Galicia rexistra un total de 18.776 casos activos por coronavirus
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.776 deles 3.653 son da área da Coruña, 2.181 da de Lugo, 2.209 da de Ourense, 3.005 da de Pontevedra, 4.412 da área de Vigo, 2.395 da de Santiago e 921 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 242 en unidades de hospitalización e 18.499 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 133.336 persoas curadas, rexistrándose 2.455 falecementos. O número de PCR realizadas é de 2.544.167. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.475.339.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e indicacións sobre o uso da máscara
Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.
Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara en espazos interiores, e en todas aquelas situacións -tamén no exterior-, nas que non se poida garantir unha distancia interpersoal de 15 metros, de acordo á Orde do 25 de xuño.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.
Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.
R., 2021-07-29
Actualidad

O informe da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cifra en 2.943 as vivendas de promoción pública en marcha diferentes fases de tramitación e execución na comunidade. Estas vivendas forman parte do traballo do Goberno galego para duplicar o parque público residencial, o que significa que neste momento a Xunta ten xa en marcha o 73 % dos novos fogares comprometidos para esta lexislatura. Cómpre recordar que en 2025 o Goberno galego triplicou o orzamento destinado á vivenda pública e solo residencial. O Informe reflicte así que neste momento, a Xunta de Galicia ten 2.943 vivendas de nova construción en marcha, o que supón un investimento xa licitado de 208 M, e un total estimado de 451 M.

A nova ferramenta, que se activará nos próximos días, está configurada como un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poderán empregar os docentes en calquera momento en que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada, tal e como informou Rueda, nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP. Logo da decisión do profesor de activar o Termómetro Acoso Escolar, e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.
Notas
Cando se cumpre un lustro do seu nacemento, a G-Night, Noite das Persoas Investigadoras, achegará o vindeiro 26 de setembro máis de 200 actividades de divulgación científica ás sete principais cidades de Galicia. Baixo o lema 'Conciencias creativas', as sete cidades serán escenarios de decenas de actividades para achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo.
Achegar o patrimonio e a arqueoloxía á xente e facer que a sociedade civil coñeza, protexa e sexa a protagonista da historia é o obxectivo de 'Fortalezas da Fronteira', un proxecto cultural no que participa a USC, e que pretende poñer en valor o rico patrimonio que oculta a fronteira dunha e outra beira do Miño. O proxecto está actuando no xacemento de 'As Torres', no Concello de Tomiño, coa participación de arqueólogos e comunicadores conxuntamente coa Comunidade de Montes de Taborda e do que forman parte mozos e mozas dun Campo de Voluntariado da Xunta.