
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 naqueles casos que presenten síntomas leves de coronavirus, ou ben para resolver dúbidas relativas a covid-19. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Declaración responsable de autotest positivo e uso das máscaras
As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest deberán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, poderán facelo dun xeito sinxelo cumprimentando a declaración responsable dispoñible na web do Sergas.
Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; os centros sociosanitarios e o transporte público e de viaxeiros.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.
Presentouse en Lugo a sexta edición do evento Artesanía de Galicia no Courel, que se celebrará en diferentes localidades de Folgoso do Courel entre os días 5 e 9 de agosto e que incluirá cursos de iniciación con inscrición previa, así como obradoiros gratuítos e abertos ao público. A través desta iniciativa organizada pola Fundación Artesanía de Galicia coa colaboración deste concello lugués e da Fundación Uxío Novoneyra promóvese a presenza dos oficios artesanais nos espazos rurais e reforza a visibilidade da marca Artesanía de Galicia, ao tempo que favorece o achegamento do público ás técnicas tradicionais e aos valores do feito á man.
A creación coreográfica contemporánea chegará este mes a espazos abertos de cinco concellos galegos coa oitava edición de Danza no Camiño. O programa desenvolverá en Ferreira de Pantón, Tui, Ourense, Portomarín e Muxía a súa recta final entre o 12 e o 17 de xullo. Os espectáculos de produción galega terán unha presenza destacada nas dúas primeiras citas do festival en Galicia, nas que actuarán como convidadas as compañías de Julia Laport, Laboratorio Escénico, SóLODOS e Daniel Rodríguez Cía. Estas funcións terán lugar o domingo 12 de xullo na igrexa de Santiago de Castillón, en Ferreira de Pantón (Lugo), e o martes 14 na praza de San Telmo de Tui (Pontevedra), cunha selección de propostas que amosan diferentes linguaxes da danza contemporánea creada desde Galicia.