Noticias

Ábrese este sábado a vacinación sen cita a todos aqueles que aínda non recibiron a primeira dose

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a apertura este sábado dos centros de vacinación masiva para que calquera galego que non estea vacinado poida acudir sen necesidade de cita e recibir a súa primeira dose; así como a habilitación o luns e martes da vindeira semana -13 e 14 de setembro- de puntos de vacinación nos sete campus galegos para que, tamén sen necesidade de cita previa, a poboación universitaria que aínda non teña a vacina poida acudir a recibir a súa dose.

Durante a rolda de prensa para dar conta das novas medidas acordadas polo comité clínico, Feijóo destacou os avances que se teñen rexistrado no proceso de vacinación na Comunidade, onde un 92,5% da poboación diana xa conta cunha dose e o 85,8% da poboación susceptible de vacinarse xa se atopa inmunizada.

No tocante ás novas medidas aprobadas, o titular da Xunta precisou que, se ben nacen con vocación de permanencia, poderán ser revisadas se as condicións epidemiolóxicas e hospitalarias cambian dun xeito abrupto.

Así, en relación aos niveis de restrición de cada concello, Feijóo subliñou que dada a evolución da pandemia, desde a entrada en vigor das novas medidas o vindeiro sábado, non haberá ningún municipio galego en nivel máximo de risco: Melide e Monforte baixarán do nivel máximo ao nivel alto, onde tamén estarán Viana do Bolo, Curtis e A Pobra de Trives; outros 16 concellos estarán no nivel medio, incluído Ordes; e 292 quedarán no nivel medio-baixo. “É dicir, o 93,3% dos concellos e o 90,3% da poboación galega estará desde esta fin de semana no nivel máis baixo de restricións”, abundou.

Novo protocolo na hostalería

Respecto á hostalería, o responsable do Executivo galego subliñou que o novo protocolo aprobado servirá de guía para os vindeiros meses, co obxectivo de reforzar a seguridade sanitaria e co compromiso coa hostalería segura e de que ningún local deba pechar por completo independentemente da situación epidemiolóxica do concello no que se encontra.

Deste xeito, Feijóo avanzou o establecemento de dous niveis, segundo o grao de compromiso do local. “Nos locais de tipo 1, a ocupación máxima será do 50% en interiores e do 75% en exteriores”, dixo, precisando que estes terán que cumprir cos requisitos mínimos de seguridade sanitaria, pactados co sector: distancia de 1,5 metros entre mesas; exposición pública dos aforos permitidos do local; medidor de CO2, con anotacións como mínimo cada catro horas; máscaras cirúrxicas para o persoal, que se deben cambiar cada 4 horas; e dúas horas de formación en protocolos covid para o persoal.

En canto aos locais de tipo 2 -aqueles que incrementan os requisitos e as medidas-, poderán chegar ao 75% de ocupación no interior e ata o 100% na terraza; ademais de facer uso das barras, sempre para utilización individual ou de dúas persoas se son conviventes.

Así mesmo, deberán cumprir cunha distancia mínima de 1,5 metros non xa entre mesas, senón entre persoas de distintas mesas; cun rexistro de clientes -só para restaurantes-; cun medidor de CO2 continuo, coa recomendación de contar con actuadores que fan saltar automaticamente o aire acondicionado cando se supera determinado nivel; disporán de máscaras FPP2 para aqueles empregados que así o requiran, facilitándolles probas diagnósticas cada 7 ou 14 días, dependendo da situación epidemiolóxica; e catro horas de formación en protocolos covid para o persoal.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que en ambos casos, tanto para nivel 1 como para nivel 2, o horario de peche será a unha da madrugada. E, a maiores, reservarase un terceiro nivel de seguridade, para casos extraordinarios cando así o requira a gravidade da situación epidemiolóxica e a ocupación asistencial.

Logo de insistir en que este protocolo entrará en vigor o vindeiro 15 de setembro, confirmou tamén que ao longo destes días traballarase na elaboración dun novo protocolo para o ocio nocturno, co obxectivo de que entre en vigor a principios de outubro.

Aforos doutras actividades

Sobre os aforos doutras actividades, avanzou que nos eventos deportivos, a ocupación pasará en xeral ao 60% en exteriores e 40% en interiores, con independencia do nivel do concello, e na liña do aprobado no Consello Interterritorial. O DOG incluirá unha salvidade para non prexudicar aos pequenos recintos que, coa normativa vixente, tiñan autorizadas ocupacións superiores.

Na actividade deportiva non federada, incluíndo ximnasios, levarase a cabo un diálogo entre a Xunta e o sector para poñer en marcha un protocolo semellante ao da hostalería, fixando medidas independentemente da situación. E os centros cívicos sociais e sociocomunitarios, pasarán de estar pechados nos niveis máximo e alto a ter un 50% de capacidade, mentres que no medio e medio- baixo pasarán do 50 ao 75%.

“En definitiva, estas novas medidas para os distintos sectores permiten salvagardar á actividade, dar seguridade para os vindeiros meses e ir dando pasos adiante ao tempo que se mantén a seguridade sanitaria”, afirmou, facendo fincapé en que o fin é buscar unha maior homoxeneidade.

R., 2021-09-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES