán facer fronte aos danos ocasionados en vivendas, propiedades, empresas e explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras.
En base ao decreto para a concesión das axudas, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda deu conta do informe sobre a resolución pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas á reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico, ás que se destinan 3,2 millóns de euros.
Achegas para a íntegra recuperación dos fogares
As axudas para rehabilitación e reconstrución de vivenda habitual acadarán o 100% do custe, cun máximo de 122.400 euros. No caso de segundas residencias, serán do 100% cun límite de 61.200 euros, mentres que para enxoval doméstico o límite é de 15.000 euros para vivenda habitual e 5.000 para segundas residencias. Da convocatoria desenvolvida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo quedan excluídos os inmobles en estado ruinoso ou abandonados antes dos incendios. Segundo as primeiras valoracións realizadas, as edificacións afectadas andarían arredor das 130, pero o número de vivendas quedaríase no medio centenar, e a maioría delas serían segundas vivendas. O presidente do Goberno galego reiterou que a prioridade da Xunta é atender os que perderon as súas vivendas, de aí o carácter urxente das medidas adoptadas.
A Xunta concederá, ademais, axudas por valor de 850.000 euros para compensar os titulares de terreos cinexéticamente ordenados (tecores) e infraestruturas de uso público nos espazos protexidos afectados polos incendios forestais.
Os tecores contarán cun financiamento de 300.000 euros para recuperar hábitats cinexéticos e instalacións destruídas, en tanto que os concellos e montes veciñais en man común disporán dun orzamento de 350.000 e 200.000 euros, respectivamente, para recompoñer as infraestruturas danadas en espazos protexidos e reservas da biosfera. Polo que respecta aos titulares de infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas de biosfera, os beneficiarios serán os concellos e os montes veciñais en man común titulares de ditas infraestruturas, que poderán percibir o 100% do custe subvencionable cun importa máximo de 20.000 euros por proxecto presentado para a recuperación dos terreos afectados.
Ata 600.000 euros para negocios e comercios
Tamén poderán beneficiarse destas subvencións outorgadas pola declaración de emerxencia de natureza excepcional os titulares dos establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís afectados polos lumes. Segundo a convocatoria do Instituto Galego de Promoción Económica, as axudas terán unha contía do 100% do importe dos danos causados cun límite de 600.000 euros por persoas. As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e as axudas resolveranse por rigorosa orde cronolóxica de entrada en rexistro. Se ben a partida orzamentaria para o ano 2022 é dun millón de euros, prevese a posibilidade de incrementar o orzamento no caso de que sexa preciso cubrir máis solicitudes de persoas afectadas que cumpran os requisitos.
Convocatoria inmediata para explotacións no rural
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural publicará de inmediato unha convocatoria de axudas específica para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos incendios, que estará dotada cun total de 4 millóns de euros, a executar entre este ano e o vindeiro. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
No caso das subvencións para explotacións forestais, poderán concederse para a reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Tamén, para a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública, nas zonas afectadas polos lumes.
No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.
En todos os casos, as axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva por rateo, cuns límites máximos que estarán fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes oscilarán entre os 3.000 euros (para cubrir os custos de alimentación de gando) e os 50.000 euros (para a maquinaria forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos lumes).
As solicitudes para a concesión das axudas do decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo do presente ano poderán tramitarse ao día seguinte da publicación das respectivas convocatorias no Diario Oficial de Galicia e o seu prazo de presentación será dun mes. En total, o Goberno galego destinará máis de 9 millóns de euros a paliar os efectos dos grandes lumes.
Plan de realoxamento urxente de persoas maiores
Por outra banda, o titular do Goberno galego deu conta tamén do plan de realoxamento urxente de persoas maiores, con discapacidade ou con patoloxías crónicas dos núcleos de poboación afectados, coa posta á disposición da Xunta dun total de 54 prazas en residencias das provincias de Lugo e Ourense. Foi unha medida habilitada pola Consellería de Política Social e Xuventude que permitiu atender con rapidez ás persoas en risco e facer un seguimento da súa situación mentres non puideron volver aos seu fogares.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.