Noticias

Galicia avanza co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial no deseño do polo aeroespacial de 2025

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo en Madrid unha reunión de traballo co director xeral do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (Inta), José María Salom, para avanzar no deseño da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025. Na cita, na que tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacouse a importancia de contar coa colaboración do organismo público dependente do Ministerio de Defensa para posicionar Galicia, a través das instalacións situadas en Castro de Rei (Lugo), como un referente no sector e impulsar así o seu crecemento económico.

Neste sentido, Conde puxo en valor a importancia do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (Ciar) como motor esencial da Estratexia 2021-2025, xa que nestes momentos conta cunhas instalacións pioneiras en Europa para a realización de ensaios certificados e para a investigación con drons. Así, avogou por afianzar a colaboración entre Xunta e Inta para consolidar o liderado do Polo Aeroespacial de Galicia e convertelo na primeira Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular (Icts) en España especializada en vehículos aéreos non tripulados e avanzar na súa sustentabilidade económica.

O Goberno galego aposta por un Plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia de cara aos próximos cinco anos co que se espera a participación de máis de 200 pemes do sector; a atracción de, alomenos, catro a oito empresas tractoras; a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos servizos públicos; a firma de, como mínimo, cinco acordos de I+D de compra privada de innovación ao ano; e a incubación ou aceleración de 24 novas empresas.

Trátase dun dos proxectos tractores que integran a candidatura de Galicia aos fondos Next Generation, polo que se finalmente o Goberno central accede a que o Polo Aeroespacial forme parte deste programa europeo, podería chegar a mobilizar 540M€ de investimento público-privado, dos cales xa ten comprometidos 70M€ –destes, 40 millóns se destinarán a licitación de Compra Pública Precomercial que será publicada ao longo do mes de xullo–.

O vicepresidente económico sinalou esta mañá o compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento dunha política industrial e de innovación activa orientada ao desenvolvemento do sector aeroespacial e destacou a oportunidade que supón a Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025 para xerar emprego de calidade e atraer e captar ao mellor talento. Ademais, valorou a colaboración público-privada como ferramenta clave para contribuír ao fortalecemento das capacidades de universidades e empresas dos sector aeroespacial e lograr un incremento da cooperación entre o sector empresarial e industrial e os centros de coñecemento e tecnoloxía.

Desde a súa posta en marcha no 2015, o Polo Aeroespacial de Galicia xa ten permitido mobilizar 164 millóns de euros –dez veces máis do investimento previsto– e sumar a participación de 937 profesionais e medio cento de pemes e centros de coñecemento galegos. Ademais, conta coa implicación de tres compañías referentes no sector como son Indra, Babcock e Boeing.

R., 2021-06-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES