
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 naqueles casos que presenten síntomas leves de coronavirus, ou ben para resolver dúbidas relativas a covid-19. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Declaración responsable de autotest positivo e uso das máscaras
As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest deberán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, poderán facelo dun xeito sinxelo cumprimentando a declaración responsable dispoñible na web do Sergas.
Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; os centros sociosanitarios e o transporte público e de viaxeiros.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.
Os últimos concertos de Atardecer no Gaiás do mes de xullo traen unha das bandas galegas de rock máis internacionais do momento: Bala. O dúo coruñés actuará o xoves 23 de xullo, logo de ter pasado por escenarios e festivais de toda España, Reino Unido, Australia, Estados Unidos e Xapón. A actuación será ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con acceso libre e gratuíto. Con catro discos e un directo explosivo, Ánxela Baltar e Violeta Mosquera farán un repaso dos temas cos que deron forma a unha identidade única na escena. Guitarra, batería e voz son suficientes para lanzar disparos sonoros que lembran ao rock intenso dos 90 con influencias que van desde o stoner, ao hardcore e o punk.
Serán 33 os expedientes que serán avaliados nesta sesión co fin de acadar o máximo recoñecemento patrimonial por parte da Unesco. Esta valoración farase ao longo das xornadas do venres, do sábado, do domingo e do luns. A programación rematará o mércores 29 coa aprobación do informe final, a adopción de decisións e a clausura oficial do Comité. A previsión é que a resolución sobre a candidatura galega se coñeza 'entre o domingo 26 e o luns 27'. Cómpre lembrar que este encontro se leva a cabo na cidade de Busán, onde o expediente será analizado por 21 embaixadores de Estados membros, entre eles Armenia, Acerbaixán, Bangladesh, Chequia, Granada, Xamaica, Kazakistán, Kenia, Kuwait, Líbano, Mongolia ou Perú.